Denuncian que o plan de restauración da mina de Touro deixa fóra "toneladas de lodos tóxicos"

Arzúa Sostible considera o anuncio de tratamento das augas por parte de Cobre San Rafael é "só unha ferramenta de propaganda".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/03/2022 | Actualizada ás 14:42

Comparte esta noticia

O colectivo Arzúa Sostible advirte que o anuncio da filial de Atalaya Mining e Explotaciones Gallegas do seu 'Plan Integral' de tratamento de augas é "unha ferramenta de propaganda da empresa" que, adamais, "oculta as carencias dun proxecto" que cualifican de "inconsistente, incompleto e ineficiente" posto que "non poñerá solución ás zonas máis contaminadas de Galicia".

Cobre San Rafael comeza as obras do Plan de Restauración Integral das Augas da Antiga Mina de Touro
Cobre San Rafael comeza as obras do Plan de Restauración Integral das Augas da Antiga Mina de Touro | Fonte: Europa Press.

Neste sentido, a "restauración integral" pretendida pola mineira deixa fóra de tratamento unha extensa área de terreos contaminados coa presencia de solos ricos en metais pesados procedentes da antiga explotación de cobre, así como numerosos cursos fluviais alén do Portapego e o Brandelos, segundo explica Arzúa Sostible.

Aínda que o proxecto de Cobre San Rafael anuncia a construcción dunha canle de drenaxe para evitar que a auga de chuvia penetre nun dos depósitos de estériles da mina, a empresa "está a ocultar a presenza de miles de toneladas de lodos mineiros de alta toxicidade para a saúde pública e o medio ambiente que non serán retiradas nunha extensa área de quilómetros cadrados", indica o colectivo, que denuncia que tampouco presenta "unha solución válida para a afectación grave dos acuíferos". 

Deste xeito, Arzúa Sostible considera que "a mineira pretende evitar a evidencia xerada pola contaminación nas zonas máis visibles para a poboación pero en absoluto solucionar de maneira "integral"a problemática ambiental xerada pola mina de Touro". 

CONTAMINACIÓN POR METAIS PESADOS

A contaminación por metais pesados é un problema inherente á minería metalífera, dado que a matriz mineral de elementos coma o cobre (Cu) vai asociada habitualmente a elementos indesexados como o plomo (Pb), o mercurio (Hg), o cadmio (Cd), o arsénico (As) ou o cromo (Cr), dañinos para a saúde humana e a biodiversidade.

A súa peligrosidade reside en que non son bioloxicamente degradables, o que fai que unha vez solubilizados a partir do proceso mineiro, poidan permanecer no ambiente durante centos ou miles de anos e impactar negativamente nos seres vivos por efecto da súa bioacumulación. De feito, elementos coma o arsénico, o plomo, o cromo ou o cadmio son considerados pola Organización Mundial da Saúde como elementos perigosos polo seu potencial para xerar distintos tipos de cancro.

Tendo isto en conta, incide Arzúa Sostible, "pretender reabrir e ampliar un proxecto cando non se tratan de maneira efectiva os pasivos ambientais existentes é comprometer a seguridade da poboación residente e o futuro das vindeiras xeracións".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta