Escenario 1 O partillamento do voto continúa mais ou menos tal como está e non hai xeito de formar maiorías absolutas ben definidas de esquerdas ou de dereitas. Neste caso considero posíbel que PP e PSOE cheguen a un acordo para constituír un goberno. De unidade nacional din, aínda que o único evidente é que é de unidade PP e PSOE. Acho que neste escenario ambos terían incentivos a compartillar o goberno xa que verían ameazado o seu duopolio do mapa político español. Ante isto, poderían concluír que o mellor para ambas partes é asinar temporalmente a paz e evitar o desgaste mutuo produto do confronto no medio da crise económica. A súa esperanza sería que a economía se recupere rapidamente e, unha vez esquecida, o electorado recupere a confianza no bipartidismo. Como as boas políticas acelerarían a recuperación económica entón este goberno tería incentivos a emprendelas. Por tanto, é relativamente probábel que este hipotético goberno PP-PSOE implementase parte das ambiciosas reformas estruturais que necesitamos para saír con folgos renovados desta desastrosa e persistente crise económica. Mais, tamén as contradicións internas deste goberno poderían bloquear todas as opcións. O que considero pouco probábel é que leven adiante a reforma das institucións políticas, o que algúns deron en chamar rexeneración democrática, pois sería pór en tela de xuízo os seus privilexios. Tamén creo que chegado o momento o PSOE estaría moito mais apurado para chegar a un pacto deste tipo, mentres o PP estaría mais forte e podería ser reticente a chegar a un pacto, esperando que o seu tradicional rival acabe por se esnaquizar.
Escenario 2 A esquerda radical xunta forzas electorais e logra uns resultados que lle permiten constituír goberno xunto co PSOE. O líder de Podemos xa está a presionar para que a confluencia electoral da esquerda radical ser produza. É un discurso que a Pablo Iglesias lle vai moi ben, pois en definitiva xoga ao mesmo que xogou no seu día Zapatero, a exhibir talante mais agora acompañado de indignación. O que non teño claro é se o ofrecemento vai a serio ou é simples táctica electoral para arrimar a ascua á súa sardiña. Podemos? Veremos. De concretarse este escenario a mudanza da mensaxe vacua do populismo ás políticas de goberno por parte da variada amalgama que é a esquerda radical pode ser digna de ver. Probabelmente tres cousas acontecerían. Por un lado, a metade de lexislatura, ou mesmo antes, o Estado ameazaría bancarrota mentres a economía iría camiño do abismo. Asistiríamos a algo semellante ao acontecido recentemente na Franza, mais de xeito mais traumático. O socialistas franceses gañaron as eleccións con promesas irrealizábeis. Mais víronse obrigados a abrazar a realidade. Ao hipotético goberno de esquerda radical tamén non lle restaría outro remedio. Mais, íalle custar mais entendelo. Sería ruín para o país, mais os acontecementos terían a vantaxe de revelar ao electorado o enfermizo rostro do populismo da esquerda radical, o que sería a vacina para un prolongado futuro. Por outro lado, o debate sobre a organización territorial do Estado abriríase de par en par. As presas de moitas organizacións nacionalistas periféricas de esquerda radical agromarían, ao tempo que se destamparían as contradicións coa esquerda nacionalista española e a dereita española clamaría ao ceo. Non teño nen idea de onde pode rematar o camiño. Mais a confusión podería ser proverbial. Por último, podería producirse unha reforma do sistema electoral, en particular unha redistribución territorial dos escanos. A actual distribución beneficia a PP e PSOE e prexudica a terceiras forzas estatais tais como UPyD e Esquerda Unida e, agora, a Podemos.
Escenario 3 A tenue recuperación económica consolídase, moitos abstencionistas recuperan a confianza no Partido Popular, que logra manter o tipo e pode formar goberno co apoio de forzas mais ou menos próximas. Entón case todo segue igual. Nada de reformas e a seguir esperando pola prosperidade. Case todo, mais non todo. Tan pronto como a situación económica llo permita o PP ha baixar impostos sen verse obrigado ao que certamente hai que facer: reformar o sector público para reducir o gasto. Sabe que as subas teñen cabreado a unha boa parte do seu electorado. De facto, previsibelmente, xa pouco antes das eleccións fará un pequeno xesto neste sentido. Ademais, o apoio ha requirir contrapartida. O PP algo terá que dar en troca. Se os votos que precisa o PP para formar goberno proveñen do nacionalismo periférico supoño que en contrapartida han exixir unha substancial mudanza do sistema de financiamento autonómico. Para todos ou polo menos para Cataluña. Se for para todos, é posíbel que a reforma vaia na dirección correcta de facer a cada quen mais responsábel dos seus ingresos, pois satisfaría a CIU. Se o votos provir de forzas neocentralistas como UPyD ou Citatans entón supoño que tentarían lograr unha reforma do sistema electoral na dirección apuntada no párrafo anterior. Secundariamente, tamén perseguirían unha laminación competencial do Estado Autonómico. En ambos asuntos encontrarían unha forte oposición en amplos sectores do PP. Mais en algo tería o PP que ceder
Un pode imaxinar mais posíbeis escenarios alén destes tres. Mais entendo que son actualmente os únicos probábeis. Mais todo pode mudar nuns pouco meses e o que agora parece imposíbel tornarse en probábel. A ver que acontece. O tempo dirá.