O futuro do mar en Galicia... Cando os netos xa non queren o traballo dos avós

"A falta de relevo xeracional é moi preocupante no futuro", di Miguel Ángel Iglesias, patrón maior de Rianxo. A crecente presenza de "traballos máis modernos" provoca a falta de interese polo mar na xente nova do pobo. A Covid e a crise económica agravan a situación.

Por Pablo Chao | Santiago de Compostela | 27/03/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Cando se fala do mar en Rianxo, non só se fala dun atractivo turístico, senón tamén do centro da súa economía. De feito, a relación entre a vila e o mar enténdese á perfección analizando o peso económico das súas actividades.

Barcos pesqueiros
Barcos pesqueiros | Fonte: EUROPA PRESS - Arquivo

Segundo os datos facilitados polo patrón maior de Rianxo, Miguel Ángel Iglesias, o sector mariñeiro supón actualmente un 20% do PIB total do pobo. Aínda que é unha porcentaxe importante, hoxe en día hai outras moitas actividades fóra do mar que acaban sustentando o resto da economía do pobo. 

Porén, hai menos dun século a situación era bastante diferente. Daquela, a dependencia do mar na vila era case plena, chegando a supoñer arredor dun 90% do seu PIB. Como consecuencia, practicamente todos os rianxeiros acababan tendo un vínculo directo coas actividades mariñeiras, e ditas labores ían traspasándose de xeración en xeración. "Sen o mar non existiría Rianxo, polo menos tal e como o coñecemos hoxe en dia", afirma Iglesias.

O mundo mariñeiro que coñecemos na actualidade pouco ten que ver co de hai un século. Máis aló dos problemas que rodean ao sector actualmente, a falta de relevo xeracional é un dos puntos máis preocupantes de cara o futuro. O patrón maior explica que “a crecente presenza de ‘traballos máis modernos’, fai que a xente nova non aprecie o bonito do tradicional e da nosa cultura”.

Con todo, o paso dos anos tamén trouxo melloras para os traballadores, e especialmente para as traballadoras, conseguindo eliminar practicamente as etiquetas de xénero que envolvían ás diferentes labores. Pero, mudou tanto a situación do sector co paso dos anos?

O MAR E A CHEGADA DO SÉCULO XXI

"Ata o século XIV, o traballo do mariñeiro estaba enfocado no consumo propio. A partires de aí, pasaría a consolidarse como o traballo por excelencia en Rianxo e como unha das principais fontes de ingresos. Tal foi a súa importancia que esta herdanza chegou ata os nosos días pasándose entre as xeracións familiares", indicou o dirixente.

“É así que por exemplo no século pasado, o máis normal era ver familias que tiveran relación co mar dende avós a netos, unha costume que chega ata os nosos días. Malia isto, o certo é que esta tendencia leva anos rompéndose e perdendo forza, sendo cada vez máis as familias que deciden vender as súas bateas, ferramentas, etc”, afirma Iglesias.

MARISQUEO A PÉ, UN TRABALLO DE MULLERES

Hai case 100 anos, os conceptos de igualdade non estaban asimilados dentro da sociedade, é máis, apenas existían. Daquela o perfil do traballador no mar aínda estaba moi diferenciado entre ambos xéneros, e as mulleres víanse privadas das súas liberdades.

“Antes o mariñeiro era o cabeza de familia, xa que os homes eran os que facían o traballo ‘duro’, e mentres, a muller quedaba na casa, traballaba na conserva, ou como moito ía ao marisqueo a pé, pero era impensable que puidera realizar estes traballos”, explica o patrón.

Tiveron que pasar moitos anos para que a profesión fose normalizándose, pero a diferenza entre homes e mulleres faise cada vez máis pequena dentro do marisqueo a pé. A bióloga da Confraría de Rianxo, Amelia Caamaño, explica que “pouco a pouco vai quedando atrás o rexeite dos homes cara esa profesión”.

Dende dentro da profesión, a mariscadora Elisa Iglesias reafirma a visión de Amelia Caamaño e asegura que cada vez nota menos a diferenza entre homes e mulleres no marisqueo a pé. “Claro está que pode haber homes que o sigan pensando, pero a imaxe do marisqueo como un traballo de mulleres está case eliminada”, comenta.

CONTAMINACIÓN, COVID-19, E FALTA DE  FUTURO?

Hai moitos problemas que se escapan a simple vista e que provocan un forte descontento na maior parte dos mariñeiros da zona de Rianxo. Para corrixir iso, a xestión debe ser moi precisa, e o patrón maior é totalmente consciente. “Problemas como a contaminación ou o furtivismo sempre estiveron presentes, pero a Covid-19 foi outro dano máis para nós, e bastante máis importante por todo o que supuxo”, afirma.

Especialmente no caso da contaminación, a problemática segue agravándose a cada ano que pasa. Segundo explican Abelardo, Ramón, e Elisa Iglesias, traballadores que dependen da calidade dos seus produtos, a contaminación supón un dano enorme.

“Despois de tantos anos, ves como a contaminación é un dos problemas máis grandes que temos os mariñeiros, sobre todo porque non se atopan solucións polo momento”, comenta Abelardo.

O seu irmán Miguel Ángel Iglesias, explica que a situación actual é froito dun mal traballo que ven dende hai moitos anos atrás. Para tratar de corrixir este problema, reclama a colaboración da Consellería do Mar, xa que por si solos non poden facerlle fronte.

Pese a importancia da contaminación ou doutros problemas como o furtivismo, o que máis afectou recentemente foi a Covid-19. "A incidencia do virus deixou unha pegada económica que se prevé moi difícil de recuperar a curto prazo xa que as perdas económicas en 2020 para a Confraría foron dun 50%", concluiu Iglesias.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta