Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 24/03/2022 | Actualizada ás 14:00
Continúa a folga de transportistas e cada vez asenta máis o seu foco en Galicia nunha xornada con distintas mobilizacións. Unhas 1.000 persoas participaron nunha marcha a pé entre o polígono das Gándaras e o centro de Lugo no día once de paro no transporte, que volveu a deixar retencións nos accesos a Santiago e as inmediacións da cidade de Vigo polas protestas de transportistas, agricultores, gandeiros e outros colectivos que se sumaron ás mobilizacións.
Escoltados por tres furgóns da Unidade de Intervención Policial (UIP) e axentes da Policía Local, os manifestantes percorreron a distancia que separa o polígono industrial da sede da Subdelegación do Goberno na provincia de Lugo. Ao berro de "Ministra dimisión" e con varias pancartas contra a responsable de Transportes, Raquel Sánchez, e o presidente do Goberno, Pedro Sánchez; a marcha transcorreu por Santo Domingo, a Rúa da Raiña e a Praza Maior ata chegar a Armaya.
En declaracións aos medios, o presidente da Asociación Empresarial de Transporte Río Miño (AETRAM) --unha das asociacións convocantes--, Diego Arias, enxalzou o poder de convocatoria da protesta, que se produce dous días despois da marcha de vehículos que colapsou o centro da capital luguesa. "A ver se a ministra se dá conta dunha vez que non somos unha minoría", aseverou o transportista, que lamentou que o Goberno siga sen recoñecer como interlocutor á Plataforma de Transporte e se limite a negociar co Comité Nacional do Transporte, co que sentan este xoves. "Somos o 85 por cento do transporte e realmente somos os que estamos na estrada todos os días. A ministra ten que negociar connosco, que somos quen realmente fai o transporte neste país".
Diego Arias estimou que o sector ten unhas perdas "de entre 3.000 e 4.000 euros por vehículo ao mes". "A ministra ofrecía o outro día 500 millóns a 250.000 empresas do transporte que hai en España, co que tocariamos a 2.000 euros ao ano, 160 euros ao mes. Iso non nos chega a nada", aseverou.
"Mentres non nos reciba (Raquel Sánchez), non imos ceder. Ten que negociar connosco, non pode estar a negociar en Madrid con quen non son transportistas", esixiu finalmente o presidente de Aetram.
SANTIAGO
En Santiago houbo retencións á primeira hora da mañá no polígono do Tambre e o cruceiro da Coruña provocadas por vehículos agrícolas que retardaron o tráfico no acceso norte da cidade. Pasadas as 10,00 horas, os tractores despexaron estas vías para dirixirse ao polígono da Sionlla, onde volveron a concentrarse camións, tráileres e outro tipo de vehículos coa previsión de saír outra vez en lenta marcha cara á cidade.
Do parque industrial, pasadas as 12,00 horas, regresaron ás estradas cun percorrido similar ao do pasado mércores. A lenta caravana entrou no polígono do Tambre para seguir en dirección ao Cruceiro da Coruña. A ruta, segundo fontes da Policía Local consultadas por Europa Press, está previsto que continúe por San Caetano, Rodríguez de Viguri, Avenida de Lugo e Rúa do Hórreo. Nesta ocasión, os manifestantes poderían dirixirse a Romero Donallo, avenida lindeira ao Ensanche e unha das máis transitadas da cidade.
Trátase do segundo día consecutivo e o terceiro desta semana no que os vehículos profesionais taponan a circulación nas rúas da capital galega. O xoves, tras protagonizar unha caravana nas horas centrais do día, camións e tractores colapsaron algúns dos nós de comunicación con máis tráfico da cidade a última hora da tarde, coincidindo co fin da xornada laboral.
CARAVANA ENTRE TUI E VIGO
En Vigo, este xoves de novo chegou unha 'caravana' lenta procedente de Tui, cun centenar de camións que percorreron a A-55 e entraron na cidade ao mediodía pola Avenida de Madrid.Do mesmo xeito que na última protesta, a do pasado luns, os vehículos chegaron á altura da estación de autobuses e deron a volta para retornar á autovía. Fontes da subdelegación do Goberno do Goberno en Pontevedra confirmaron que non se rexistraron incidentes durante a protesta.
PROBLEMAS PARA ENDESA
A folga dos transportistas provocou que non se traslade por estrada ningún carbón desde o porto exterior de Ferrol á central térmica de Endesa nas Pontes de García Rodríguez (A Coruña). Así o trasladou o presidente da Asociación de Transportistas do Carbón das Pontes, 'Cholo' Bouza, que apuntou que "de momento" non están "a transportar nada". "E unha vez que acabe todo isto sentaremos e falaremos, pero por agora non estamos a traballar", apuntou.
O portavoz do colectivo de transportistas detallou que "antes de porse a funcionar" terán "que saber como vai quedar o prezo do gasóleo", ao mesmo tempo que estimou que a central térmica "debe de estar a piques de parar". "Eu calculo que debe de ter carbón para funcionar ata mañá, e despois terá que parar", apostilou.
Actualmente no porto exterior de Ferrol hai acumuladas máis de 80.000 toneladas de carbón que agardan para ser trasladadas ata As Pontes.
MÁIS DE 70 DENUNCIAS
Namentres, segue aumentado o contador das intervencións policiais motivadas pola folga. Un total de 13 persoas foron detidas e outra 578 foron identificadas por feitos rexistrados en Galicia durante os dez primeiros días do paro no transporte de mercadorías. As cifras foron achegadas na mañá deste xoves pola Delegación do Goberno, cuxo titular, José Miñones, incidiu na súa "condena" aos episodios violentos que tiveron lugar durante a semana e media que duran xa as mobilizacións.
Neste dez días de paros foron arrestadas 13 persoas, a última delas un transportista de Sarria acusado de causar danos a camións e furgonetas en piquetes instalados na A-6 ao seu paso por Pedrafita do Cebreiro. Ademais, 578 persoas foron identificadas e 16 permanecen investigados por feitos acontecidos no últimos dez días, nos que as forzas da orde realizaron 2.639 escoltas de vehículos e formularon 77 denuncias por infraccións penais.
SANIDADE
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, mostrou a "preocupación" do Goberno galego pola afectación da folga do transporte á central loxística sanitaria, desde a cal se envía boa parte do material aos centros de saúde e hospitais.
"Estamos a ter dificultades para manter a capacidade loxística e a subministración segura a efectos sanitarios", recoñeceu Feijóo tras o Consello de Xunta, celebrado este xoves en Pontevedra. Nese sentido, manifestou que espera que "isto se resolva de forma inmediata".
Ao fío diso, o mandatario autonómico sinalou que a Xunta falou "con algúns transportistas" e "a resposta está a ser maioritariamente positiva". "Pero non ocultamos a nosa preocupación", manifestou.
O presidente da Xunta asegurou que, polo momento, "está a manterse con normalidade" a situación sanitaria, en liña co expresado polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, que indicou en días pasados que os problemas poderían situarse na semana que vén se non hai cambios.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.