Multitudinaria manifestación contra a alza dos prezos

A concentración estivo convocada polo BNG: "Galiza non atura a suba da factura".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 03/04/2022 | Actualizada ás 16:40

Comparte esta noticia

Miles de persoas manifestáronse este domingo en Santiago de Compostela contra a alza dos prezos nunha concentración convocada polo BNG e na que participaron diferentes colectivos afectados pola suba como transportistas, pensionistas, mariñeiros ou gandeiros. Con proclamas como 'Galicia non atura a suba da factura', 'non faltan cartos, sobran chourizos' ou 'ou pobo galego en pé', os manifestantes saíron da compostelá praza do 8 de marzo guiados por un transportista, e remataron a marcha na Praza da Quintana, onde interviñeron os representantes dos diferentes colectivos.

Manifestantes protestan contra a suba dos prezos, na Praza da Quintana, a 3 de abril de 2022, en Santiago de Compostela
Manifestantes protestan contra a suba dos prezos, na Praza da Quintana, a 3 de abril de 2022, en Santiago de Compostela | Fonte: Álvaro Ballesteros - Europa Press.

Na manifestación tamén participou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que explicou que coa manifestación buscan "unha saída xusta á crise, facendo valer os dereitos dos galegos".

"Reclamamos valentía por parte dos gobernos para evitar un novo empobrecemento da poboación. Estamos ante unha escala inflacionista con cifras que non lembrabamos en 40 anos. E nesta conxuntura non vemos que os gobernos tomen medidas estruturais. As minorías seguen gañando e perden as maiorías sociais. Queremos cambiar esa situación", defendeu.

Pontón asegurou que unha das causas da inflación, "que afoga a sociedade", é a suba dos prezos enerxéticos e da luz, "unha estafa legalizada", que non se debe unicamente á invasión de Ucraína. Ante isto, solicitou "cambiar o modelo enerxético". "Hai que ir máis aló, os galegos témonos que beneficiar da enerxía, da riqueza eléctrica do país, a través dunha tarifa eléctrica galega", demandou. "A espiral inflacionista non se para con parches, necesitamos medidas estruturais", comentou.

Nesta liña, tamén pediu acabar cos beneficios caídos do ceo e insistiu na necesidade dunha empresa pública galega de enerxía, así como novos impostos ás eléctricas para que "contribúan a mitigar os efectos da crise".

"Creo que o modelo debe ser unha fiscalidade xusta, na que os que máis teñen, paguen máis. As eléctricas están a forrarse con esta crise á conta dun marco enerxético que está feito para grandes lobbies", defendeu, á vez que criticou que "mentres isto ocorre, as electrointensivas galegas estean nunha situación crítica".

COLECTIVOS PARTICIPANTES

Entre os participantes ao finalizar a manifestación estivo Concha, unha gandeira de Friol cunha explotación gandeira e que lamentou que "malia ser a primeira potencia de España, o sector está nunha situación límite que ameaza a súa viabilidade en Galicia", en parte pola suba de prezos e pola súa repercusión noutros custos asociados.

Manolo Presas, mariñeiro de cerco de Sada, expresouse na mesma liña e asegurou que a suba "espectacular" do prezo de gasóleo fai "inviable" saír a pescar. Ademais, sinalou que as axudas do Goberno son "un parche" que non "chega a nada". "Quero vivir dignamente do meu traballo, non de subvencións e axudas", aseverou, tras o que se referiu a as cotas de pesca, "que asfixian aás frotas desde hai seis anos".

O transportista que abriu a manifestación, Xosé Rodríguez, de Narón, preguntouse, respecto dos prezos dos carburantes, "como podemos pagar a gasolina máis cara tendo unha refinaría en Coruña", e lamentou ademais que el e os seus compañeiros pasasen de "heroes a viláns" desde a pandemia a hoxe en día.

Para abordar o futuro dos máis novos participou Iria González, estudante de Educación, que defendeu o dereito das novas xeracións a "vivir e non só sobrevivir" con salarios dignos que lles permitan independizarse e non lles obriguen a deixar o seu país.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Riolo

Empresa pública galega de enerxía para colocar liberados da CIG y enchufados de partido. Por cierto, volve o milagro da praza da Quintana. Moitos miles de persoas en 2.500 metros cadrados...