A trama das UTE (II): contratos que non se cumpren, autobuses que nunca pasan

A comarca de Ferrol denuncia un recorte sen precedentes do transporte público dende a chegada dunha UTE integrada por Monbús. No sector aseguran que as grandes empresas buscan acaparar os contratos da Xunta ofrecendo grandes servizos que, unha vez se fan coas liñas, incumpren.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/04/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Cando en 2011 estalou a Primavera Árabe non foron poucos os gurús tecnolóxicos que quixeron bautizala como “Revolución Facebook”. Cóntase, non en balde, que as redes sociais serviron como canle de axitación na que fraguou o descontento contra os vellos tiranos das poltronas orientais. Dende hai meses, Ferrol vive a súa particular revolución Facebook; neste caso contra un deterioro do transporte público polo que sobran dedos acusando aos responsables.

Parada de autobús. EUROPA PRESS - Arquivo
Parada de autobús. EUROPA PRESS - Arquivo

Día a día, os muros de Facebook de distintas asociacións énchense de queixas contra a UTE Hércules del Norte, constituída, entre outros, por Monbus, se ben a compañía apunta que a súa participación é máis ben minoritaria. Unha explicación que non aclara por que a web da UTE redirixe directamente á do xigante de Sarria e, segundo os veciños, todas as liñas directas veñen rotuladas coa compañía de Raul López López.

“Hai días que [o bus] non vén, hai días que vén antes de tempo... a xente non pode estar agardando na parada sen saber se vai chegar ou non”, laméntase María José Sánchez, da A.VV. de Chanteiro, unha pequena aldea de 250 habitantes a varios quilómetros de Ares. O diagnóstico é semellante da man da Plataforma Transporte Público Digno Ferrol e Comarca, que lidera as mobilizacións pola aparente precarización do servizo de autobús: “xa non é a primeira vez que queda xente en terra”, incide Teresa Vázquez.

A UTE Hércules Norte gañou a adxudicación das liñas de Ferrol sur e Betanzos norte en decembro de 2020, concedidas pola Xunta a pesar de que a esta unión ten a súa sede ben lonxe da Praza de España e a Avenida de Esteiro: Vimianzo. Dende entón, aseguran os veciños, boa parte dos servizos “esenciais” que a anterior concesionaria prestaba con relativa dilixencia foron caendo.

O problema centraríase nas liñas de primeira hora da mañá, particularmente sensibles porque serven para desprazar un gran número de traballadores á Coruña. Até a chegada da UTE, os ferroláns contaban con tres traxectos na alba do día: un ás 6:30 e dous específicos para transportar estudantes universitarios e sanitarios do CHUAC á urbe herculina. Pero a nova

empresa, apuntan, decidiu fundir as tres liñas nunha soa, e aí comezaron os protestas.

“Os autobuses non saen á súa hora, queda xente en terra... algunhas veces nin sequera pasan”, volven incidir dende a Plataforma. Precisamente, foi esta asociación a que a comezos de este ano interpelou á Xunta para recuperar as frecuencias anteriores. Mobilidade comprometeuse entón a falar coa UTE, pero, seguindo a versión dos veciños, non lograron mellorar a situación: “non repuxeron as liñas, senón que cambiaron de hora a que xa había”, explican, unha manobra que non solventaría a escaseza de prazas nin a duración ampliada do traxecto: de 45 minutos a unha hora e media en xornadas puntuais.

A cidade de Ferrol constitúese como unha zona especialmente sensible de cara ao recorte de servizos por estrada polo deficitario do seu tren, unha problemática que se agrava co recente encarecemento dos combustibles e as reticencias a usar o coche particular. Pero os problemas son aínda maiores na pequena aldea de Chanteiro, onde, segundo explica María José Sánchez, teñen que baixar a Ares “para calquera cousa. Para facer a compra, para ir á perruquería... por todo”, incide.

O envellecemento da poboación rural suma un problema engadido a estas zonas da contorna ferrolá. Segundo explica a muller, en 2020 contaban cunha liña proveitosa para desprazarse á vila con regularidade: todos os días tiñan un bus de ida ás 10:00h e outro de volta ao mediodía. A frecuencia foi suspendida pola UTE despois de realizar unha auditoría: “agora só temos o das 7 da mañá, pero non hai forma de volver”, explica.

É por iso que os veciños do lugar se ven obrigados a tomar o taxi ou depender dun familiar. Esta última posibilidade é un recurso obrigado para o caso dos alumnos do IES de Mugardos, que depende tamén do transporte privado. “Teñen un bus ás oito da mañá, pero para volver do instituto non hai nada”, apunta a mesma fonte, que incide tamén nas deficiencias da liña dispoñible: “hai días que non vén, outros chega antes de tempo...”. 

INCUMPRIMENTO DE CONTRATOS

Plataforma e asociación de veciños coinciden na crítica dun servizo “que non é serio” e se aprecia “desorganizado”. Para proba disto último, o día en que Chanteiro recibiu un bus de dúas plantas para recoller un ou dous veciños. “Os horarios están en función dos seus petos, non da necesidade da xente”, incide María José Sánchez. Pero detrás da precariedade denuncia podería haber máis que a simple desidia dunha compañía sinalada día tras día en redes sociais.

Galicia Confidencial xa recolleu o testemuño de Galibus sobre a adxudicación de liñas da banda da Xunta. A plataforma de pequenas e medianas empresas denuncia que Mobilidade licita lotes demasiado grandes como para que as entidades menores poidan conseguir a súa porción do mercado. A problemática estriba en que, de acordo coas mesmas fontes, as entidades que dominan o sector estarían a facer “trampas” para conquistar os contratos con promesas que logo nunca se cumpren.

Para optar a prestar un servizo de transporte terrestre, a Xunta esixe que as adxudicatarias conten cun número mínimo de vehículos e que estes se atopen en determinadas condicións de antigüidade, equipo, etc. Segundo Galibus, é habitual que as compañías máis grandes prometan á administración autobuses novos e equipados ante que logo nunca prestarán servizo.

“Danlles matrículas de frotas que xa están empregando en Madrid e en Barcelona, autobuses novos, e logo aquí operan con outros máis vellos”, incide Alberto Paillet, presidente da asociación. Segundo explica, moitos destes vehículos nin sequera poderían circular en Galicia porque xa forman parte de adxudicacións en distintas comunidades autónomas. Unha problemática que foi posta en coñecemento da Xunta e dos que, segundo Galibus, Mobilidade xa tomou nota. “O que pasa cos expedientes xa non o sabemos”, incide.

Cheguen a castigarse ou non os aparentes incumprimentos de contrato, o certo é que as extraordinarias ofertas que logo resultan en papel mollado teñen deixado fóra dos concursos diversas empresas pequenas que o terán moi difícil para subsistir até a próxima licitación. “Houbo compañías que xa tiveron que pechar porque outras fixeran ofertas desmesuradas. Xa lle dixemos á administración que parece que aquí ofertar non ten consecuencias, porque non obrigan ao seu cumprimento”, incide.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

2 lad

Outro exemplo do bo xestor Feijóo :regalar cartos de todos á empresas que non cumpren cos concertos.

1 Gamela

Semella que todas as Grandes Empresas xogan o mesmo xogo ! Estafar á Administración e buscar "beneficios" cos cartos públicos ! En Vigo temos a Vitrasa do Grupo Avanza (?) que grazas ao alcalde obtivo unha prórroga (sen concurso algún) e agora anda explotando aos traballadores e suprimindo liñas e frecuencias e aumentando o prezo do billete con caracter retroactivo https://twitter.com/fesmcpontevedra... Así que non é exlusiva da Xunta a ESTAFA PROGRAMADA no Transporte Público !

1 Gamela

MONBUS parece que a estafa vai por bo camiño... https://cronicaglobal.elespanol.com...

2 Gamela

O Tribunal Administrativo de Contratación Pública desestima os recursos presentados (?) https://www.vigoe.es/vigo/local/des...