Son as oposicións o negocio laboral dos vindeiros anos?

Máis de 120.000 funcionarios xubílanse no conxunto do Estado este 2022. Xa hai máis de 22.00 prazas convocadas para este ano, sobre todo, en Educación, Correos, Policía e Garda Civil ou Auxilio Xudicial.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 25/04/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Preparar unha oposición é unha das posibilidades con maior saída laboral para os vindeiros anos. Segundo un estudo realizado por UNITOUR, o 28% dos estudantes de bacharelato españois ten pensado opositar cando finalice o seu grao, cifra que diminúe a un 21% entre os mozos universitarios e recentemente licenciados, segundo o informe da Feria de Estudios de Posgrado FIEP 2020.

Oposicións en Silleda para técnico en coidados auxiliares de enfermaría. XUNTA
Oposicións en Silleda para técnico en coidados auxiliares de enfermaría. XUNTA

 

Por iso, o sector público é unha das opcións máis atractivas para o novo mercado laboral. "Ten beneficios e garantías como o acceso a unha atractiva remuneración, a estabilidade no posto de traballo, o dereito total a vacacións, seguridade sobre a xubilación e cotización na Seguridade Social, bo horario, entre moitos outros. Por iso a xente se anima a preparar oposicións", sinalan desde CEAC, un instituto especializado en preparar a candidatos e candidatas.

As xubilacións masivas que deberá afrontar o Sector Público nos próximos anos expoñen un escenario de oportunidades para moitas administracións. Os datos estatísticos mostran que máis do 50% dos empregados públicos en todo o Estado, algo máis dun millón de funcionarios, cumprirán a idade de xubilación entre este ano e o 2030, o que nos dá unha media de máis de 120.000 xubilacións cada ano.

Este envellecemento xeral do funcionariado implica unha substitución xeracional que debería facer que o número de prazas aumente nas seguintes convocatorias. Ademais, o adiamento dos procesos selectivos de 2020 a 2021 xerou que a suma total de prazas ofertadas aumente considerablemente para as oposicións de 2022. A Oferta Pública de Emprego e as prazas acumuladas nos últimos anos fan que teñan que ir saíndo até 56.000 prazas de funcionarios entre este ano e os seguintes.

MÁIS DE 21.000 PRAZAS ESTE 2022

Xa hai máis de 21.000 prazas confirmadas para este 2022, e o número vai en aumento nas principais convocatorias de oposicións. Entre elas, destaca Correos que convocou a súa maior oferta de emprego público en décadas, con 5.377 prazas. De Auxilio Xudicial, aínda non se publicou no Boletín Oficial do Estado, pero a previsión é que este ano haxa máis de 1.800 prazas para as oposicións. Ademais, están as probas a Policía Nacional e Garda Civil aínda non hai anuncio, pero prevese que as probas para a Policía Nacional serán nos meses finais de 2022, mentres que as de Garda Civil espéranse para o verán. Para o resto de oposicións, aínda non hai anuncio oficial, aínda que o máis seguro é que as probas sexan entre verán e finais de 2022.

En Galicia, a Consellería de Educación anunciou só para este ano a convocatoria de 2.628 prazas divididas en varios grupos. O máis numeroso é o dos ensinos secundarios, con 1.171 prazas de 29 especialidades, de Matemáticas (136 postos, o máis numeroso) a Portugués (4). Séguelle en importancia numérica o capítulo de mestres, con 950 prazas (250 de primaria e 180 de infantil) e complétase con 300 postos de promoción interna, 144 de profesores técnicos de FP, 45 de docentes das escolas de idiomas, 10 para inspección e 8 para artes plásticas e deseño.

As probabilidades de obter praza tamén dependen das circunstancias en que se dea o proceso selectivo. "Avecíñanse máis oposicións que nunca. Este 2022 é ideal para opositar xa que se terán moitas máis posibilidades de conseguir unha praza. Os períodos de tempo cunha maior cantidade de xubilacións, a dispoñibilidade de prazas dispárase e aparecen máis oportunidades e convocatorias", indican desde CEAC.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta