Así é o traballo dos teleoperadores... salarios e convenio conxelados

O colectivo de teleoperadores acusa á súa patronal de non querer adaptarse ao novo marco legal. As probas están, segundo os sindicatos, en que durante todas as reunións os patronos non aceptan ningunha das propostas dos traballadores. Así están desde 2019, ano en que caducou o último convenio e que xa foi sobrepasado polas dúas subas do SMI.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 02/05/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A patronal das teleoperadoras aspira a “ser o motor económico de España” segundo fontes do sector. Isto podería ser certo nun futuro se se incrementa o número de persoas implicadas no sector. As fontes sindicais consultadas apuntan a un total de entre 100.000 e 120.000 en todo o estado. Galicia estaría entre os 9.000 e 11.000 traballadores e traballadoras, por tanto un segmento importante do mercado laboral galego. A pesar disto, desde o ano 2019 o convenio laboral para estes traballadores, de ámbito estatal, está caducado. Desde ese ano, UGT, CCOO e CIG denuncian que os salarios están conxelados e mesmo houbo que negociar subas para algunhas categorías laborais. O motivo da negociación era que esas categorías non chegaban ao actual SMI de 1.000 euros. Durante a pandemia estas compañías aplicaron a solución do teletraballo, unha solución de excepcionalidade que, como apuntan os sindicatos, segue a empregarse por parte das direccións empresariais.

Manifestación das teleoperadoras de Atento na Coruña
Manifestación das teleoperadoras de Atento na Coruña | Fonte: CGT twitter

BREVE DESCRICIÓN DO MOMENTO ACTUAL

Ningunha das reunións entre patronal e persoal deu resultado até o de agora. Os sindicatos acusan ás empresas de inmobilismo fronte ao panorama aberto tras a última reforma laboral e a aparición, primeiro, do Real Decreto-lei 28/2020, de 22 de setembro, e logo a Lei 10/2021, de 9 de xullo, de traballo a distancia. Sobre este último decreto, Alberto López de UGT, suliña: “o teletraballo implantouse pola forza debido á pandemia, logo da aprobación do Real Decreto a empresa debía compensar os gastos da persoa que teletraballaba (artigo 7)”. Non obstante, López apunta que “a patronal négase a pagar ditos gastos indicando que non habendo desgaste na roupa de traballo xa hai aforro por parte da persoa traballadora”.

A negativa continuou logo de aparecer a lei 10/2021. “Néganse a pagar gastos e tampouco asumiron a responsabilidade do material. Para facer isto agárranse á disposición transitoria terceira da lei, pois non aplica ao teletraballo derivado da situación de pandemia” describre Patricia Cordo da CIG. “A patronal entende que aínda estamos en situación de pandemia”. En concreto esta disposición sinala que a raíz do artigo 5 da Real Decreto-lei 8/2020, do 17 de marzo (lei COVID) para manter as medidas de contención sanitaria ao teletraballador “seguiralle resultando de aplicación a normativa laboral ordinaria”.

Pola contra, esa mesma disposición transitoria declara tamén que: “En todo caso, as empresas estarán obrigadas a dotar dos medios, equipos, ferramentas e  consumibles que esixe o desenvolvemento do traballo a distancia, así como ao mantemento que resulte necesario”. E por último: “No seu caso, a negociación colectiva establecerá a forma de compensación dos gastos derivados para a persoa traballadora desta forma de traballo a distancia, se existisen e non fosen xa compensados”. Será este o punto polo cal a patronal non quere pagar gastos de teletraballo?

Teleoperadores
Teleoperadores

A situación agravouse durante os últimos tempos cando o custe da vida subiu un 10% “e a patronal ofrece subas do 0,8% no salario” indica Iván Cordeiro de CCOO. “Iso para quen traballa 8 horas, gañando 14.555 euros por ano, 1.080 euros por mes coas extras prorrateadas”, é dicir, sen o prorrateo “non chegariamos aos 1.000 euros mensuais”. Ademais, unha das categorías máis baixas, auxiliar administrativo, tivo que negociar a suba do SMI debido á escasa remuneración dentro deste colectivo. Finalmente, e logo da suba a 1.000 euros do salario mínimo, as contas seguen sen dar e as táboas salariais do sector tamén están conxeladas desde 2019.

PRECARIEDADE, DESLOCALIZACIÓN E SUBTERFUXIOS

O problema salarial agrávase cando existe unha “temporalidade e eventualidade altas, e iso que a Audiencia Nacional, confirmando ao Tribunal Supremo, en setembro de 2021 prohibía a contratación por obra e servizo no sector” di Patricia Cordo. Débese sinalar que ante a decisión da Audiencia Nacional cabe recurso. “Por outra parte, tamén hai horarios parciais con 30 horas por semana por exemplo”. Esta precariedade redóbrase cando se fan subcontratacións por ETT. “A precarización da precarización”.

Por outra parte, o grande temor destes traballadores estaba e está na posible deslocalización dos centros de traballo. “Sempre acoden a esa posibilidade, aínda así estas empresas teñen obriga de dar servizos desde España” apunta Alberto López, aínda que actualmente “ese punto non está na mesa e se pretenden marchar, reclamaremos a realización dos servizos desde aquí”.

“Os clientes esixen que as teleoperacións se fagan cerca e ademais, existen medidas lexislativas que impedirían o traslado de empresas, pois non se pode realizar unha total migración de datos” di Iván Cordeiro. E a pesar disto existe un “retorno” de empresas ao estado. Isto é así debido a que o convenio laboral é para todo o territorio estatal. Por outra banda, hai “moita masa laboral que ademais está moi invisibilizada, mais a contratación grazas ao teletraballo permite empregar unha persoa en Extremadura para facer un traballo en Madrid” destaca Cordo. As tarefas serán realizadas en solitario por esa persoa sen que nunca pise un lugar de traballo.

En caso de que a patronal persista en non ofrecer melloras substanciosas, os sindicatos teñen programada unha folga de 24 horas para o 13 de maio. Se isto non resolve a situación, haberá un calendario con paros de 24 horas cada mes do ano. Por outra parte, os sindicatos teñen enviado escritos ao Congreso dos Deputados e o Senado para chamar a atención da clase política sobre este sector laboral.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta