O que explica o retraso da chegada da imprenta a París foi a reticencia dos amanuenses, aqueles que escribían os libros a man. Durante 20 anos lograron bloquear a entrada da imprenta nos talleres parisinos. A razón da súa oposición resulta obvia e comprensíbel: temían polo seu traballo. E tiñan razón. A imprenta deixounos sen choio. Esta interesante historia relátaa o historiador económico Joel Mokyr no seu libro de 1992 “The lever of Riches: Technological Creativity and Economic Progress”.
A historia ilustra axeitadamente que o progreso tecnolóxico é un proceso de destrución creativa. Como tal, a creación do novo destrúe o vello. A visón do progreso tecnolóxico como un proceso de destrución creativa remóntase ao economista alemán Karl Marx e foi desenvolvida polo economista austríaco Joseph Schumpeter no seu libro de 1942 “Capitalism, Socialism and Democracy”. O que resulta especialmente relevante para a dinámica social é que a destrución creativa implica a destrución das rendas monopolísticas ligadas ás vellas tecnoloxías que se tornan obsoletas ao tempo que crea rendas para os propietarios das novas. O progreso tecnolóxico xera, por tanto, unha contradición entre incumbentes e novos entrantes que da lugar a un conflito de intereses. Os incumbentes tentan bloquear a introdución das novas tecnoloxías mentres os recén chegados aspiran a eludir a oposición.
As rendas asociadas ao uso dunha determinada tecnoloxía son en grande medida creadas artificialmente por regulacións, normas e leis estatais que conceden privilexios aos propietarios desas tecnoloxías e impiden o uso concorrencial das mesmas. Facendo uso destes privilexios os propietarios do vello poden bloquear con bo suceso a introdución do novo. Os economistas Edward Prescott, premio Nobel de Economía, e Stephen Parente no seu libro do ano 2002 “Barriers to Riches” desenvolven esta tese e argumentan que as enormes diferenzas de renda per cápita entre países poden en grande parte seren explicadas por este motivo. Permítame un exemplo para entender do estamos a falar. As novas tecnoloxías da información trouxeron a posibilidade de novas canles de distribución musical. Os mais espertos aproveitaron. Porén, as compañías de distribución musical tradicionais emprenderon un custoso proceso xudicial para pararlles os pés. Vían perigar o suculento negocio. Amparándose nas leis de propiedade intelectual gañaron a primeira batalla. Lembre o caso Napster. Xa choveu desde aquela. Os acontecementos mostraron o complicado que é pórlle cancelas ao campo. E a guerra continuou e continúa. Mais esta é outra historia.
Canta maior sexa a magnitude das rendas asociadas á posesión dunha nova tecnoloxía maior será a oposición dos incumbentes ás mudanzas. Mais teñen que perder e por tanto mais recursos están dispostos a investir para asegurar o bo suceso da súa resistencia. Por iso, non é de estrañar que sexa nos sectores económicos mais intervidos polo Estado onde se manifesten con maior crueza as contradicións enxendradas pola destrución creativa. O intervencionismo estatal está a xerar enormes rendas en moitos sectores en beneficio duns poucos –ou non tan poucos- privilexiados. Non han renunciar facilmente a elas.
Se hai un sector no que é evidente o intervencionismo estatal é o sector do transporte de persoas. É un sector inzado de barreiras que impiden a concorrencia. Por exemplo, para ter un taxi nunha cidade española necesita adquirir unha licenza. O seu número está limitadisimo. E son carísimas. Esta é unha oferta madrileña en www.milanuncios.com: “Se vende licencia jueves impar + vehiculo octavia 101 4 años con emisora de radio telefono. en perfecto estado 167. 000€”. Se non existisen barreiras á entrada e vostede puidera obter unha licenza de taxi simplemente indo ao concello coa proba de que o seu carro pasou a ITV, canto estaría disposto a pagarlle ao señor do anuncio? Nada. Ben, se acaso algo polo octavia 101. Por tanto, o prezo da licenza reflicte todas as rendas que o propietario pode obter. Por iso, son caros os servizos de taxi? Pois claro, home, bótelle unha ollada ao que custan as licenzas. Necesariamente os prezos dos servizos de taxi teñen que ser moito maiores que o custo deses mesmos servizos se se están a pagar enormes cifras polas licenzas. Non é só o sector do taxi. O transporte urbano está monopolizado por empresas concesionarias. Estase a preguntar se é caro o transporte urbano e hai rendas neste sector? Pois claro, home, porque acha que hai tanta corrupción? A corrupción é o investimento feito para ter acceso a estas rendas. As liñas de transporte interurbano por estrada son concesións de xeito que só unha empresa pode operar nesa liña. De novo monopolios. Os camiños de ferro son directamente un monopolio estatal, sen rodeos. Só o transporte aéreo exhibe hoxe en día no noso país un aceptábel grao de concorrencia. Por que acha que lle sae tan barato voar a Madrid?
Agora ben, lembre o que lle contaba antes do progreso tecnolóxico e a destrución creativa. As novas tecnoloxías da información están a posibilitar novos xeitos de acceso ao transporte de pasaxeiros. Crean novas posibilidades e destrúen vellas rendas. Blablacar ou Uber están a fornecer ás persoas a posibilidade de saltarse as barreiras á entrada instauradas polas regulacións estatais. Consumidores e novos produtores saen beneficiados. Agora ben, os incumbentes han opor resistencia. Xa o están a facer. As primeiras protestas de taxistas xa tiveron lugar. Previsibelmente non han ser as últimas. Tal vez teñan suceso como os amanuenses parisinos, tal vez non. Veremos. Mais debemos ser conscientes da ameaza á properidade que supón o bloqueo de novos xeitos de facer as cousas. Por iso, para ter un país próspero non hai que prohibir Uber e Blablacar. Hai que prohibir os taxis (as licenzas, permítame a licenza literaria).
Pós-escrito: As actividades económicas están gravadas con impostos. Non pretendo que aqueles que realicen actividades económicas a través de Blablacar ou Uber non paguen os correspondentes impostos. Terían que darse de alta como autónomos ou a figura legal que se considere oportuna. Claro que, se o Estado pretende esmagalos a impostos, logo que tampouco se sorprenda se escapan. Sempre as regulacións que reparten prebendas son xustificadas en aras do ben común. Pola calidade do servizo, da seguranza,...Mágoa que tais coartadas en innúmeros casos non son mais que mera patraña para disfrazar o seu verdadeiro fin: apropiarse de rendas. As probas acumúlanse. Mais isto tamén é outra historia. E claro, por suposto que comprendo a reacción dun taxista pai de familia que hai dez anos pagou unha millonada por unha licenza de taxi e agora ve ameazado o seu investimento. Mais sexamos conscientes de quen xerou o problema. Non foi outrem que a administración coas súas regulacións.