O sindicalismo sae á rúa para esixir "salarios dignos" e medidas efectivas contra a carestía

En Vigo, da man da CIG, e na Coruña, da man de CC.OO. e UGT, centos de persoas manifestáronse para reclamar que se garanta o poder adquisitivo das familias.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 01/05/2022 | Actualizada ás 14:52

Comparte esta noticia

Centos de persoas maniféstanse polas rúas do centro de Vigo convocadas pola CIG, no acto central do sindicato nacionalista con motivo deste Primeiro de Maio, para esixir políticas públicas que freen a carestía da vida e salarios dignos, todo ante o "insuficiente" plan do Goberno central para paliar os efectos da guerra de Ucraína, e ante unha Xunta que "está máis preocupada pola sucesión de Feijóo" que por adoptar medidas para paliar o empobrecemento da clase traballadora.

Así o trasladou o secretario nacional da CIG, Paulo Carril, minutos antes de participar na marcha que se celebra na cidade olívica, e na que tamén participa a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, así como deputados e concelleiros nacionalistas.

Carril advertiu de que son necesarios "profundos cambios" nas políticas públicas para amortecer os efectos dunha crise que ten efectos "devastadores" para a maioría social, e lembrou que a "emerxencia social" en Galicia é previa á guerra en Ucraína. Por iso, criticou que se use o conflito como "xustificación para non facer outras políticas" ou como explicación a uns "altos prezos que xa existían antes".

"Non vemos que as medidas do plan da resposta do Goberno sexan suficientes", subliñou, e fixo un chamamento á "conflitividade", especialmente en materia de negociación colectiva, porque a actual carestía da vida "non pode xustificar" nin un pacto de rendas nin un acordo estatal de negociación colectiva, que só profundarían na precariedade e o empobrecemento da clase traballadora.

Manifestación con motivo do 1 de maio convocada en Vigo, co secretario xeral do sindicato, Paulo Carril, á fronte da marcha.. Javier Vázquez - Europa Press
Manifestación con motivo do 1 de maio convocada en Vigo, co secretario xeral do sindicato, Paulo Carril, á fronte da marcha.. Javier Vázquez - Europa Press

BNG

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclamou medidas "valentes" e non meros "parches" para paliar a escalada de prezos e evitar que sexan as persoas traballadoras, pensionistas e as novas xeracións as que paguen a crise derivada da inflacción. Así o trasladou aos medios antes de participar na manifestación central da CIG celebrada en Vigo.

Pontón sinalou que, "como en todas as crises, hai quen gaña e hai quen perde", e denunciou que, nesta ocasión, están a beneficiarse os grandes 'lobbies' enerxéticos e as multinacionais, como as eléctricas, que o pasado ano obtiveron beneficios de máis de 11.000 millóns de euros, que saíron "do peto" dos traballadores.

Por iso, pediu "meter man" a esas eléctricas, subirlles os impostos para acabar cos seus "beneficios caídos do ceo", constituír unha empresa pública de enerxía e unha tarifa eléctrica galega, porque Galicia é zona produtora de enerxía e ten dereito a beneficiarse e a que se lle compense polos custos sociais e ambientais desa explotación.

CC.OO E UGT NA CORUÑA

Doutra banda, máis dun milleiro de persoas reclamaron na Coruña, na manifestación convocada polos sindicatos CCOO e UGT, garantir o poder adquisitivo das familias cunha subida de salarios e o control de prezos, sobre todo na "difícil" situación económica actual. As persoas manifestantes, que marcharon pola Avenida Linares Rivas desde a Praza da Palloza ata a Praza de Ourense, corearon consignas como "que viva a loita da clase obreira"; 'é a criminal, a patronal'; 'nativa ou estranxeira, a mesma clase obreira' ou 'aquí está, aquí vese, a mocidade obreira en pé', mostrándose especialmente críticos coa patronal.

A secretaria xeral de Comisións Obreiras en Galicia, Amelia Pérez, defendeu que o factor traballo "segue transformando a vida da xente" e, por tanto, debe poñerse "no centro das políticas". Estas políticas, destacou, deben buscar a subida de salarios, a contención de prezos, algo "imprescindible, e máis igualdade e cohesión social. "A desigualdade é o maior disolvente da democracia", remarcou respecto diso.

Doutra banda, o líder do outro sindicato convocante, UGT, José Antonio Gómez, expresouse nos mesmos termos. Así, demandou á CEOE "que os beneficios empresariais revertan na clase traballadora". "Non pode ser que se neguen a incluír cláusulas de revisión salarial nos convenios cando os prezos soben un 10%", indicou.

O líder sindical lamentou ademais o contexto no que se celebra este 1 de maio. "Todos pensabamos que iamos falar de recuperación económica pero coa desgraza da guerra de Ucraína, a subida da inflación, cambiou todo o escenario económico", comentou, tras o que quixo tamén mostrar "toda a solidariedade" cos pobos que sofren guerras e opresión, "concretamente cos ucraínos".

PSDEG E PODEMOS GALICIA

Na manifestación tamén participaron algúns dos líderes políticos de Galicia, como a vicesecretaria xeral do PSdeG e alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, que mostrou a "preocupación" do partido polos "dereitos que se van vendo mermados". Por iso, pide seguir "consolidando dereitos laborais" e "reivindicado o traballo en maiúsculas"; "a mellor capacidade para crecemento de Galicia e España".

Méndez mostrouse especialmente crítica co partido popular e co presidente en funcións da Xunta de Galicia, Núñez Feijóo, ao que acusou de deixar Galicia "coa maior taxa de desemprego en 13 anos, cunha perda de 100.000 postos de traballo; o PIB un 5% por baixo da media e con 1.800 euros menos por persoa a nivel per cápita".

Tamén o secretario xeral de Podemos en Galicia, Antón Gómez Reino, chamou a continuar a mobilización e a loita para "consolidar" os "avances" conseguidos ata o momento. "Levamos dous anos moi difíciles, coa guerra e a pandemia, e a pesar diso avanzouse no marco xeral dos dereitos dos traballadores", defendeu.

"Temos moitas tarefas pendentes, sobre todo nesta comarca, cunha crise industrial a liquidar", lembrou Gómez Reino, que a pesar disto puxo en valor a reforma laboral actual, "a primeira en 40 anos que defendeu e puxo por diante os dereitos dos traballadores, en termos de combater a temporalidade e a precariedade".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta