O economista MancurOlson fíxose esta mesma pregunta. Alá polo ano 1965 escribiu un libro titulado “The LogicofCollectiveAction: PublicGoods and theTheoryofGroups” -que se convertería nun dos libros mais influentes do século XX- no que da unha resposta. Segundo a tese de MancurOlson, a lóxica da acción colectiva descansa no facto de que os beneficios dunha determinada política están concentrados, mentres os seus custos están dispersos. Así, os poucos beneficiados pola política teñen grande interese en defendela, mentres os moitos prexudicados cruzan os brazos. Por tanto, a política probabelmente acabará implementándose, independentemente de se persegue o ben común ou non. Mesmo, aínda se atenta contra ele.
Permítame un exemplo para termos unha mellor comprensión da teoría. Nun país existen dez produtores de pexegos. Cada un ten unha leira de pexegueiros que produce mil toneladas de pexegos a un custo de dous euros por quilo. Porén, os produtores estranxeiros de pexegos producen a un custo de un euro por quilo. No país hai dez millóns de persoas. Cada unha consume un quilo de pexegos. E ha consumir os pexegos que lle saian mais baratos. Ante a incapacidade de concorrer cos produtores estranxeiros os produtores nacionais teñen dúas opcións. Unha delas é mudar ao cultivo de ameixa, mais, para iso,cada un ten que facer un investimento de cen mil euros. Por tanto, sucumbir á concorrencia estranxeira suporíalle unha perda de cen mil euros. A outra, é presionar ao goberno para que introduza unha tarifa alfandegariaaos pexegos estranxeiros de un euro e dez céntimos por quilo. Así, trabarían a entrada dos estranxeiros. De levarse adiante a política proteccionista, os consumidores terían que pagar dous euros polo quilo de pexegos, mentres o seu custo de oportunidade é un euro. Entón, cada consumidor perdería un euro como consecuencia da política proteccionista. Nótese que os beneficios da política son moito menores que os seus custos, un total de un millón de euros fronte a dez millóns. O eficiente sería non implementar a política. Porén, os beneficios están moi concentrados mentres os custos están moi dispersos. E isto, probablemente, implicará que o facto de a política ser ineficiente non ha levar a que se esqueza no baúl das lembranzas.
Como as perdas de cada un dos produtores son tan grandes,entón estes han encontrar beneficioso coordenarse e gastar esforzos e recursos –ata un máximo de cen mil euros por barba- en presionar o goberno para que implemente a política proteccionista. Porén, cada consumidor só perde un euro. A perda é demasiado pequena para que lle pague a pena dedicar algún esforzo a oporse a tal política. Ademais, os produtores son poucos, tan só dez. Así que será relativamente doado para eles obrigar a cada un dos outros a cumprir co grupo na persecución do ben común (o do grupo, non o da sociedade),que non é outro que a implementación da política arancelaria. Porén, os consumidores son dez millóns, non se coñecen, cada un esperará que o traballo de oposición á política o fagan os outros. E ninguén ha tirar do carro na defensa dos seus intereses. Como unha consecuencia desta lóxica, finalmente, os produtores lograrán impor os seus intereses sobre os dos consumidores. E a ineficiente política proteccionista hase implementar.
Precisamente, no seu libro póstumo “Power and Prosperity: OutgrowingCommunist and CapitalistDictatorships”, publicado no ano 2000, MancurOlson alertaba sobre as potenciais perniciosas consecuencias desta lóxica para as sociedades contemporáneas. Esta lóxica ameaza a prosperidade social, xa que, por un lado, implica que se han destinar inmensos recursos a improdutivas actividades de “lobbying”, mentres que polo outro implica tamén grandes “perdas de peso morto”: producir pexegos a dous euros en vez de a un euro, no noso exemplo. Ou, dito doutro xeito, os consumidores teranse que conformar con consumir un quilo de pexegos, mentres que se a política non se implementase poderían, polo mesmo prezo, consumir un quilo de pexegos e un quilo de ameixas. Como se pode deducir do título do libro, Olson argumenta que os intereses especiais dos lobbies han ter menos oportunidades de prosperar nunha sociedade democrática, na que os intereses do conxunto de electores estea mellor representado. A razón resulta evidente, nunha sociedade democrática, na que as institucións aliñan convenientemente os intereses dos electores e os seus representantes políticos, estes últimos han ter mais incentivos a defender os intereses da gran maioría silenciosa e oporse aos intereses particulares dos grupos de presión. Por iso, a importancia da calidade institucional dunha sociedade para atallar as ameazas á súa prosperidade.
O outro día escribía sobre o conflito de intereses que estaba a xerar entre taxistas e usuarios o desenvolvemento de plataformas de internet que ofrecen servizos de transporte de pasaxeiros. Non sei cal vai ser o resultado do conflito. Mais, a teoría da acción colectiva axúdame a comprender os acontecementos e a temer por un desafortunado desenlace. Os taxistas non han escatimar esforzos en presionar o goberno para que dea cabo das plataformas. Os consumidores han permanecer de brazos cruzados. Por tanto, non sería de estrañar que o goberno acabase sucumbindo ás esixencias do sector. Mais, afortunadamente, o futuro non está escrito.
Esta profunda e prolongada crise económica está a revelar que a economía española precisa de profundas reformas que a sitúen de novo no camiño do crecemento. Mais, de novo, a teoría de Olson pon de manifesto onde radica a dificultade dun goberno para emprender con paso decidido a vía das reformas. Estas han afectar intereses particulares. E ha confrontar a súa oposición. Mentres, a grande maioría dos cidadáns, os beneficiados, hemos asistir impasíbeis ao conflito. Sempre que un goberno emprende unha reforma dalgunha das principais políticas públicas, o sector afectado –sexa a universidade, a sanidade, a xustiza,...- entra en ebulición. Frecuentemente, o que hai detrás é a defensa de intereses particulares. Aínda que se acochen detrás do interese público.
A grande reforma que precisa este país é a chamada rexeneración democrática. A razón, outra vez, podemos encontrala na obra de Olson: as sociedades democráticas institucionalmente sólidas resistirán con maior vigor as presións dos grupos con intereses particulares. Agora ben, os que teñen potestade para levar adiantes as reformas nesta dirección son, ademais, o grupo que se ve afectado negativamente pola mesma: os partidos políticos maioritarios. É dicir, a cobra que morde a súa propia cauda.
Non é de estrañar que Olson, evidentemente consciente das implicacións da súa propia teoría, for un dos grandes valedores das sociedades baseadas na protección e defensa da propiedade privada e na interacción dos individuos a través dos mercados. Sociedades nas que a esfera de influencia do poder político estea largamente limitada e, por tanto, na que a perversa lóxica da acción colectiva fique minimizada. Unha organización social asentada en tais principios é a mellor garantía para impedir o asoballamento da maioría pola minoría.