Verín 'vibrará' cun festival centrado na percusión

Será os días 27, 28 e 29 de maio e está organizado polo Conservatorio de Música de Verín e o Anpa do mesmo centro. Ademais de exhibicións e concertos, haberá obradoiros para coñecer percusións do mundo e interesantes 'Master Class'.

Por Galicia Confidencial | Verín | 25/05/2022 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Nace no Concello de Verín o primeiro Festival de Percusión “Vibra Verín”. Serán tres días nos que, ademais de actuacións abertas ao público, o alumnado dos Conservatorios de Música participantes reunirase para actuar, asistir a obradoiros e concertos, e coñecer a outros percusionistas de renome.

Presentación do festival 'Vibra Verín'. Foto: Prensa Concello de Verín.
Presentación do festival 'Vibra Verín'. Foto: Prensa Concello de Verín.

Na presentación, que tivo lugar o luns 23 de maio, o tenente de alcalde Diego Lourenzo quixo agradecer o "gran traballo" realizado polo Conservatorio así como o "papel activo e dinamizador" realizado pola súa Anpa en prol da música. Tamén destacou a importancia que ten o conservatorio do Concello de Verín como epicentro Cultural e Musical da vila afirmando que "desde o grupo de goberno sempre estamos abertos a apoiar formas, como é o caso deste festival, de achegar e visibilizar a nosa cidadanía o excelente traballo que realizan o profesionais responsables deste centro de ensino musical".

Diego Lourenzo quixo agradecer o "gran traballo" realizado polo Conservatorio así como o "papel activo e dinamizador" realizado pola súa Anpa en prol da música

Pablo Paz, secretario e profesor de percusión do CMUS, comentou tamén que "a mellor maneira de espertar entre o noso alumnado esa faísca que sentimos os músicos pola música é tocando, facendo concertos e creando puntos de encontro, como este festival, nos que posibilitamos o encontro dos alumnos e alumnas con profesores invitados, así como con diferentes estilos musicais".

Segundo concretou Paz, o festival ten principalmente dous grandes obxectivos: por unha banda, promocionar entre a cidadanía a disciplina da percusión a través de actuacións e talleres abertos ao público xeral e, por outra, xerar un punto de encontro formativo entre estudantes e profesores de diversos lugares coa finalidade de enriquecer a súa formación.

'Vibra Verín' ten dous obxectivos principais: promover a disciplina da percusión con actuacións e obradoiros e xerar un punto de encontro formativo entre estudantes e profesores de diferentes procedencias

PROGRAMACIÓN

O festival arrinca o venres 27 de maio, ás 20:00 horas, no Auditorio Municipal de Verín. Farao cun concerto compartido, aberto ao público, no que participará o grupo de percusión e o ensemble de clarinetes do CMUS de Verín e o grupo de percusión de Ribadavia.

A mañá do sábado 28 de maio, ás 10:00 horas, terá lugar na no Auditorio Municipal de Verín un curso de percusión africana, enfocado ao alumnado, impartido por Andrés Rivero, uns dos referentes da percusión africana e brasileira en Galicia. Posteriormente, ás 13:00 horas, o alumnado participante fará unha exhibición aberta ao público na Praza Maior.

Xa pola tarde, ás 16:00 horas, celebrarase no Auditorio Municipal de Verín unha Master Class de Percusión, da man de Van3uard Percusión, un importante trío de percusión procedente de Andalucía que aposta pola creatividade e pola vangarda nas súas propostas. Ás 20:00 horas,  o devandito grupo andaluz ofrecerá un concerto na Praza Maior.

O domingo 29 de maio, ás 11:00 horas terá lugar un Obradoiro de Iniciación á batucada aberto a todo ao público. As persoas interesadas en inscribirse poden facelo no mail:  secretariacmus@verin.gal. Como remate á xornada e ao festival, a praza maior acollerá, ás 13:00 horas, unha exhibición de percusión brasileira (batucada).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta