Os currículos de ESO e Bacharel continúan a súa tramitación entre críticas dos sindicatos

As organizacións piden baixar cocientes e carga burocrática e quéixanse por falta de referencia aos "valores propios de Galicia".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/05/2022 | Actualizada ás 18:27

Comparte esta noticia

Os borradores dos decretos que fixan os currículos de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e Bacharelato a partir do curso 2022/23 en Galicia proseguen coa súa tramitación, despois de que este mércores fosen avaliados polos sindicatos --CIG, ANPE, UGT e CC.OO.-- en mesa sectorial.

Neste órgano, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidade puido coñecer as críticas das organizacións a un texto para o cal a Administración está a solicitar os informes preceptivos de instancias como o Consello Escolar, o Consello Consultivo, a Asesoría Xurídica e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), entre outras.

Así, segundo trasladan a Europa Press fontes do departamento que dirixe Román Rodríguez, unha vez articulados os documentos finais, serán remitidos ao Consello da Xunta para a súa aprobación e a súa posterior publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Os currículos para o curso 2022/23 --aínda que o de 2º de Bacharel se aplicará para o seguinte-- xa inclúen as materias, a súa estrutura e a carga horaria semanal adaptadas á Lomloe, a nova lei educativa. Con todo, a pesar de que a Consellería recoñece que vai co "tempo moi xusto" para ter o currículo para o inicio das clases, achácao á "publicación da parte estatal" por parte do Ministerio de Educación.

Por parte dos sindicatos presentes na mesa sectorial, os seus representantes, tal e como relatan a Europa Press, coincidiron en cuestións como a "carga burocrática excesiva" que aínda se inclúe nos textos e na necesidade de aumentar os cocientes de profesorado pola "extensión" dos contidos de determinadas materias. As organizacións avanzan que presentaron alegacións no Consello Escolar de Galicia.

REFERENCIA A "VALORES PROPIOS DE GALICIA"

Desde a CIG, unha das principais críticas é que tanto o borrador da ESO como o de Bacharelato, "por descoido ou por unha intencionalidade ideolóxica, que sería peor", non se fai "referencia á cultura, á lingua, aos valores propios de Galicia e a aspectos como as desigualdades da muller", o cal si se recollía en anos anteriores.

Nesta liña, o secretario xeral de CIG-Ensino, Suso Bermello, consultado por Europa Press, afea igualmente que é a primeira vez que o currículo "non cita" o Estatuto de Autonomía. O responsable do sindicato nacionalista tamén lamenta que a normativa volva cernar " as posibilidades do alumnado en zonas rurais" ao deixar en mans da Consellería se determinadas optativas de Secundaria se poden impartir en función do alumnado que as elixan.

Outra das críticas da CIG-Ensino ao borrador, concretamente ao da ESO, é o mantemento das notas numéricas que a normativa estatal opta por suprimir. A pesar de que o anteproxecto de decreto da Xunta mantén os números con carácter "informativo", Bermello recalca a "incoherencia" de que si se terán en conta as medias aritméticas a efectos de promoción de curso e de titulación.

Neste contexto, máis aló de entender que as notas numéricas "non son necesarias", a formulación da Consellería ten para a CIG unha legalidade "moi dubidosa" e crea unha "inseguridade xurídica" que faría que as familias puidesen interpor reclamacións.

Bermello tamén criticou a eliminación de materias como Ciencias da Terra sen "ningún motivo" e mostrou a súa "preocupación" polo feito de que a nova opción de Bacharelato xeral --que a Xunta ve con receo e que só estará en 36 institutos de Galicia-- "poida ser moi limitante", xa que os centros pequenos "poden acabar decidindo que só ofertan ese".

CAMBIOS "SEN DOTACIÓN DE MEDIOS E RECURSOS"

Por parte do sindicato ANPE, a súa primeira queixa na mesa sectorial foi que a Consellería "impediu unha negociación real e efectiva" dos currículos, do que tamén culpa á situación de "caos total" no Ministerio.

ANPE Galicia advirte ademais de que "sen dotación de medios e recursos, os cambios que se presentan non van ter éxito". "Sen falar de redución de cocientes, de redución de horario lectivo, de autorización de desdobres, potenciar a acción tutorial, redución da carga burocrática, etc., todo isto non ten sentido", subliñan fontes do sindicato.

Así mesmo, esta organización pediu "aclaracións" sobre por que só 36 centros ofrecerán o Bacharelato xeral, "un protocolo específico" para abordar problemas de saúde mental de alumnado e profesores, aumentar a oferta de materias optativas e reducir o curso a 175 días lectivos, como xa reclamaron anteriormente.

"FALTA DE TEMPO" PARA AVALIAR OS BORRADORES

Por parte de UgT-Ensino, a súa secretaria, Sandra Montero, queixouse da "falta de tempo" que tiveron os sindicatos para avaliar os borradores. En canto ao contido dos decretos, insiste a Europa Press na necesidade de aumentar os cocientes pola reorganización dalgunhas materias como Física e Química na ESO, unha materia que contará cunha hora menos: "Temos que dar o mesmo en menos tempo".

A responsable de UGT criticou que se descoñeza aínda "a atribución docente para as novas materias" que se introducen no decreto. "Eles (a Consellería) teñen que esperar pola normativa do Ministerio, pero poderían adiantárnolo", explica. Montero tamén preguntou "como vai funcionar" o novo Bacharel xeral, solicitou á Xunta que "clarifique exactamente" se as familias poden esixir a docentes os exames e propuxo incorporar un plan de actividades física e hábitos saúde, entre outras cuestións.

A XUNTA NON SE COMPROMETE "ABSOLUTAMENTE EN NADA"

Por parte de CC.OO.-Ensino, José Manuel Fuentes censurou que "se limita demasiado" a libre elección do alumnado no últimos curso da ESO e en Bacharelato, un aspecto que os técnicos da Consellería "dixeron que non se vai cambiar". Tamén defendeu a necesidade de baixar os cocientes e de reducir a carga dos currículos, un asunto que a ministra "defendeu aos catro ventos" e que no borrador da Consellería "non se ve por ningún sitio".

Ademais, o responsable de CC.OO. criticou a "falta" de atención á diversidade e a excesiva rixidez dos criterios para titular e promocionar, un asunto no que aposta polo labor dos profesionais, que son os que "coñecen ao alumnado para saber se poden pasar de curso independentemente das materias que suspenda". Tamén avogou por incrementar a educación en diversidade afectivo sexual e de expresión de xénero ante un panorama no que "o número de suicidios se incrementou" na mocidade.

Con todo, Fuentes lamentou que a Consellería non se comprometese "absolutamente en nada, máis aló de estudar as peticións que fixemos".

Varios estudantes esperan para facer un exame nunha aula da Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela / César Arxina - Europa Press. / Europa Press
Varios estudantes esperan para facer un exame nunha aula da Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela / César Arxina - Europa Press. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta