Por Galicia Confidencial | Quiroga | 28/05/2022 | Actualizada ás 23:49
Neste derradeiro domingo de maio, día 29, terá lugar a XXII Mostra do Aceite de Quiroga no lugar das Farrapas, en Bendilló. Esta aldea acollerá no seu muíño tradicional, a carón da Capela das Farrapas, esta romaría gastronómica cun marcado interese etnográfico e turístico; tanto é así que a celebración conta dende o ano 2014 co selo de 'Festa de Interese Turístico de Galicia'.
A mostra etnográfica converte a moenda tradicional do aceite dentro do antigo muíño no eixo central desta celebración. A posta en funcionamento da almazara ás 11:30 h., coa demostración da elaboración tal e como se facía antigamente, será o acto que abrirá o programa dunha xornada na que o AOVE (Aceite de Oliva Virxe Extra) quirogués será o protagonista.
Paralelamente, durante toda a mañá o aceite elaborado por cinco olivicultores do Concello de Quiroga estará á venda no recinto feiral nos seus respectivos postos. Alí poderase probar e mercar o aceite da última colleita que segundo nos contan é dunha calidade espectacular. Os colleiteiros presentes esta ano son: José Manuel López Maseda, Jesús Bao Mondelo, Jesús Arias Rodríguez, Manuel Mondelo Rodríguez e Pedro Soto Losada.
Dende a organización informan que "para facilitar que as numerosas persoas que cada ano se achegan ata esta zona poidan ver o proceso de elaboración tradicional do aceite, dado o número reducido de aforo do propio muíño, na capela das Farrapas proxectarase en vídeo este proceso".
Dende as 12:00 h. o grupo tradicional local 'O Recanto' actuará no recinto feiral e a continuación a mostra contará cunha inauguración oficial. Será ás 12:45 h. cando a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, se encargue do simbólico corte de cinta.
No recinto feiral tamén se poñerán á venda produtos típicos da comarca, haberá postos de artesanía e poderase degustar polbo e churrasco.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.