Fragas do Eume, "o parque natural da Europa atlántica peor conservado"

A piques de facer o seu 25 aniversario, este parque aínda carece de plan reitor de uso e xestión (PRUX). As entidades ecoloxistas, que son pesimistas respecto do futuro do espazo, denuncian seren tratadas pola Xunta como "convidadas de pedra" na "apresurada" elaboración do plan.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/05/2022 | Actualizada ás 14:53

Comparte esta noticia

O Parque Natural das Fragas do Eume, a piques de facer o seu 25 aniversario e dez anos despois do incendio que arrasou o corazón deste espazo protexido, segue sen contar cun plan reitor de uso e xestión (PRUX) que garanta a súa conservación. Entidades ecoloxistas denuncian que o seu estado é "deprimente" dada a intensa eucaliptización que sofre e a redución do caudal e aumento da turbidez do río Eume polas actuacións de Endesa. O seu entorno máis inmediato, ademais, está ameazado pola instalación de aeroxeradores de 200 metros de alto que poderían provocar unha gran mortalidade das aves e morcegos que alberga o enclave. 

Fragas do Eume
Fragas do Eume | Fonte: David Cornejo en Flickr.

 

PRUX "SEN AMBICIÓN"

 

Este pasado venres, 27 de maio, dúas entidades conservacionistas reuníronse coa dirección de Patrimonio Natural para tratar o futuro PRUX do parque natural, que leva máis 20 anos de retraso e que a Xunta volveu prometer aprobar neste 2022. Nunha nota asinada por sete colectivos, o Grupo Naturalista Hábitat, a Sociedade Galega de Historia Natural, ADEGA, Asociación Betula, Grupo Lobo, Asociación Rebinxe e a Federación Ecoloxista Galega, as entidades denuncian sentirse "molestas" pola pouca antelación da convocatoria e pola falta de información previa para poder valorar o borrador.

 

Tamén critican que a Xunta non actúa de modo "proactivo" para contar coas entidades decanas na conservación da natureza galega, ás que trata como "convidadas de pedra". "A finalidade deste encontro foi simplemente protocolaria, sen ningún interese por parte da Administración en recoller o coñecemento e as recomendacións dos que levamos anos observando e estudando a súa biodiversidade", sinalan as entidades.

 

Por este motivo, as entidades ecoloxistas dinse "pesimistas" respecto dun PRUX ao que "lle falta ambición" para abordar con eficacia os problemas que sofre o parque e garantir o seu futuro. "Sospeitamos que atenderá máis ás presións de intereses privados espurios, centrados en espremer o territorio ata a súa degradación, no canto de coidalo e restauralo, para que se manteña vizoso", sosteñen.

 

O PARQUE PEOR CONSERVADO

 

"Na reunión manifestamos que dende a declaración de parque natural, este espazo

protexido -proclamado oficialmente como a mellor mostra de bosque atlántico de Europa- ten sufrido un proceso de degradación continuado. A ausencia de medidas efectivas para deter este proceso e lograr revertelo fainos valoralo como o parque natural da Europa atlántica peor conservado", recollen as entidades no comunicado, no que alertan de que o seu coidado é "crucial" para conservar a biodiversidade, protexer os recursos hídricos e modular as temperaturas nun contexto de crise climática. 

As entidades destacan, así mesmo, que a zonación prevista no PRUX "soamente garante a conservación do bosque en aproximadamente a terceira parte da superficie do parque", o que deixa fóra grandes tramos de bosques de ribeira. Xa que logo, na meirande parte da súa superficie o bosque "non ten garantido o seu futuro", advirten. Todo isto súmase á circunstancia de que a Xunta eliminou a figura de director de parque natural para establecer tan só un único director para o conxunto de todos os parques galegos. Ante isto, as entidades demandan "persoal cualificado que fiscalice as normas vixentes in situ". Non basta, din, con ter instrumentos de planificación.

Tamén expresan, igualmente, os "obstáculos" e "escasas facilidades" que a Administración dá ás entidades de custodia do territorio e insisten na necesidade de partidas de financiación plurianuais destinadas á adquisición de dereitos sobre o territorio que permitan conservar este enclave senlleiro.

O movemento ecoloxista pon sobre a mesa, finalmente, o "contraste desta ausencia de compromisos significativos na súa conservación coa utilización publicitaria da súa imaxe nas campañas de promoción do turismo da Xunta, onde ofrecen unha visión idealizada do parque". A consecuencia, engaden, é que teñen feito del unha "trampa para turistas", "que esperan atopar un bosque ben preservado nunha paisaxe espectacular, pero logo atopan un entorno degradado pola intensa eucaliptización do val do Eume". 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta