A "maioría" que quere cambiar as cousas en Galicia

Presentan un manifesto no que piden a presentación de candidaturas unitarias nas municipais que agrupe á “inmensa maioría" das persoas e organizacións democráticas.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 22/07/2014 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

“Somos maioría as persoas que queremos cambiar as cousas, que queremos facer deste país, Galiza, un lugar digno no que pague a pena vivir, no que as nosas fillas e fillos teñan futuro e no que a xente teña, de verdade, a palabra e a decisión”. Así comeza un manifesto que se presenta este martes e que ten coma lema “somos maioría”.

Inicio da protesta en Santiago para rodear a Cámara galega
Inicio da protesta en Santiago para rodear a Cámara galega | Fonte: Juan Fajardo

Precisamente, o seu obxectivo é promover e alentar candidaturas de unidade para as eleccións municipais, “subliñando a importancia decisiva que teñen os concellos como espazos de participación, transformación e emancipación”.

Estas candidaturas terían que estar integradas por “cidadáns plurais a partir do protagonismo directo da cidadanía” e con programa con principios comúns e programas concretos, a nivel local e galego. “Unha proposta coma esta ten sentido para agrupar á inmensa maioría das persoas e organizacións comprometidas coa democracia, coa defensa da maioría social e co dereito a decidir do pobo galego, para, en primeiro lugar, desaloxar á corrupción e poñer os concellos ao servizo do pobo e do noso País”, recolle o texto.

Os seus impulsores insisten que o seu obxectivo é “promover de abaixo arriba” iniciativas cidadáns que permitan “apartar aos corruptos dos concellos e poñer no seu lugar á cidadanía”.

Este é o manifesto que xa está publicado en http://somosmaioria.org/ 

Manifestación a favor da República en Santiago coa participación de varias forzas e asociacións
Manifestación a favor da República en Santiago coa participación de varias forzas e asociacións | Fonte: Facundo Reyna

TEXTO DO MANIFESTO 

"Somos maioría …"

Somos maioría as persoas que queremos cambiar as cousas. Que queremos facer deste país, Galiza, un lugar digno no que pague a pena vivir, no que as nosas fillas e fillos teñan futuro e no que a xente teña, de verdade, a palabra e a decisión.

Porque somos maioría as persoas que non estamos dispostas a tolerar a desigualdade, o retroceso das condicións de vida dos máis para que uns poucos se enriquezan, o espolio e a privatización dos nosos recursos naturais e a degradación dos nosos sinais de identidade, moi principalmente da nosa lingua.

Somos maioría as persoas que pensamos que a orde social debe asegurarnos o dereito a un benestar e unha seguranza material mínima: a ter unha vivenda digna, a ter un traballo decente, a poder protexer a nosa saúde e o noso medio ambiente, a poder acceder ao ensino e á cultura.

Somos maioría as persoas que queremos aproveitar este momento de cambio para impulsar unha democracia avanzada, fundada nos valores republicanos da igualdade, fraternidade e liberdade.

Somos maioría as persoas que demandamos un grande entendemento galego para saírmos desta situación de empobrecemento, marxinación, e mesmo inanición polo ruín desgoberno que estamos a sufrir.

Somos maioría quen demandamos que exista unha alternativa de confluencia e unidade

que poña fin a este estado de regresión nos dereitos, liberdades e autogoberno.

… e temos que entendernos

Cando impulsamos este manifesto non queremos substituír a ningún partido e a ningunha organización. Só pretendemos, dende unha posición de democracia militante, alentar un proceso que rescate a esperanza e poña fin a esa indefensión na que se encontra a maioría social.

A unidade non é para nós un recurso retórico senón un recurso natural, o máis valioso das xentes e dos pobos que non se resignan ante a inxustiza e a corrosión a que están sometidos os dereitos e o roubo de espazos de benestar laboriosamente construídos.

A nosa proposta

Sobre a base do que coidamos o común denominador da maioría social, defensa dos dereitos sociais como punto de partida para unha sociedade máis xusta, e do dereito da xente a decidir como parte esencial dunha democracia verdadeira:

- Promover e alentar candidaturas de unidade para as eleccións municipais, subliñando a importancia decisiva que teñen os concellos como espazos de participación, transformación

e emancipación.

- Promover e alentar e candidaturas cidadáns plurais a partir da protagonismo directo da cidadanía, coa procura da harmonía de principios comúns e programas concretos, a nivel local e galego. Unha proposta coma esta ten sentido para agrupar á inmensa maioría das persoas e organizacións comprometidas coa democracia, coa defensa da maioría social e co dereito a decidir do pobo galego, para, en primeiro lugar, desaloxar á corrupción e poñer os concellos ao servizo do pobo e do noso País.

Temos a certeza de que unha alternativa común coma esta pode ser amplamente maioritaria e protagonizar os cambios que Galiza precisa con urxencia.

Galiza xullo de 2014

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 32 comentarios

24 camelo

Mañá vai ser un bo día

23 gallegoespañol

No sois mayoria, sois una minoria los que soñais con un pais que no es el que tenemos, por suerte. Galicia es mucho mas que cuatro pelagatos en la plaza de la Quintana gritando .En Galicia somos mayoria los que nos sentimos españoles y gallegos al mismo tiempo y que no necesitamos nuevas patrias,ni naciones. Nuestra nacion es España y lo seguirà siendo. Pero seguir soñando, que soñar no cuesta nada y mientras cada eleccion que pase tendreis menos votos. Gracia me hace, un saludo.

22 Sigma Delta

Ao fin sensatez, e vontade de mirar polo país e non para o embigo. As siglas non queren decatarse de que o cambio prodúcese e non conta con elas. Avante.

21 Aníbal

Por que Galicia Confidencial non informa sobre a Marea Atlántica?

20 olho ao piolho!

Xabier Vence falou da súa disposición a liquidar a marca BNG!!! Esta semana en Vía V, e ninguén o comenta! Xa no final dos oitenta o intentara. Daquela o seu sogro Camilo Nogueira e o virachaquetas Suso de Toro o encabezaron. O do Beiras non foi nada, temos o inimigo dentro!!!