Un traballo sobre a subida do nivel do mar en Galicia, Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas

Teresa Abuín é a gañadora deste premio cunha reportaxe publicada no programa Vivir Aquí da CRTVG.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 06/06/2022 | Actualizada ás 11:20

Comparte esta noticia

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), coa colaboración da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), fallou a sétima edición do Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas 2022 que foi para a reportaxe “Costa inundable”, da xornalista Teresa Abuín Tubío, emitida o 16 de xaneiro deste ano no programa Vivir Aquí da CRTVG e centrada na subida do nivel do mar en Galicia.

A xornalista Teresa Abuín
A xornalista Teresa Abuín | Fonte: Real Academia das Ciencias

O xurado destacou deste traballo “a súa boa planificación para abordar desde Galicia un tema global como é o cambio climático e o seu impacto na subida do nivel do mar”. Tamén apunta “un tratamento exento de catastrofismo, con ampla riqueza de fontes e dotado dun bo hábitat sonoro que proporciona significado e sentido á narrativa audiovisual”. A galardoada recibirá unha dotación de 3.000 euros.

Licenciada en Xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid, Teresa Abuín (Rianxo, 1970) leva 27 anos traballando na TVG, en programas como Galicia Enteira, Alalá, No Bico un cantar e Vivir Aquí. Con anterioridade traballou en Antena 3 Radio en Madrid, na Asociación de Periodistas de Información Económica (APIE), na delegación de Santiago de La Voz de Galicia e na Produtora Olympus Comunicación.

“Eu son de Rianxo e vivo moi preto das augas da ría de Arousa. Cando gravamos esta reportaxe, en novembro do ano pasado, celebrábase en Glasgow o cumio do clima. Todos os días escoitabamos falar sobre a subida do nivel do mar e as súas consecuencias para a poboación en distintos lugares do planeta", destacou Abuín.

Por outra parte, o xurado decidiu outorgar un accésit deste premio ao segundo traballo mellor valorado, a reportaxe titulada “A ameaza de macrogranxas na Limia”, de Mar Álvarez Rama, publicada no xornal Nós Diario o 5 de febreiro deste ano. O xurado valorou que “é unha peza xornalística que aborda un tema de actualidade que afecta a Galicia, achegando diversidade de fontes e con certo alarde fotográfico e narrativo”. A galardoada recibirá unha dotación de 1.000 euros. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta