A súa publicación ten suscitado un vivo debate nos medios de comunicación. Mesmo parece que algúns sentimentos identitarios se ven afectados. Por que tanto debate? Os números son os números, non é? Pois non, non é. Os números son unha elaboración extremadamente dependente das hipóteses realizadas. Así que cando un critica os números, implicitamente está a cuestionar as hipóteses baixo as cuais foron elaborados.
Basicamente, o que fai un balanzo fiscal é imputar a cada territorio –unha autonomía no caso que nos ocupa- uns ingresos e uns gastos fiscais e entón calcular a diferenza, que é, evidentemente, o saldo fiscal. E existen dous métodos para elaborar os balanzos fiscais. O primeiro deles é denominado Método dos Fluxos Monetarios, mentres o segundo é coñecido como Método de Carga-Beneficio. Convén coñecer en que consiste cada un destes métodos para poder avaliar con ponderación os balanzos fiscais presentados polo Ministerio da Facenda.
Segundo o Método dos Fluxos Monetarios a cada autonomía se lle imputan os ingresos fiscais pagados nesa autonomía polas persoas físicas e xurídicas con domicilio fiscal na mesma e todos os gastos e transferencias realizados polas diferentes administracións públicas e a seguranza social nese mesmo territorio. A avantaxe deste método é a súa simplicidade. Mais ten unha gran desanvantaxe. Non ten en conta a quen beneficia o gasto público e tampouco ten en conta onde se xeraron os ingresos fiscais, é dicir, quen soportou a carga dos impostos.
Vou poñer dous exemplos para entender as eivas do Método dos Fluxos Monetarios. Supoña que o Estado constrúe 50 quilómetros de camiños de ferro na provincia de Valladolid. Segundo o Método dos Fluxos Monetarios este gasto debería ser imputado á comunidade de Castilla y León. Mais, os beneficiarios do camiño de ferro non son exclusivamente os habitantes desta comunidade, tamén os madrileños e os galegos, por exemplo. Entón, por que imputar todo o gasto do camiño de ferro feito en Valladolid á comunidade autónoma de Castilla y León e non, polo menos en parte, á de Galicia ou Madrid? Supoña agora que unha empresa que opera en toda España ten o seu domicilio fiscal en Madrid. Por tanto, paga o IVA en Madrid. Consecuentemente, de acordo co Método dos Fluxos Monetarios estes ingresos fiscais deben ser atribuídos á comunidade madrileña. Mais foron os madrileños quen cargaron co peso deste IVA? Non, polo menos non con todo. Os clientes da empresa en todas as outras comunidades tamén soportaron a carga impositiva en función das súas compras á empresa. Entón, por que non imputar unha parte destes ingresos fiscais por IVA a Andalucía, Murcia ou Ceuta?
Para superar as eivas do Método dos Fluxos Monetarios podemos usar o Método Carga-Beneficio que consiste en imputar os ingresos fiscais en función do lugar de residencia da persoa que soporta a carga fiscal e imputar os gastos fiscais en función do lugar de residencia da persoa que se beneficia do gasto público. Por exemplo, no caso do IVA pagado pola empresa con domicilio fiscal en Madrid deberíamos calcular canto se xerou en Madrid, en Galicia, en Murcia,...e repartir estes ingresos entre as diferentes comunidades autónomas. Mais, o problema é que isto é mais doado dicilo que facelo. Como saber na práctica canto deste IVA se xerou en Murcia, canto en Galicia e canto en Madrid. Para levar a cabo a imputación é preciso realizar hipóteses discutíbeis. E os resultados poden depender grandemente dos supostos que se fagan. E polo lado do gasto outro tanto do mesmo. Como podemos saber canto benefician eses 50 quilómetros de camiños de ferro construídos en Valladolid aos habitantes de Castilla y León, Madrid e Galicia para partillar proporcionalmente o gasto entre estas tres comunidades? De novo, para facelo hai que realizar supostos cando menos discutíbeis.
Os balanzos fiscais publicados polo Ministerio da Facenda usan o Método Carga-Beneficio. Despois do dito, espero ficase claro que a aproximación seguida e, por tanto, os seus resultados son cuestionábeis. Tendo isto en mente, ao meu entender os principais factos a salientar dos balanzos publicados polo ministerio son os seguintes:
Os saldos fiscais están negativamente correlados co Produto Interior Bruto rexional. Isto é debido a que as autonomías mais ricas –ou mellor dito as persoas físicas e xurídicas alí residentes- pagan mais impostos que as autonomías mais pobres. Segundo os autores dos balanzos fiscais dous terzos dos saldos poden ser explicados por este motivo. Por tanto, de acordo cos principios fiscais que guían o Estado, non debería haber ningún problema coa parte dos saldos fiscais que obedezan a esta razón. A Galiza, tal como lle corresponde a unha comunidade pobre, ten un saldo fiscal positivo.
Canarias, Ceuta e Melilla, País Vasco e Navarra teñen un saldo fiscal moito maior do que lle correspondería polo seu PIB per cápita. Estas autonomías gozan de sistemas fiscais diferentes aos das outras comunidades. O saldo fiscal nos casos sinalados son en boa medida produto de privilexios negados aos outros. Xorde entón a cuestión, deberían desaparecer estes privilexios? Eu creo que si. Mais non do xeito que tal vez anticipou. O que teríamos que facer sería estender a todas as comunidades autónomas sistemas semellantes ao vasco e navarro. A xustificación desta opinión merece outro artigo. No que respecta o que mais directamente nos atinxe, segundo os balanzos do Ministerio a nosa comunidade é das que tamén ten un saldo fiscal superior ao que lle correspondería polo seu PIB per cápita. Aínda que non é das especialmente favorecidas atendendo a esta fenda.
Cataluña ten un saldo fiscal negativo –o terceiro negativo mais elevado per cápita logo de Madrid e Baleares- mais, grosso modo, é o que lle correspondería segundo o seu PIB per cápita. Levan entón razón os cataláns nas súas queixas? Pois depende de como se olle. E depende de con quen se comparen. Ademais, o goberno catalán tamén elaborou os seu balanzos fiscais segundo o Método Carga-Beneficio. Segundo o seu estudo o déficit fiscal catalán é superior en mais de 2000 millóns ao cuantificado polo estudo publicado polo Ministerio. Isto é expresión do que lle tentaba explicar antes. Os números que saian van depender moito sobre os supostos concretos que se fagan á hora de imputar ingresos e gastos por territorios. Por iso, compre un punto de san escepticismo ante calquera cifra concreta de saldo fiscal. Ademais, a Generalitat reclama que se publiquen tamén os balanzos fiscais calculados segundo o Método dos Fluxos Monetarios, cuxos resultados son mais favorábeis ás súa teses.
Madrid é a comunidade autónoma cun saldo negativo per cápita mais elevado e maior que o que lle correspondería segundo o seu PIB per cápita. Mais, neste punto compre termos moito tino. Os dados de Madrid poden estar fortemente distorcidos polo facto de seres a capital do Estado. Moito do gasto do Estado concéntrase en Madrid por seres a capital, mais os autores dos balanzos consideran que este beneficia a todo os españois –o cal probabelmente sexa certo- e, por tanto, estes gastos, seguindo o Método Carga-Beneficio, foi distribuído proporcionalmente entre todas as comunidades. Mais, esta aproximación ten serios problemas. Serva un exemplo. Os gastos no Museo del Prado benefician por igual a todos os españois con independencia da súa comunidade autónoma de residencia ou benefician moito mais aos madrileños? Non deberían ser imputados estes gastos en moito maior medida a Madrid que ás outras comunidades? E polo lado dos ingresos outro tanto do mesmo. Os ingresos fiscais xerados por un funcionario do Ministerio de Facenda non deberían ser imputados proporcionalmente a todas as comunidades autónomas en vez de seren atribuídos exclusivamente a Madrid?
De todos os xeitos, creo que o debate sobre os balanzos fiscais distrae a atención do verdadeiramente relevante: o sistema de financiamento territorial, tanto de comunidades locais como de comunidades autónomas. O que este país urxentemente necesita é unha reforma profunda neste campo para aumentar o nível de corresponsabilidade fiscal de autonomías e administracións locais. Mais, en vez de cumprir con esta obriga, parece que o goberno prefire xogar aos balanzos fiscais.