Por Galicia Confidencial | Compostela | 24/07/2014 | Actualizada ás 18:42
As formacións que non aparecen nesta relación ou ben non enviaron comunicado á redacción do GC ou nas súas webs non hai nada publicado ao respecto, como acontece nas do PSdeG ou as do PPdeG.
ANOVA
Na fronte unha estrela
Neste día de Galiza continuamos a reclamar a liberdade para o noso pobo. A liberdade para unha nación periférica que se afirma na vontade de existir e de exercer, na práctica cotiá, a autodeterminación camiño cara á independencia.
Así reza un dos principios fundacionais de Anova-Irmandade Nacionalista e así o expresamos no combate cívico contra os forasteiros que actúan como xefes políticos da metrópole e que teiman en diluír os trazos nacionais. Converternos a imaxe e semellanza dun modelo alleo que responda ás directrices do capital.
Na fronte unha estrela. A fronte ampla pola que Anova leva pulando dende o seu nacemento, como ferramenta de ponte entre as institucións e as demandas e loitas sociais capaz de sumar esforzos para a creba democrática. Porque a fronte ampla estámola a construír como unha alternativa da maioría social agredida que se rebela a prol dun outro mundo posíbel, dunha outra sociedade onde a soberanía sexa do pobo e non da Troica nin dos poderes financeiros.
Mais tamén levamos a estrela vermella que no planeta representa a emancipación dos desposuídos. A aspiración de construírmos uns valores e unha ética que sexan espello dos dereitos da humanidade e do planeta fronte ás leis da rapina, do espolio e da explotación. Porque a nosa loita é internacionalista e o noso alento está con todos os que sofren a violencia do poder. Así, nestes intres, a nosa solidariedade concéntrase en Palestina e cunha poboación que sofre a destrución do estado terrorista de Israel.
E no bico un cantar para que se ouza a nosa voz ante o silencio e a deturpación practicada polos medios. Para que se ouza a voz da praza no palacio, a voz de quen promovemos a rebelión organizada entre todas e todos os de abaixo para que saiban da forza da unidade e que o medo pode cambiar de bando. O medo a que perdan o poder e que o pobo sexa quen máis ordena.
Anova continúa con honestidade a tarefa iniciada coa fórmula de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), ergueita como bastión de denuncia e de loita das clases populares. Este ano sentímonos satisfeitos de acadar unha eurodeputada que representa a voz do pobo e que conecta cos movementos sociais que propugnan unha ruptura co sistema. Sendo conscientes, como dixemos, da necesidade de estender a fronte ampla –no político, mais sobre todo no social–, cremos que AGE segue sendo, no actual contexto, unha representación válida desa necesidade de romper coa lóxica e coas políticas do capitalismo.
Por iso, volvemos petar na conciencia da cidadanía galega para que as sumas multipliquen, para que sexamos honestos e participativos nas iniciativas cidadás que se argallan polo país como fórmulas alternativas ao bipartidismo e á corrupción sistémica. Velaquí estamos, pois, para levar na fronte unha estrela e no bico un cantar.
BNG
Galiza en pé, soberana, democrática e con dereitos
O BNG quere converter a celebración do Día a Patria nunha “demostración de forza” para garantir a presenza de Galiza no debate soberanista aberto no Estado, non só como unha aspiración política senón tamén como a mellor ferramenta para resolver os problemas reais da cidadanía galega.
“Facemos un chamamento a todo o pobo galego para que asista masivamente a manifestación do Día da Patria, que neste ano 2014 ten que converterse nunha auténtica demostración de forza de que Galiza vai estar presente no debate aberto no Estado español en relación co recoñecemento dos dereitos nacionais dos pobos que o compoñen”, explicou o secretario de Organización, Bieito Lobeira.
“Reclamar o dereito a decidir de Galiza non é só unha aspiración política é unha necesidade para combater do mellor xeito o desemprego, a explotación no posto de traballo, a emigración, o empobrecemento, a situación de miseria que se da no país, os dramas humanos que padecen milleiros de galegos e galegas. Para iso fai falla soberanía, é a mellor arma que temos para enfrontar desde Galiza estes problemas da sociedade”, argumentou.
Ante a submisión de Feijóo a estratexia recentralizadora de Madrid, o Bloque quere encher a Quintana. “Que Galiza conte dependerá tamén da capacidade de presión social do noso país nunha cita como a do 25 de xullo”, alega Lobeira.
En pé por Galiza! Soberanía, democracia e dereitos, lema da campaña do Día da Patria, que terá como acto central a manifestación que desde fai 30 anos se celebra en Santiago desde a Alameda compostelá ata a Praza da Quintana, coas intervencións do secretario de organización de Galiza Nova, Alberte Mera, e do portavoz nacional, Xavier Vence.
Á manifestación do 25 de Xullo asistirán delegacións das organizacións políticas máis representativas das nacións sen estado en Europa: ERC, CUP, Aralar, EA, Sortu, BNV, PSM-EN, Chunta Aragonesista, Alternativa Nacionalista Canaria, Alianza Libre Europa (ALE), Partido Nacionalista Escocés, Plaid Cyrum de Gales, Partido da Nación Corsa, entre outros.
Dentro da campaña do Día da Patria, a cita do Festigal, actos festivos e reivindicativos en diferentes comarcas do país, e a distribución de miles de bandeiras da patria en distintos formatos, convidando a penduralas nas casas ou lucilas no coche para visibilizar “o orgullo de ser galegos e galegas”.
EU
Yolanda Díaz: “Celebramos un 25 de xullo no marco do derrumbe do actual réxime”
Na declaración política de Esquerda Unida para este 25 de xullo suliñase a necesidade de artellar esta axenda política común por encontrarnos “nun momento no que conceptos como proceso constituínte, dereito a decidir, creba democrática ou mesmo democracia adquiren un valor e un carácter central na alternativa política, económica e social a este sistema de rapiña”.
A executiva nacional de Esquerda Unida considera que dende agora ate os procesos electorais de 2015 a axenda política da esquerda ten que artellarse en torno ás políticas de converxencia para gañar o “poder para o pobo”. ESQUERDA UNIDA presentou este mes de xullo un MANIFESTO POLA REBELIÓN DEMOCRÁTICA entendendo a urxencia e importancia do momento. EU plantexaba neste manifesto que “son tempos de pasar á ofensiva, tempos duros pero esperanzadores, porque son tempos de unidade, solidariedade e compromiso da esquerda para reverter a actual situación de emerxencia social e de excepcionalidade democrática. Chegou o momento de poñer en marcha un proceso de maioría social que supere a actual democracia formal e inicie unha profunda fase de transformación social.”
A coordinadora nacional de EU e vicevoceira de AGE, Yolanda Díaz considera importante que entendamos colectivamente que “celebramos un 25 de xullo no marco do derrumbe do actual Réxime, e das súas ruínas pretenden extraer outro baseado na explotación, os axustes económicos e a perda xeneralizada de dereitos”.
Para EU o resultado das recentes eleccións europeas, coa derrota do bipartidismo e o ascenso electoral do bloque político rupturista, amplía as posibilidades dunha saída social á crise. É o momento da acumulación progresiva de forzas a partir das loitas contra os programas de axuste e os recortes sociais para iniciar un proceso constituínte cuxo suxeito principal é o pobo.
EU participa este 24 de xullo no foro organizado por AGE en Compostela baixo o título POLA QUEBRA DEMOCRÁTICA E O DEREITO A DECIDIR reúne a Xosé Manuel Beiras de AGE, Alberto Garzón de IU, Gerardo Pisarello de PROCÉS CONSTITUENT e representantes de EH-BILDU e as CUP de Catalunya.
COMPROMISO POR GALICIA
Compromiso por Galicia vén de presentar baixo o lema “Coa forza do Compromiso. Autogoberno e democracia”, os actos programados pola organización galeguista xunto coa Mocidade Nacionalista Galega para o vindeiro día 25 de xullo, Dia Nacional de Galicia, que se desenvolverán en Santiago de Compostela. Ás 12 horas terá lugar unha ofrenda floral no Panteón de Galegos Ilustres, coa intervención do Secretario Xeral de Compromiso por Galicia, Xoán Bascuas. Posteriormente, os galeguistas desprazaranse ata o Parque de Belvís, onde terá lugar o resto de actividades políticas e lúdicas, o xantar, a exhibición de xogos tradicionais e varios concertos.
O líder da organización, Xoán Bascuas, quixo animar á afiliación e a cidadanía a participar dos actos con motivo do Día Nacional de Galicia, “para reivindicar que somos unha nación europea, aberta ao mundo, coa súa lingua, coa súa cultura, que quere aportar o seu grao de area para a construción dunha sociedade máis plural e xusta”. No ámbito político, Bascuas lembrou que da nosa condición nacional derivan uns dereitos políticos, e que no tempo que estamos a vivir, “cómpre unha reforma constitucional que serva para modernizar as institucións políticas do Estado e que recoñeza o seu carácter plurinacional, e que na mesma sexa recoñecida Galicia ao mesmo nivel que Catalunya e Euskadi”.
De igual forma, Xoán Bascuas engadiu que “ademais de autogoberno, precisamos máis democracia”, xa que a situación política e socioeconómica que estamos a vivir no contexto galego, español e europeo da conta dun deterioro institucional evidente “e dun alonxamento cada vez maior da cidadanía ao respecto das institucións públicas”, ao que no contexto Español, hai que engadirlle o enorme descrédito cidadán derivado dos numerosos casos de corrupción política. Neste sentido, o galeguista cre que para recuperar a confianza cidadá, “os partidos debemos ser máis abertos, con procedementos coma as primarias abertas á cidadanía, e os procesos electorais con menor control partidario”, apostando polas listas desbloqueadas e outros como a flexibilización das iniciativas lexislativas populares e maior redención de contas dos cargos públicos. O que toca, incide Bascuas, “é empoderar á cidadanía”.
A ESQUERDA
A Plataforma política A Esquerda, formada na nación galega por Nova Esquerda Galega e a Federación Republicanos, cuio obxetivo e a formación dunha fronte de esquerdas rupturista, diante do celebración do día da Patria Galega quere mostrar o seu total compromiso pola República e o exercicio de autodeterminación, dereito que nos é negado pola Monarquía e mais o bipartidismo. Chamamos as distintas organizacións da esquerda, tanto soberanistas coma federalistas, a sumar esforzos en conxunto para facerlle fronte a este sistema que nos nega a mais auténtica das democracias.
ESPAZO ECOSOCIALISTA
O 25 de Xullo non podemos falar de patria, de nación ou de galeguidade e asistir indiferentes á destrucción da nosa terra
Espazo Ecosocialista conmemorará o 25 de xullo cun acto político en defensa do medio natural nacional e contra a ameaza da megaminería.
Baixo o lema ““A construción da nación comeza na defensa do BenComún natural”, o acto vaise celebrar na Illa do Refuxio do Tambre (Sigueiro-Oroso).
Ás 12:30 comezará o acto coa lectura do Manifesto “FALAMOS DA PATRIA E ARRAXAMOS COA TERRA” e as intervencións políticas, e de seguido se procederá cunha plantación simbólica de carballos en defensa do nodo medio natural nacional.
23-07-2014.- Para conmemorar o 25 de Xullo, Día Nacional de Galicia, dende Espazo Ecosocialista quérese pór o acento na grave situación de crise económica, política, social e ambiental que tamén estase a padecer en Galicia.
Para Espazo “asistimos a desfeitas paisaxística por calquera lado, os investimentos nas infraestruturas de transporte máis contaminantes acompañan á eliminación do apoio ás enerxías renovábeis. As subvencións ás enerxías fósiles corren parellas coa desaparición das políticas de educación ambiental. Se parcela o noso territorio para facilitar á actuación da megaminaría, se entregan os montes á industria papeleira e enerxética namentres asistimos impertérritos á destrución do tecido rural, verdadeiro garante da nosa capacidade de alimentármonos, da nosa soberanía alimentar”.
Dende Espazo quérese denuncir e mesmo combatir “esta irracionalidade macroeconómica neoliberal implica tamén un recorte brutal de dereitos sociais a nivel galego, estatal e europeo. Esquécense as políticas redistributivas, concentrando aínda máis a riqueza nunhas poucas mans, á vez que porcións cada vez maiores da cidadanía van incrementando o seu grao de exclusión. Perséguese aos activistas dos movementos sociais con todas as ferramentas represivas coas que conta o Estado e modifican a legalidade para xustificalo”.
Para a organización ecosocialista “é imprescindíbel repensar a nosa sociedade en todas as súas facianas: a económica, a enerxética, a laboral, a social, a territorial, a alimentar …xa que nin as vellas fórmulas keynesianas de obra pública nin a ausencia de fórmulas do neoliberalismo descerebrado poden dar resposta ás novas realidades”.
Mais este cambio de paradigma é imposible sen unha participación social profunda na súa definición e desenvolvemento. Afortunadamente estamos a vivir a un novo tempo político que nos fala dunha maior participación cidadá, dun novo xeito de entender a política ligada ás demandas reais da xente, ao Ben Común, salientan dende Espazo.
O movemento do 15M, a crise da política clásica, a irrupción de AGE, as marchas da dignidade ou o xurdimento de Podemos son capitulos dun mesmo episodio político de cambio ligado ao esgotamento dun modelo político onde a democracia era entendida como un instrumento a unha nova etapa onde a democracia empeza a ser entendida como unha expresión cívica e cultural. “Os novos proxectos locais de participación política aberta que están a xurdir, como Marea Atlántica na Coruña e outros, son a mellor resposta que pódese dar ás demandas de cambio de política e de representantes políticos que a cidadanía crítica galega esixe” afirman dende Espazo.
"Por todo isto, o 25 de xullo non só temos que falar de patria, de nación, de galeguidade namentres asistimos impertérritos á destrución dunha parte fundamental destes conceptos: a terra" rematan dende Espazo Ecosocialista.
CAUSA GALIZA
Causa Galiza ultima o seu programa de atos reivindicativos e lúdicos para o Dia da Pátria
A campanha do Dia da Pátria é o repto mais importante assumido por Causa Galiza desde a nossa constituiçom em março como organizaçom política independentista. No entanto, mais do que dificuldade, esta campanha é umha oportunidade para tensionar a Organizaçom, ativar as redes de simpatias e afinidades e ganhar referencialidade para um projeto político que, embora modesto, hoje, tem a decisom de ganhar músculo político e organizativo e referencialidade.
Assim, nesta linha de trabalho, Causa Galiza convocou no Dia da Pátria 2014 umha mobilizaçom que parte às 13:00 h. da Alameda de Compostela após serem inviáveis tanto a opçom A que propugemos –confluência de todo o soberanismo numha manifestaçom única- como a opçom B –mobilizaçom conjunta das organizaçons políticas independentistas galegas existentes à margem do BNG-. Além da jornada de luita, celebraremos a I Romaria Popular do Dia da Pátria no parque de Lasalhe.
Mobilizaçom independentista
Causa Galiza convoca este 25-J sob a legenda Para vivermos com dignidade no nosso país. Independência, procurando evidenciar que a transformaçom do modelo sócio-económico que padecem as classes populares galegas é inviável sem transitarmos, previamente, pola alfândega obrigada da soberania política. Soberania que só é materizalizável na constituiçom dum Estado próprio e a rutura definitiva de ligaçons com o projeto nacional espanhol.
A mobilizaçom partirá da Alameda compostelana, percorrendo as ruas Senra, Doutor Teixeiro, Hórreo e entrando à Zona Velha de Compostela pola Porta da Mámoa. A continuaçom, Orfas, Maçarelos, Perguntoiro e Praça do Pam, onde celebraremos o ato de remate da manifestaçom independentista com várias comunicaçons entre as que figuram a da plataforma de familiares e amig@s dos presos e presas independentistas galegas Que Voltem para a Casa!
Bandeiras e presos
A Mesa Nacional de Causa fijo recomendou às assembleias comarcais abertas que estamos a celebrar no País para que se acoda à mobilizaçom com dezenas de bandeiras da nossa Pátria numha jornada em que o Estado pratica a provocaçom com a presença do rei de Espanha no nosso País. Esta recomendaçom é extensiva, naturalmente, a todas as pessoas que tedes projetado participar na comitiva independentista.
Junta à presença da nossa simbologia nacional, o ato de Causa Galiza também terá umha presença privilegiada para as e os militantes galegos que nom podem participar no Dia da Pátria devido à repressom. Familiares e pessoas próximas das presas e presos independentistas levarám num lugar referencial na manifestaçom as imagens das retaliadas e retaliados.
Romaria Popular
À jornada de luita seguirá o espaço do lezer, a confraternizaçom e a distensom. Causa Galiza, logo de oito anos convocando o Dia da Pátria sob distintos formatos e cenários políticos, convida a militáncia independentista galega para participar na I Romaria Popular que estamos a ultimar nestes dias. Jantar a preços económicos, exposiçom de material, música e, sobretodo, um ponto de encontro de final de curso político e de acumulaçom de forças para o que aginha já se inicia.
ALTERNATIVA SOCIALISTA (CLI-AS) Galicia
25 de xullo: Lembrando a Xaime Quintanilla, no Día da Patria, no Día Nacional de Galicia.
Desde Alternativa Socialista, como debedores que somos da tradición socialista e
federalista, entendemos que é necesaria a construción dunha Europa dos Pobos
onde Galicia, como nación diferenciada, ocupe o lugar que lle corresponde e
gozando da súa plena soberanía.
No ano 1918, referíndose ás Nacionalidades Ibéricas, sinalaba Xulián Besteiro: "O
noso internacionalismo de socialistas non pode conducirnos insensatamente ao afán
imperialista como españois de dominar pobos que teñen unha personalidade
robusta e ben destacada e ansían gobernarse por si propios, sen tutelas que
estiman inconvenientes e que demostran non necesitar". A clarividencia de
Besteiro, no entanto, quedará depositada nas hemerotecas e no recordo duns
poucos. Transcorridos 18 anos, en 1936, outro socialista, Xaime Quintanilla,
retomará o rumbo que os socialistas tiñan marcado dende facía uns anos. Así, en
«El Obrero» de Ferrol, con data 27 de xuño de 1936, publica o artigo titulado «Ante
o Estatuto, a posición socialista», onde sinala:
"Paréceme un pouco imprudente a indiferenza e até a hostilidade con que algúns
socialistas, poucos, sen dúbida, miran o problema do Estatuto galego. Os socialistas
fomos sempre autonomistas, tanto no plano internacional como no nacional. No
plano internacional, a postura do Socialismo está clara si considéranse os casos,
ben demostrativos, da existencia dentro dos cadros da II Internacional, do Partido
Alemán de Praga e do Partido Socialista Xudeu de Polonia. No plano nacional, un
dos nosos Congresos -e aínda está vixente o acordo- declarouse partidario da
«Confederación republicana das nacionalidades ibéricas». Esta declaración, non só
reafirma a nosa convicción autonomista, senón que recoñece a existencia das
nacionalidades ibéricas. Admitida esta existencia, é imprescindible o recoñecemento
do dereito desas nacionalidades á autodeterminación, ao goberno propio. Unha
desas nacionalidades, con dereito a gobernarse a si mesma, é Galicia."
Castelao terá un recordo para Quintanilla e os socialistas galegos no seu «LibroPrimeiro (Barcelona-Valencia, 1937)», cando alude á posición destes respecto das
reivindicacións políticas, e a actitude doctrinal dos mesmos como integrantes das
forzas antifascistas de Galicia: "A posición doutrinal do noso inesquencible
Quintanilla -tan bó galego como bó marxista- proba que as aspiracións máisimas de
Galiza caben folgadamente dentro da ortodoxia socialista e da disciprina do gran
partido obreiro que fundou Pablo Iglesias."
Xaime Quintanilla Martínez (A Coruña, 13 de xuño de 1898 - O Ferrol, 18 de agosto
de 1936) médico, escritor e socialista comprometido coas aspiracións nacionais de
Galicia, será asasinado no mes de agosto de 1936. E hoxe, cando alumea un novo
25 de Xullo neste ano 2014, para todos nós, para Alternativa Socialista, Xaime
Quintanilla está máis presente que nunca pola súa clarividencia, pola súa entrega a
unhas ideas e a unha terra, cando seguimos apostando, onte como hoxe, por unha
Galicia como nazón diferenciada dentro da «Confederación Republicana das
Nacionalidades Ibéricas», por unha Europa dos Pobos, Construíndo a Esquerda
dende a pluralidade e como Alternativa Socialista, dando continuidade á obra do
Socialismo Internacionalista e Democrático, en aras de alcanzar a soberanía das
persoas e dos pobos como eixos básicos e vertebradores do noso compromiso
humano e político, fornecendo unha ampla fronte e alternativa da maioría social e
progresista, coa nosa xente e dende a nosa terra.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.