Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 12/06/2022 | Actualizada ás 12:00
Unha das circunstancias que tanto no idioma galego coma no castelán presenta moitas expresións e fraseoloxismos para dar conta dela é aquela en que alguén fala, nomeadamente con intención crítica ou de censura, dalgunha eiva ou defecto –ou, cando menos, de algo que se considera eiva ou defecto– que ten/teñen outra/s persoa/s cando el mesmo incorre tamén nesa eiva ou defecto, incluso en non poucas ocasións nun grao máis elevado có da persoa ou persoas que está a criticar.
Vexamos algunhas delas, as cales imos dividir en tres entregas, dado, como xa comentamos, o seu considerable número:
Dijo la sartén al cazo && Dijo la sartén a la caldera
Dijo la sartén al cazo: “quítate allá, que me tiznas” && Dijo la sartén al cazo: “quítate de ahí, que me tiznas” && Dijo la sartén al cazo: “no me toques, que me tiznas” && Dijo la sartén al cazo: “quita, que me ensucias”
Dijo la sartén a la caldera: “quítate/tírate allá, ojinegra” && Dijo la sartén a la caldera: “quítate/tírate allá, culinegra” && Dijo la sartén a la caldera: “quítate/tírate allá, buznegra”
Dijo la sartén al cazo: “¡quita de ahí, cochinazo!”
Dijo el cazo a la caldera: “quítate allá, tiznera”
Dijo el cazo a la cazuela: “quítate/tírate allá, culinegra”
{= Paremias que se utilizan para lle dicir a unha persoa que ela mesma peca –e normalmente en maior grao– do mesmo defecto ou eiva de que está a falar ou que está a censurar.}
Díxolle o pote á caldeira
Díxolle o pote á tixola
Díxolle a tixola á caldeira
Díxolle a tixola ó pote
Díxolle a tixola ó cazo
[E MAIS]:
Díxolle o caldeiro ó pote
Díxolle a caldeira ó pote
Díxolle a pota ó caldeiro
Díxolle o pote ó pucheiro
Díxolle o pote á borralla
Díxolle a pota ó cazo
Ex.: —¡Todos los santos días va al despacho del profesor! ¡Mira que es pelotillero! —¡Dijo la sartén al cazo!
—¡Todos os santos días vai ó despacho do profesor! ¡Mira que é paraxismeiro! —¡Díxolle o pote ó caldeiro ‡ a pota ó caldeiro ‡ o cazo á cazola ‡ o pote á caldeira ‡ o pote á tixola ‡ a tixola á caldeira ‡ a tixola ó pote ‡ a tixola ó cazo ‡ o caldeiro ó pote ‡ a caldeira ó pote ‡ o pote ó pucheiro ‡ o pote á borralla!
● E tamén:
Díxolle o pote ó caldeiro: “(a)chégate alá, non me luxes”
Díxolle o pote á caldeira: “(a)chégate alá, non me luxes”
Díxolle o pote ó caldeiro: “cea/céate atrás, que me luxas”
Díxolle o pote ó caldeiro: “arrédate alá, non me luxes”
Díxolle o pote ó caldeiro: “(a)chégate alá, non me luxes”
Díxolle o pote ó caldeiro: “tírate (para) alá, non me luxes”
Díxolle o pote ó caldeiro: “quítate (para) alá, non me luxes”
Díxolle o pote ó caldeiro: “sácate para alá, non me lixes”
Díxolle o pote ó caldeiro: “saca # sácate # sae # vaite de aí, que me luxas”
Díxolle o pote ó caldeiro: “fuxe de aí, que me manchas”
Díxolle o pote ó caldeiro: “aparta de aí, que me lixas”
Díxolle o pote ó caldeiro: “chégate alá, que me luxas”
Díxolle o pote ó caldeiro: “tente aló, que me luxas”
Díxolle o pote ó caldeiro: “tente atrás, que me luxas”
Díxolle o pote ó caldeiro: “vaite, porco, non me manches”
Díxolle o pote á caldeira: “tírate alá, non me luxes”
Díxolle o pote á caldeira: “vaite pola baldroeira”
Díxolle a pota ó caldeiro: “aparta de aí, que me lixas”
Díxolle a pota ó caldeiro: “chégate alá, que me luxas”
Díxolle o cazo á cazola: “achégate alá, que me luxas”
Díxolle o cazo á cazola: “cea/céate atrás, que me luxas”
Díxolle o cazo á cazola: “tírate alá, non me lixes”
● E mais:
“Arrédate alá, tisneira”, díxolle a tixola á caldeira
Díxolle a tixola á caldeira: “arrédate alá, tisneira”
“Tírate alá e non me luxes”, díxolle a tixola á caldeira
“Saca de aí, que me tisnas”, díxolle a tixola ó cazo
Díxolle o pote á tixola: “vaite de aí, que me tingues”
Díxolle o pote á tixola: “vaite de aí, que me luxas”
Díxolle o pote ó pucheiro: “sácate de aí, que me luxas”
Díxolle a tixola ó pote: “lisca de aí, que me manchas”
Díxolle a tixola ó pote: “sae da miña beira, que tisnas”
Díxolle a tixola ó pote: “tírate alá e non me lixes”
Díxolle a tixola ó cazo: “vaite de aí, que me manchas”
Díxolle a tixola ó cazo: “arrédate para aló, meu lixugueiro”
Díxolle o caldeiro ó pote: “non te acerques, que me luxas”
Díxolle a caldeira ó pote: “tírate alá, non me lixes”
Díxolle o pote á borralla: “saca de aí, que me emborras”
Sempre a tixola lle chamou ó pote “tisnado”
NOTAS:
1. Todas estas paremias (tanto as que se reflicten na presente entrega coma as que se farán constar nas dúas seguintes, en que seguiremos a tratar este mesmo “tema”) son susceptibles de ir, en función de cada contexto e da maior ou menor expresividade con que as emita o falante, co signo de exclamación final (ou ben entre signos de admiración –véxase, en relación coa adopción desta última escolla, a correspondente explicación no artigo “Facer # Dar os seus pereiriños”, equivalente ó castelán “hacer # dar sus pinitos”–).
2. Nas paremias en que aparece, a voz tixola é susceptible de ser substituída pola variante tixela, mentres que, pola súa banda, as formas conxugadas dos verbos luxar/lixar poden ser utilizadas indistintamente nos fraseoloxismos en que teña presenza calquera delas.
3. Polo que atangue ás formas conxugadas do verbo cear, case é escusado dicir que este presenta o significado de “recuar”, e non o de “facer a última comida do día”.
4. En relación coa voz tisneira (adxectivo que presenta o significado de “que tisna”), lembremos que normativamente en galego o verbo é tisnar, non *tiznar.
5. Verbo da paremia Díxolle o pote ó caldeiro: “fuxe de aí, que me manchas”, e sobre todo ante o cada vez máis estendido erro de trasladar cara ó imperativo a alternancia vocálica que certos verbos amosan unicamente no presente de indicativo (coma tales, casos como *séguenos en Instagram, *sérvenos ti e semellantes), lembramos para a paremia que nos ocupa a forma correcta é, tal e como nela se recolle, fuxe, e non *foxe. [Dáse, para o efecto, unha explicación máis polo miúdo no artigo “Tarde, mal e a rastro”, equivalente, entre outras, á castelá “tarde, mal y nunca”.]
6. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes, ou inspiradas nelas:
- Recolleita propia da oralidade galega.
- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).
- Castelo Santaballa, Lela & Quintairos-Soliño, Alba: “Tras deste tempo, tempo vén. A fraseoloxía de Xermade”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 22, 2020, páxs. 195-229. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Castro Otero, Salvador et alii: “Botando unhas liñas no mar do Morrazo”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 19, 2017, páxs. 127-150. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Cerviño Ferrín, María Victoria: “Fraseoloxía e paremioloxía en Sebil, 2”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 15, 2013, páxs. 441-462. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Da Cerna: “Ditos, frases feitas e refráns”, no blog “Da Cerna”, accesible no enderezo https://dacerna.blogspot.com/p/ditos-e-frases-feitas.html.
- Garrido Palacios, Manuel: “Los 400 refranes recogidos en la aldea de Fonfría (Lugo)”. Tirado do url http://www.cervantesvirtual.com/obra-visor/los-400-refranes-recogidos-en-la-aldea-de-fonfria-lugo/html/
- Groba Bouza, Fernando: “Nas uñas, nas mans ou nos pés has saír a quen es”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 16, 2014, páxs. 357-437. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Martínez Seixo [agora, Martíns], Ramón Anxo (dir.): Dicionario fraseolóxico galego. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2000.
- Pereda Álvarez, José María: Aportaciones léxicas y folklóricas al estudio de la lengua gallega. Publicado en 1953. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Real Academia Galega: Dicionario da Real Academia Galega (versión en liña).
- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Saco y Arce, Juan A.: Literatura popular de Galicia. Ano 1881. Ed. de J. L. Saco Cid. Deputación Provincial de Ourense.
- Soto Arias, María do Rosario: Achegas a un dicionario de refráns galego-castelán, castelán-galego. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 3, 2003. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Vázquez Saco, Francisco: Refraneiro galego e outros materiais de tradición oral. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 5, 2003. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Ventín Durán, José Augusto: “Fraseoloxía de Moscoso e outros materiais de tradición oral”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, anexo 1, 2007.
- Zamora Mosquera, Federico: Refráns e ditos populares galegos. Ed. Galaxia, 1972, Vigo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.