Don Alberto e a astroloxía luscofusquiana

«Ya el sol asomaba en el poniente, / ya el cóndor surcaba el firmamento / y la patria gloriosa, heroica y valiente, / de victoria profiere el juramento.» (Les Luthiers, Ya el sol asoma en el poniente)

Por Xosé Antón Jardón | Vilar de Santos | 20/06/2022

Comparte esta noticia
«Non adoito esquecer unha cara, mais con vostede farei unha excepción», din que dixo Groucho Marx, en paz descanse, cando soubo que Feijóo, ao desembarcar en Andalucía, o primeiro que fixo foi presumir de entender máis de postas de sol que o propio Bill Clinton. Mentres tanto, un tal Rueda, roda e chouta por riba dos coios das corredoiras dese país incapaz de facer estourar o maleficio que lle aperta a gorxa e as partes íntimas, dende que a estrela diurna asoma o fociño ata que Alberto “ene punto” Feijóo manobra nos mecanismos dos reloxos a fin de decidir cando se debe poñer, para aparentar que é un experto en postas de sol.
 
De todo o que os galegos disidentes coñeciamos –e sospeitabamos– daquel insigne presidente galego tan agudo e pillabán, que, no canto de tomar unha cervexa cunhas olivas despois do choio, desbaldía os atardeceres deambulando coma un papahostias, dende as penedas de Fisterra ata a Alhambra de Granada, a ocorrencia ou habelencia máis xenuína –a de ser quen de interpretar e medir as postas de sol– sen gozar nunca do seu inmensurábel esplendor, descoñeciámola por completo. 
 
Se, antes de que decidira deixarnos plantados para vivir en Madrid, tiveramos a sorte de sabermos da sublime mestría do noso Alberto, para convencernos de que o sol nace en Génovatrece e se pon cando el quere na mesmísima Porta do Sol, nunca lle permitiriamos marchar. Nunca! Mais como, malia todo, sempre estaremos dispostos a compartir e asumir o seu romanticismo astrolóxico, sen pedir explicacións; e sempre nos deixaremos aparvar pola revirada semántica dunha decadente e trasnoitada astroloxía luscofusquiana, sen preocuparnos do significado de semellante algarismo, seguiremos imbuídos na perpetua desmemoria que nos caracteriza e iremos arredando pouco a pouco as súas lembranzas e a súa cara de cemento ata esquecernos da súa estampa. Irémolo facendo incluso coa mesma intensidade coa que el vai borrando do mapa ao seu coitado predecesor. Non por nada, simplemente para abrazar ao sucesor como se fose auga de maio. Para abrazalo e non soltalo, claro. 
 
[O meu tío Lisardo pensa que os fulanos como Feijóo naceron para acabar durmindo na Moncloa antes de que o sol esmoreza, non polas súas agudezas, senón mercé á torpeza dos que non saben pechar as portas por dentro. Iso si, Alberto durmirá na Moncloca, con Abascal mexéndolle e mexándolle a cuna que, entre uns e outros, lle mercamos a escote pericote].

O líder do PP e ex presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, bebe auga nunha rolda de prensa tras o seu último Consello da Xunta de Galicia, a 5 de maio de 2022, en Santiago de Compostela. Álvaro Ballesteros - Europa Press
O líder do PP e ex presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, bebe auga nunha rolda de prensa tras o seu último Consello da Xunta de Galicia, a 5 de maio de 2022, en Santiago de Compostela. Álvaro Ballesteros - Europa Press
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Antón Jardón Secretario-interventor de Administración Local xubilado. Foi alcalde de Vilar de Santos, deputado provincial, vicepresidente da FEGAMP (Fedreación Galega de Municipios e Provincias) e Delegado da Consellería de Industria de Ourense no goberno do bipartito. Militou no BNG e en CxG. Hoxe en día non ten afiliación política. Na actualidade dedícase á actividades culturais, especialmente a través do Museo da Limia, no que desempeña o posto de Coordinador do seu Padroado.