Os europeos prefiren o socialismo ao capitalismo, mais España é o país da mostra onde menor é a identificación co capitalismo, case á par da Franza. Semella que neste aspecto a influenza do veciño do norte ten deixado pegada. En case todos os países europeos da mostra o socialismo recibe unha nota maior que o capitalismo ( 3,9 puntos o socialismo fronte a 3.1 o capitalismo de media, en España estes números son 3,9 e 2,3, respectivamente). As excepcións son, como era de esperar, Polonia e a República Checa, os países da mostra que sufriron unha das versións mais perniciosas do socialismo.
Os europeos concordan en que o Estado debe xogar un papel moi activo no controlo da economía. E os españois só están detrás do franceses neste desexo. Porén, a reclamación é menor na Alemaña e en Polonia. Mais, onde se pon especialmente de manifesto o afán estadista dos españois é nas súas respostas ao que acreditan deben ser as responsabilidades do Estado. A maioría dos europeos acredita en que o Estado ten moita responsabilidade en asegurar a atención sanitaria ou unha pensión digna aos cidadáns, mais o apoio a outras políticas diminúe sensibelmente. Porén, en España o apoio a estas outras políticas que, de materializarse, atenazarían a actividade económica é especialmente intenso. Por exemplo, o 50,7% dos españois consultados atribúe moita responsabilidade ao Estado no controlo dos salarios ( 28,9% dos europeos), o 54% atribúelle moita responsabilidade no controlo dos lucros das empresas ( 32,7% dos europeos), o 77,5% dálle tamén moita responsabilidade no controlo dos lucros dos bancos ( 55,9% dos europeos) e o 72,3% acredita que ten moita responsabilidade en fornecer dunha morada digna aos cidadáns ( 44,1% dos europeos).
Á luz destes números non é de estrañar que en España as respostas políticas á crise económica teñan tomada o rumo coñecido. Son as forzas políticas que acentúan a súa oferta en receitas baseadas nestas crenzas as que están a experimentar un grande auxe electoral. Ademais, segundo o mesmo estudo os españois son os europeos que menos confían no controlo do gasto público para saír da crise. Só o 20,8% dos españois consultados considera que hai que cadrar as contas públicas –fronte ao 38.5% dos europeos- mentres que o 58,7% -40,3% en Europa- aposta por manter ou expandir o gasto. Tamén son moito mais proclives que a media a subirlle os impostos aos que mais gañan polo seu traballo (4,7 puntos sobre 10 recibe de apoio esta medida en Europa, mentres que en España alcanza os 7,1 puntos) e moito menos que a media a flexibilizar o mercado de traballo ( 6,2 puntos en Europa e 4,9 en España). Se un toma en conta as preferencias que revela esta pesquisa de opinión entón pode comezar a comprender a resposta dos diversos gobernos a actual crise económica e a recomposición do mapa político ao cal está a dar lugar.
Xunto cos italianos, os españois son os que menos énfase poñen na responsabilidade individual e os que mais lle cargan o morto ao Estado. Así, o 74,1% dos españois consultados manifestaron concordar con que o o Estado deber ter a responsabilidade principal á hora de asegurar que todos os cidadáns podan gozar dun nivel de vida digno (54,5% dos europeos) e só un 23,6% dos españois consultados concordaron con que cada persoa debe ser o responsábel principal de asegurar o seu propio nivel de vida digno ( o 40,8% dos europeos).
Como non podía ser menos, os países cunha maior tradición de liberdade, Holanda e Gran Bretaña, son aqueles que mais énfase puxeron na responsabilidade individual (52,7% en ambos países), seguidos da Alemaña (48,2%) e a República Checa (47,7%), que sufriu o totalitarismo comunista. Porén, en Polonia -que tamén experimentou o pesadelo comunista- só o 40,8% enfatiza a responsabilidade individual. Un non pode deixar de preguntarse se as diferenzas entre Chequia e Polonia terán algo que ver coa importante tradición católica polaca. Tradición tamén presente en Chequia, sen dúbida, mais tal vez amornada. Un non pode deixar de reparar en que a lista de menor confianza na responsabilidade individual está encabezada, neste orden, por: Italia (20,2%), España, Suecia (37,3%), Polonia e a Franza (43,7%). Os países da mostra dunha mais fonda tradición católica, coa excepción de Suecia.
A maioría dos Europeos pronúncianse a prol do chamado Estado do Benestar, cos españois por riba da media. O 66,2% di preferir un amplo sistema de seguros sociais aínda que implique elevados impostos mentres que só o 25,2% proclama a súa inclinación por impostos mais baixos e un sistema de seguranza social mais limitado. Estas porcentaxes son en España do 80,5% e o 13,7%, respectivamente. De novo, os países ex-comunistas, Chequia e Polonia, xunto co Reino Unido, aínda que tamén maioritariamente en prol dos seguros sociais, son os que mais avogan polos impostos baixos.
Porén, cando aos españois se lles pregunta por subas impositivas no contexto do combate contra a crise económica só dan 1,2 puntos á posibilidade de subir o IVA – 2,3 a media dos europeos- mentres que avogan por subir impostos a quen mais gaña polo seu traballo, como foi sinalado con anterioridade. Do cal extraio a conclusión, posibelmente precipitada, de que os españois queren seguros sociais, claro, quen non, mais non parecen moi animados a pagalos ao tempo que pensan, que paguen os ricos! E tamén deben pensar que os ricos non son eles, mais entón, quen son os ricos?.
Destacaría tamén que Dinamarca e Holanda, xunto con Suecia, son os países mais favorábeis aos seguros sociais aínda que signifiquen elevados impostos. E non me estraña esta opinión, pois segundo os estudos comparativos o sistema de saúde holandés –esencialmente privado- é o que mellor funciona en Europa, seguido do dinamarqués –de forte raizame pública mais con fortes elementos concorrenciais. Parece que os cidadáns destes países pagan impostos, mais apalpan os resultados. Á luz doutras respostas no mesmo estudo os cidadáns destes países parece que, sendo proclives ao intervencionismo estatal, teñen unha visión do papel concreto do Estado moi diferente ao existente en España. Nestas preferencias pode estar baseado o chamado sistema de flexi-seguranza dinamarqués.
Os Europeos acreditan que a Economía de Mercado é a mais conveniente para o seu país -6,1 puntos de valoración media- mais tamén achan que é a principal causa de desigualdades sociais -6,0 puntos. Tamén neste aspecto os españois facemos gala de Estadismo. Somos os que menos confiamos no mercado -5,2 de nota- e os que mais o culpamos das desigualdades sociais -6,6 de nota. Como non podía ser menos, os países que mais confían no mercado son tamén os mais prósperos: Alemaña, Dinamarca e Holanda.
Por suposto, esta visión española das cousas –a desconfianza no funcionamento e resultados do mercado- pode estar na base da predilección por amplas políticas redistributivas. Así, o 54,7% dos españois consultados – de largo a porcentaxe mais elevada da mostra- manifesta que os ingresos deberían ser mais equilibrados, aínda que poda significar que as persoas que se esforzan mais e as que se esforzan menos gañen cantidades semellantes, mentres que o 41,5% -a menor porcentaxe da mostra- declara que as diferenzas nos níveis de ingresos son precisas para que quen mais se esforza teña ingresos mais altos que quen menos se esforza. Estas porcentaxes son do 34,4% e o 59,5% de media en Europa. Destacan no seu desexo de retribuír o esforzo dinamarqueses e holandeses. Só arredor do 14% destes avoga por políticas redistributivas que equilibren os ingresos ás costas de destorcer o premio.
É dicir, segundo a pesquisa, os europeos desexan premiar o esforzo, mais non así os españois. Resulta de tal perversión que é difícil acreditar. A non ser que a resposta dos españois estea fortemente condicionada pola percepción de que na súa contorna os ingresos están pouco ligados ao esforzo e moito ás trapalladas, o favoritismo, o nepotismo, a corrupción...
En definitiva, o estudo confirma un segredo a voces: o Estadismo preside a cosmovisión europea. Tal vez por iso vivamos na época do que algúns chamaron o consenso social-demócrata. Mais, tampouco convén poñer a todos no mesmo saco. Os do sul, españois e italianos –e tamén franceses- desconfiamos do mercado e reclamamos un maior
intervencionismo estatal. Queremos un estado forte que transcenda os seguros sociais e meta man noutros campos -como a regulación de prezos e salarios- ao tempo que redistribúe a renda aínda que altere os premios e castigos consubstanciais ás diferenzas no esforzo. Outros mais ao norte (holandeses, dinamarqueses e alemáns especialmente, tamén suecos) aceptan os seguros sociais mais confían na economía de mercado, limitan a actuación do Estado e avogan por retribuír a cada quen segundo o seu mérito. Tal vez, estas distintas actitudes podan axudarnos a comprender as diferenzas na prosperidade.