A Comisión Europea destinará 318 millóns a impulsar eólicos e renovables e 46 millóns a emprego en Galicia

O país recibirá 681 millóns 'Next Generation' na primeira etapa do plan de recuperación, case a metade para transición verde.

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 07/07/2022 | Actualizada ás 11:54

Comparte esta noticia

O portavoz da Representación da Comisión Europea en España, Maciej Berestecki, asegurou que Galicia "pode ser un referente europeo en enerxías renovables", especialmente eólica, e garantiu o apoio do Executivo comunitario para "levar a cabo unha transición enerxética na que ninguén quede atrás", apoiando "especialmente" a industrias e traballadores galegos.

Así o manifestou durante un almorzo informativo celebrado este xoves en Santiago de Compostela, onde destacou a importancia dos fondos europeos, entre eles o mecanismo de recuperación 'Next Generation' e o marco orzamentario plurianual 2021-2027 da Unión Europea, para o desenvolvemento da Comunidade.

Segundo cifras achegadas polo Goberno de España, Galicia recibirá do seu Plan de Recuperación e Resiliencia un importe de 681 millóns de euros na primeira etapa de implementación dos 'Next Generation'. O groso destas contías irán para unha transición verde, dotada con 318 millóns de euros, para dixitalización, 97 millóns, e para protección social, 90 millóns.

Ademais, hai consignados 60 millóns para turismo, 49 para educación e Formación Profesional, 46 para emprego, 18 para ciencia e 3 millóns para cultura.

No caso concreto do programa 'REACT-EU', que prevé axudas para a recuperación para a cohesión e os territorios, Galicia recibiu un total de 349,4 millóns en 2021 a través do fondo Feder, para reforzar os sistemas de saúde, a transición cara a unha economía dixital e apoiar a empresas e pemes na creación de emprego e a construción sustentable, entre outros sectores.

"Desde que comezou a pandemia pola covid-19, a Comisión Europea priorizou a recuperación económica de todas as rexións e que todas elas estean preparadas para facer fronte aos retos actuais e futuros", valorou Berestecki, sobre a aplicación do programa 'Next Generation'.

TRANSICIÓN VERDE

O portavoz da Representación da CE en España centrou boa parte da súa intervención na transición verde. De feito, o Fondo de Transición Xusta, composto por 17.500 millóns de euros do marco financeiro plurianual ata 2027 e 10.000 millóns do instrumento de recuperación.

"España vai recibir un total de 868,7 millóns de euros, dos cales Galicia recibirá 111 millóns", detallou, xa que o Executivo comunitario "ten en conta as circunstancias desta rexión en canto a materia enerxética, así como as súas posibilidades para converterse en referente en enerxía renovable"

Nesta liña, Berestecki destacou o programa 'REPowerEU', o plan creado pola UE para independizar ao continente dos combustibles fósiles rusos no 2030. Contén medidas a longo prazo como un estímulo á descarbonización con 3.000 millóns, entre outras disposicións.

GUERRA EN UCRAÍNA

A guerra en Ucraína motivada pola invasión rusa foi outro dos temas centrais do encontro. Na súa intervención, o portavoz subliñou a axuda prestada: "Desde que comezou o conflito, a Unión Europa e os seus Estados membros mostráronse unidos no seu apoio a Ucraína, xunto cos seus aliados internacionais".

Así, explicou que "durante estes meses, adoptáronse ata seis paquetes de sancións co obxectivo de desarticular a capacidade do Kremlin para financiar a guerra e reducir a súa base económica".

Finalmente, Berestecki destacou a importancia dos mozos para o desenvolvemento do continente nun 2022 convertido en Ano Europeo da Mocidade.

Unha vaca fronte a aeroxeradores no parque eólico de Montouto, da Serra do Xistral, na comarca de Terra Cha
Unha vaca fronte a aeroxeradores no parque eólico de Montouto, da Serra do Xistral, na comarca de Terra Cha | Fonte: Carlos Castro - Europa Press.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta