Por Galicia Confidencial | Monforte | 24/08/2014 | Actualizada ás 17:46
Listas non excluíntes e explorar pactos con outras forzas nacionalistas ou estatais. Ese é a proposta do alcalde de Monforte, Severino Rodríguez, un dos moitos rexedores do BNG que defenden esta postura que, polo momento non se votou, non conta co respaldo da maioría da dirección da formación nacionalista, en mans da UPG.
Así, Severino Rodríguez insistiu na necesidade de articular candidaturas abertas nas municipais do próximo ano sen ser "excluínte" e avogou por "explorar todos os camiños", tamén con outras forzas políticas que non están radicadas unicamente en Galicia, en alusión a Esquerda Unida ou Podemos.
Precisamente, este alcalde, que forma parte dos rexedores do BNG asinantes do manifesto 'Somos Maioría', suliñou que "non existe ningunha contradición" con esta postura, pero lembra que esta discusión aínda non se deu no seo do BNG. "Cando se dea, cada un porá de manifesto o seu punto de vista e debaterase", suliñou
"Pero o importante é axudar a consolidar ideas e prácticas...O único que ten que importar a unha formación é solucionar os problemas da xente", dixo nunha entrevista na Radio Galega.
Neste sentido, sinalou que a súa formación é "total e absolutamente democrática" e así se adoptará a decisión de como conformar listas para as próximas municipais. "Poderán ser ou non acertadas as decisións que adopta a formación, pero tómanse de forma democrática", dixo.
O rexedor dun dos concellos que se declararon insumisos ao pago da subida do canon de Sogama tamén confirmou que seguirá adiante coa súa negativa mentres que "non se resolva" a vía xudicial.
Tamén aludiu á multa que se lle impuxo, de 300 euros, no marco da súa participación nunha protesta ante o Parlamento de Galicia contra a subida do canon, indicou que a recorreu. Para Severino Rodríguez, é unha "inmoralidade" que se lle sancionou por "defender" os "intereses" do seu municipio, e atribuíuno á "forma de facer política" do PP.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.