CC.OO. apela á "xenerosidade do galeguismo" para unha saída xusta da crise

Reclama a forzas políticas, institucións e axentes sociais que teñan "sentido de país".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/07/2022 | Actualizada ás 13:53

Comparte esta noticia

Con motivo da celebración do Día da Patria Galega este luns, 25 de xullo, a Comisión Executiva do Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia lembrou que a crise actual é o primeiro reto a afrontar, polo que reclama a forzas políticas, institucións e axentes sociais que teñan "sentido de país" para que a saída desta situación "sexa xusta".

Para iso, o sindicato apela a recuperar "os consensos" que hai catro décadas permitiron sentar as bases" da autonomía, con "pactos que poñan os intereses colectivos e a vocación de servizo por diante dos intereses partidistas". "A xustiza social só pode nacer da xenerosidade e da solidariedade, cimentos imprescindibles para as construcións máis sólidas. Calquera medida que se tome sen diálogo, con egoísmo ou con insolidariedade estará abocada ao fracaso", apunta CC.OO. nun comunicado.

Nun texto no que menciona a Fernández del Riego, próximo homenaxeado nas Letras Galegas, CC.OO apela "ao compromiso de país e á xenerosidade demostrada polo galeguismo histórico, que está no berce do modelo autonómico galego", reivindicando "pactos e consensos amplos que permitan que Galicia saia nas mellores condicións posibles desta crise". Todo iso "sen perder a perspectiva de que hai debates e decisións que non se poden atrasar máis e que terán repercusións sobre as condicións de vida das próximas xeracións".

O modelo de desenvolvemento de Galicia, a transición enerxética e ecolóxica, as infraestruturas e a vertebración territorial, as áreas metropolitanas, a atención á dependencia, a protección social, a atención primaria, o ensino público ou as políticas industriais son algunhas das cuestións que sinala o sindicato.

Concentración de CC.OO. Ensino ante a Consellería de Educación. CC.OO. ENSINO
Concentración de CC.OO. Ensino ante a Consellería de Educación. CC.OO. ENSINO

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta