Manzaneda, epicentro da música e tradición galega este fin de semana

O concello acolle o V Serán de Seitura, a Noite Celta e o XIII Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/07/2022 | Actualizada ás 19:54

Comparte esta noticia

O Concello de Manzaneda será este fin de semana o escenario de tres eventos que unen a música e a cultura tradicional galega: o V Serán de Seitura, a Noite Celta e o XIII Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas.

As citas, presentadas no Pazo Provincial de Ourense, comezarán o 30 de xullo, sábado, ás 18,00 horas coa primeira das celebracións, a quinta edición do Serán de Seitura, na Praza da Igualdade de Manzaneda, no marco das homenaxes ás cantautoras Clotilde Salgado, Consuelo López e Aquilino de Bidueira.

Unha actividade na que actuarán a violinista María Rodríguez, os informantes do Cancioneiro da Seitura de Manzaneda, Terra de Trives, o grupo de acordeóns Airiños da Porta Falsa de Manzaneda, as cantareiras da Real Banda, o Grupo A Pinguela de Manzaneda e a Real Xuvenil. Todo iso dará paso á celebración da Noite Celta esa mesma noite, a partir das 23,00 horas, na estación de montaña de Manzaneda.

Xa o domingo, 31 de xullo, chegará o 13º Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas, unha cita de referencia que completa un fin de semana cunha intensa programación en Manzaneda, e que congregará ao redor de 500 gaiteiros de diferentes lugares como Cataluña ou Castela e León ademais dos propios nacionais e tamén algúns do norte de Portugal.

Este certame celebrarase no campo de competicións de Cabeza de Manzaneda onde terá lugar a fase final da competición a partir das 11.00 horas. Nela, inclúese o campionato de bastón de mando, o campionato de gaiteiros solistas e o concurso das bandas, ao que tamén acudirá un equipo de xuíces especialistas de gaita porque "este certame non só é unha exposición, senón tamén un foro onde acoden as bandas a perfeccionarse e a mellorar".

Esas foron as palabras do director da Escola e da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, Xosé Lois Foxo, encargado de presentar este certame na Deputación Provincial, onde trasladou que son máis de vinte as bandas de gaitas que se darán cita, entre elas algunhas como a banda de Vilariño de Conso, a de Riós ou Trinta de Trives.

DIFUSIÓN DA CULTURA GALEGA

Así mesmo, Foxo aproveitou para remarcar a filosofía do evento, lembrando que "busca a promoción e a difusión da cultura da gaita e da cultura galega", e na mesma liña sostivo que "con eventos como o Serán de Seitura quérense recuperar aqueles vellos cánticos nas memorias dos nosos antepasados".

Con todo iso, manifestou que "Manzaneda é un absoluto referente da música popular galega", unha aseveración que corroborou na súa intervención o alcalde de Manzaneda, Amable Fernández, tamén presente no acto, quen agradeceu a participación das bandas e gaiteiros no certame. Así, Amable Fernández convidou á asistencia á competición, onde haberá unha carpa para unha comida popular e postos de artesanía na chaira da estación de montaña.

Gaitas en Manzaneda
Gaitas en Manzaneda | Fonte: tur 43

Pola súa banda, o vicepresidente da Deputación, César Fernández, resaltou a importancia da "cooperación institucional para organizar este fin de semana" que destacou como "moi singular por combinar con gran acerto a cultura tradicional coa fermosa contorna da estación de montaña de Manzaneda".

Por iso, César Fernández recomendou "gozar coa calidade dos participantes e da paisaxe", e convidou a todas as persoas a "gozar neste verán que se retoman os eventos multitudinarios".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta