O predominio do pensamento único

Nun artigo previo expuxen unha investigación recente que sitúa os cidadáns españois, de entre unha mostra de varios países europeos, como aqueles que menos confían no mercado e na responsabilidade individual e mais intensamente defenden o intervencionismo estatal. Non é que os outros europeos consultados non fagan gala de Estadismo, mais o españois destacan. Por qué este pronunciado viés dos cidadáns españois? Eis unha cuestión que brinca e rebrinca na miña cabeza. E a continuación algunhas posíbeis respostas.

Por Fernando del Río | Compostela | 12/09/2014

Comparte esta noticia
O controlo estatal do ensino pode ser unha peza explicativa. A educación estatal obrigatoria foi implementada inicialmente en Prusia co declarado obxectivo de formar individuos útiles para o Estado logo de que no 1806 as tropas napoleónicas infrinxisen unha humillante derrota ao exército prusiano na batalla de Jena. Supoño que tal formación require inculcar nas súas conciencias un escrupuloso respecto polo mesmo. Ademais, tal obxectivo é consistente cos intereses dos traballadores públicos encarregados da instrución.  Por tanto, non hai elos quebradizos na cadea.
 
A nosa tradición cristiá, e en especial católica, pode tamén ter moito que ver. A Igrexa ten un unha longa tradición de suspicacias a respecto do libre comercio, a propiedade e a responsabilidade individual. No primeiro volume dunha obra monumental titulada “Los enemigos del comercio” o filósofo Antonio Escohotado defende esta tese. Por exemplo, durante moito tempo estivo vetado aos cristiáns o empréstemo a xuro. Por iso algúns xudeus aproveitaron o baleiro nicho de mercado.  Esta desconfianza é manifesta na doutrina social da Igrexa Católica. 
 
A simpleza da errada análise marxista, que categoriza o mundo tal como un filme de indios e vaqueiros, fornece dun accesíbel substrato intelectual para atacar os acordos libre e voluntarios, os cales non suporían unha mellora para ambas partes mais a exploración dunha pola outra tal reminiscencia dun primitivo mercantilismo. A explicación oferta coartadas morais para xustificar a toma de partido  e compleméntase coa innata querenza humana polas solucións doadas. E, de entre estas, non hai outra mais socorrida que invocar o providencial, ilustrado e benevolente intervencionismo estatal, pasando por alto toda a complexidade das interaccións humanas e ignorando que non é providencial nen ilustrado nen moito menos benevolente.  
 
Tal vez  tamén experimentemos unha certa dependencia da senda na medida en que a xente acredite en que a histórica distribución herdada da riqueza non ten unha orixe xusta, pois é en grande medida produto de séculos de coacción e privilexios. Consecuentemente, esíxese a súa redistribución. Esta dependencia da senda pode non ser tan importante nalgunhas colonias europeas do Novo Mundo e outras partes do globo. O cal pode ter dado lugar a diferenzas significativas en certas actitudes dos cidadáns destes países e aqueles da mai-patria. 
 
Por último, mais non menos, o propio intervencionismo estatal xera unha inxusta distribución da renda e a riqueza produto de corruptas trapazadas e arranxos a miúdo sustentados en inxustificados privilexios. A percepción de tal situación desacredita a a ollos do público a distribución xerada e incrementa as súas reclamacións dunha maior redistribución por parte do aparato estatal. Aumentando así aínda mais o intervencionismo estatal. Como cobra que morde a súa propia cauda.  Por se for do seu interese, os economistas  Alberto Alesina e George-Marios Angeletos publicaron un artigo no ano 2005 no Journal of Monetary Economics titulado “Coruption, Inequality, and Fairness” que aborda este asunto.
 
En definitiva, posibelmente a preponderancia do pensamento “único” que desacredita aos acordos libres e voluntarios, cuestiona a propiedade, minimiza a responsabilidade individual e reclama  a intervención providencial do Estado teña diversas explicacións. Tal vez algunhas das rascuñadas neste artigo teñan relevancia. Superar esta visión estadista da vida é crucial para emprender a vía da prosperidade pois dificilmente gobernos democráticos acometerán políticas e reformas institucionais que cuestionen seriamente esta maioritaria cosmovisión.  E só se pomos fin ás causas poderemos eliminar o síntoma.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Fernando del Río (Ordes, 1968) Licenciado en Economía e Máster en Comercio Exterior pola Universidade de Santiago de Compostela. Doutor en Economía pola Universidade Carlos III de Madrid. Actualmente é Profesor Titular de Universidade na Universidade de Santiago de Compostela. Previamente foi axudante na Universidade Carlos III de Madrid, profesor visitante na Universidade de Vigo e investigador do CEPREMAP (París). As súas áreas de investigación de interese son a Macroeconomía Dinámica e o Crecemento Económico. Ten artigos de investigación publicados en prestixiosas revistas académicas internacionais tais como o Journal of Economic Theory, Journal of Development Economics ou Oxford Economic Papers. Membro da Executiva Nacional de Converxencia 21 e Presidente da Asociación Galega para a Liberdade e a Democracia (GALIDEM).