A alcaldesa da Coruña anuncia maquinaria "máis específica" e "precisa para limpar as rúas

Critica a Rueda por non convocala a unha xuntanza tras os seus 100 días de goberno

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/08/2022 | Actualizada ás 15:03

Comparte esta noticia

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, dixo este mércores, sobrea s queixas de veciños por falta de limpeza nas rúas,  que se está "mellorando" o contrato coa empresa adxudicataria do servizo para que poida haber maquinaria "máis específica" e "precisa".

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey / CONCELLO A Coruña / Europa Press
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey / CONCELLO A Coruña / Europa Press

Nunha rolda de prensa, tamén aproveitou para reprocharlle ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, por non darlle data para un encontro desde que tomou posesión como titular do Executivo galego. "Que explique por que hoxe que cumpre cen días como presidente da Xunta aínda non contestou á petición que lle fixen de manter unha reunión", demandoulle na rolda de prensa que ofreceu tras a Xunta de Goberno local.

Nela, lamentou tamén que a Xunta non contestase á súa solicitude dunha rebaixa adicional do 20% no prezo do billete de autobús, que se sumaría ao desconto do 30% que se fai efectivo desde este xoves, 1 de setembro, por parte do consistorio.

"Non temos resposta, pero imos seguir insistindo porque consideramos que o Goberno autonómico ten moita responsabilidade nas políticas de mobilidade", sentenciou. A rexedora fixo estas declaracións tras realizar unha análise do seu mandato, aludindo a un cambio no modelo de cidade con "importantes" investimentos e con 452 obras acometidas.

Ademais, na área de urbanismo destacou a concesión de "a maior cifra de licenzas en máis dunha década, con preto de 1.500". A iso, sumou tamén investimentos no ámbito social por importe de 27,5 millóns.

A rexedora resaltou tamén a "cooperación" entre diferentes administracións "con independencia de quen as gobernase" para "conseguir investimentos" en infraestruturas como "o tren a Langosteira, o dragado da ría do Burgo ou a construción dun novo hospital".

En canto á corporación municipal, e a pesar das demandas dos demais grupos municipais ao Goberno local, destacou a aprobación en pleno de "178 asuntos, dos 179 debatidos".

Sobre as eleccións municipais de maio Inés Rey dixo que catro anos non son suficientes para "ver todo un cambio nunha cidade", pero "en máis de tres de mandato recuperouse o liderado da cidade que se perdeu cos dous gobernos anteriores".

ALVEDRO 

Noutra orde de cousas e sobre o aeroporto de Alvedro, remarcou, tras os novos destinos anunciados, que o obxectivo é "seguir ampliando esas rutas".

Xa sobre a antiga prisión provincial da Coruña, Rey indicou que "de entrada o que hai que facer é pagar", en referencia ao acordo alcanzado entre o Estado e o Concello para a súa compra por 2,3 millóns de euros e que sexa de titularidade municipal. "A partir dese momento decidirase o futuro do cárcere", sentenciou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta