O BNG pide no Congreso "información detallada" sobre a entrega dos trens Avril

Néstor Rego insta o Goberno a dicir se tomará accións "polo incumprimento de contrato da empresa Talgo".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/09/2022 | Actualizada ás 13:41

Comparte esta noticia

O BNG pide "información detallada" sobre o calendario de entrega das unidades de trens Avril que circularán pola rede ferroviaria galega e o seu proceso de homologación. Ante "a demora" de Talgo e "a falta de transparencia" do Ministerio de Transportes, o nacionalista Néstor Rego esixe "acabar cos atrasos acumulados e cumprir os compromisos adquiridos con Galicia" nesta materia.

Despois de recibir a resposta do Goberno que non concreta o número de unidades nin datas, o deputado rexistra unha nova batería de preguntas para que o ministerio "informe adecuadamente e con transparencia", e entre outras cuestións reclama explicacións sobre se existen "problemas" co proceso de homologación.

Así, insiste en que se concreten as unidades que se entregarán e conectarán as principais cidades do país e insta o Goberno a dicir se tomará accións "polo incumprimento de contrato da empresa Talgo".

O Bloque lamenta que "Renfe responsabiliza a Talgo pola demora na entrega das 30 unidades que continúan co proceso de homologación" e pola súa banda Talgo "alega que a dilación se debe aos efectos da pandemia e dificultades para o desenvolvemento das probas para a homologación, das que responsabiliza a Adif e Renfe".

"No medio deste lume cruzado están os intereses de Galicia, que ve como se acumulan os atrasos", censura. Por iso pide concretar un horizonte temporal para a posta en marcha destes trens.

Néstor Rego no Congreso / BNG. / Europa Press
Néstor Rego no Congreso / BNG. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta