Catro medidas clave para aumentar a resiliencia dos bosques ante o cambio climático

Propietarios forestais do Sur de Europa consensúan cos gobernos rexionais do Arco Atlántico a estratexia a seguir para enfrontar vagas de lumes, enfermidades e patoloxías forestais.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/10/2022 | Actualizada ás 12:55

Comparte esta noticia

A Unión de Selvicultores do Sur de Europa, da que forma parte a Asociación Forestal de Galicia, vén de celebrar en Burdeos unha conferencia na que se consensuou a estratexia a seguir para enfrontar o impacto do cambio climático nos bosques. Os fenómenos climáticos extremos que se suceden con maior frecuencia nos últimos anos (secas, temporais, treboadas eléctricas...) estanse a deixar sentir nas masas forestais, que experimentan maiores pragas e enfermidades, así como cíclicas vagas de lumes.

Dúas persoas de Grou observan o incendio forestal na Serra do Leboreiro, en Senderiz, no parque natural de Baixa Limia e Serra do Xurés
Dúas persoas de Grou observan o incendio forestal na Serra do Leboreiro, en Senderiz, no parque natural de Baixa Limia e Serra do Xurés | Fonte: Rosa Veiga - Europa Press

Ante esta situación, as persoas propietarios forestais constatan dúas realidades: por unha banda, o aumento da demanda de madeira como materia prima clave para a descarbonización da economía; e polo outro, a gravidade dos danos que o cambio climático está a ter sobre as masas forestais, un escenario que obriga, advirten, a unha "xestión forestal sustentable do monte, a fin de evitar o seu abandono".

"Así, os propietarios poderán reducir a carga de combustible do monte (por medio de rozas, podas, rareos, cortas...) e extraer pés afectados por patoloxías que poidan perturbar o resto da masa", sinala a asociación nun comunicado. "A xestión forestal sustentable constitúe a mellor estratexia preventiva e paliativa para manter a saúde de bosques naturais e bosques comerciais cultivados", á vez que cómpre, enganden, "actualizar os sistemas de extinción con suficientes medios aéreos, que permitan unha resposta rápida de cara a controlar os lumes nos seus inicios".

ESTRATEXIA FORESTAL

Sobre esta base de reflexión conxunta que se formulou no Congreso, os gobernos de Galicia, Aquitania (Francia), País Vasco, Navarra e Norte de Portugal, participantes no Congreso da Unión de Selvicultores do Sur de Europa, asinaron unha declaración conxunta -Declaración de Burdeos-, na que se comprometen nunha estratexia forestal baseada nestes catro puntos:

1. A xestión forestal sustentable debe ocupar un lugar central nas estratexias políticas rexionais, nacionais e europeas, pois é unha ferramenta clave para garantir a resiliencia dos bosques fronte aos efectos do cambio climático.

2. As agrupacións de propietarios forestais constitúen unha vía fundamental para potenciar o relevo xeneracional no monte e para evitar o abandono dos bosques. Permiten ademais superar os problemas de minifundio e representan un apoio para a xestión forestal dos propietarios.

3. É preciso fortalecer a cooperación público – privada para aumentar a resiliencia das masas forestais fronte a enfermidades, pragas e fenómenos meteorolóxicos extremos. Para iso, un dos piares pasa pola obtención de plantas forestais con mellora xenética.

4. Cómpre definir incentivos fiscais e apoios públicos para os propietarios forestais, de acordo coas súas necesidades e coas esixencias da sociedade en cada contexto.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta