Detida unha veciña de Carballo que se facía pasar por médica e asinaba receitas

Falsificou documentación e chegou a exercer como doutora nunha residencia da terceira idade en Lugo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/10/2022 | Actualizada ás 12:45

Comparte esta noticia

A Garda Civil informou este martes da detención dunha veciña de Carballo, á que se atribúe un delito de intrusismo profesional e contra a saúde pública, tendo en conta que se facía pasar por médica sen a habilitación necesaria e asinaba receitas.

A investigación iniciouse por mor da denuncia interposta no Cuartel da Garda Civil de Carballo pola titular dun establecemento farmacéutico desa localidade, comunicando que recibira aviso dunha compañeira de profesión da posible existencia dunha persoa que simulaba ser médica e que prescribía tratamentos mediante receitas da Seguridade Social.

Tras proceder á revisión das receitas que recepcionara, localizara entre elas unha emitida pola suposta doutora. Froito da investigación activada, púidose pescudar que a receita era oficial e correspondía ao Servizo Galego de Saúde, ademais de pertencer a un talonario que fora entregado por unha área sanitaria.

Pola súa banda, o Colexio de Médicos informou á Garda Civil de que a agora detida se atopaba inhabilitada para exercer a profesión de médico por falsidade documental.

FALSIFICOU O CERTIFICADO DE FINALIZACIÓN DE ESTUDOS

A suposta doutora falsificara o certificado de finalización de estudos e pagos dos dereitos do título, ademais de exercer como médica nunha residencia da terceira idade en Lugo carecendo do título de Licenciada en Medicina.

Mentres non se detectaron as irregularidades existentes na tramitación da súa solicitude, obtivo un número de colexiada e un talonario de receitas. A pesar da notificación á interesada por parte do Colexio oficial de Médicos da súa inhabilitación seguiu facéndose pasar por doutora e recetando medicamentos cando non tiña habilitación para iso.

Actualmente cónstanlle dilixencias abertas por estes feitos nos Xulgados da Coruña e Lugo. A Garda Civil procedeu á detención desta muller como suposta autora dun delito de intrusismo profesional e outro contra a saúde Pública.

Farmacia. FLICKR - Arquivo
Farmacia. FLICKR - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta