ADEGA fai un balanzo dos vinte anos tras o afundimento do 'Prestige' mentres o medio aínda non se recuperou de todo

A día de hoxe aínda seguen a aparecer periodicamente manchas de chapapote identificadas como procedentes do vertido do Prestige, mobilizadas polas marusías dende vellos acúmulos en fondos ou puntos de difícil acceso na costa

Por Galicia Confidencial | Santiago | 10/11/2022 | Actualizada ás 13:11

Comparte esta noticia

ADEGA lanzou un comunicado onde sinala que este ano é o 20ª aniversario do afundimento do Prestige. A día de hoxe ADEGA pregunta no seu comunicado "como lle foi á nosa natureza? Que cuestións fican pendentes 20 anos despois? E que foi daquel chapapote?"

Prestige
Prestige | Fonte: EUROPA PRESS - Arquivo

Os impactos da vertedura sobre os ecosistemas naturais fóronse diluindo co tempo, de feito que tal como apontaron diversos estudos sectoriais, a produtividade biolóxica case recuperou os níveis previos á catástrofe apenas cinco anos depois.

Porén o balanzo elaborado naquela altura en base ao rexistro de recollida de animais petroleados e aos datos científicos de cálculo de estimas que existen a nível mundial, indicaba que a mortalidade efectiva-estimada atinxíu a 125.000-300.000 aves, 337-841 tartarugas, 33-84 cetáceos, 11-28 lobos mariños e 18-46 lontras.

As poboacións dalgunhas aves peláxicas en Galicia como o arao dos cons, non se recuperaron despois do Prestige considerandose actualmente extintas. Asemade o fuel chegou a penetrar nun Parque Nacional, nun Parque Natural, vinte LICs (lugares de iterese comunitario), e seis ZEPAs (zonas de especial protección de aves).

Nestes espazos resultaron tamén afectadas comunidades vexetais que caracterizan a 20 hábitats terrestres protexidos pola Directiva de Hábitats, algúns moi escasos e sensibles como os diferentes tipos de dunas e depósitos mareais. Con estes datos e tendo como referenza outras mareas negras históricas, a do Prestige pode considerarse coma unha das piores nível mundial, por número de especies e espazos naturais afectados.

A día de hoxe aínda seguen a aparecer periodicamente manchas de chapapote identificadas como procedentes do vertido do Prestige, mobilizadas polas marusías dende vellos acúmulos en fondos ou puntos de difícil acceso na costa. Alén disto, hai tamén un fondo de contaminación por hidrocarburos provinte das verteduras (fortuitas ou intencionadas) dos buques, os denominados sentinazos, que á marxe das mareas negras periódicas, constitúen a principal fonte da contaminación por hidrocarburos dos mares.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta