Pontevedra incia a inspección de naves do Grupo Nogar pola "alarma social" despois do incendio en Xunqeira de Alba

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, di que o almacenamento de graneis en Ponte Sampaio realizábase "sen medidas de seguridade", algo que "desgraciadamente se confirmou cos feitos".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/11/2022 | Actualizada ás 17:02

Comparte esta noticia

O Concello de Pontevedra, "ante a alarma social", ordenou a inspección por parte da Policía Local e técnicos municipais das instalacións de almacenamento de graneis e madeira de eucalipto que o Grupo Nogar ten nas antigas naves da Cross, en Xunqueira de Alba.

Esta actuación municipal prodúcese como reacción tras o incendio da nave de Pontesa en Ponche Sampaio, na que tamén opera o Grupo Nogar. Un dos empregados da compañía, Benito González Dopazo, resultou con queimaduras graves e faleceu o mércores.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, sinalou este venres as súas declaracións en relación coas naves incendiadas de Pontesa, insistindo en que no Concello están "sorprendidos e preocupados por que unha empresa que tiña unha imaxe de seriedade na cidade de Pontevedra, de súpeto, teña unha actividade económica no municipio nunhas condicións absolutamente lamentables".

Segundo Lores, o almacenamento de graneis en Ponte Sampaio realizábase "sen medidas de seguridade", algo que "desgraciadamente se confirmou cos feitos" que se produciron o pasado domingo cunha persoa falecida e dúas feridas --outro traballador e un bombeiro--.

O alcalde explicou que nas naves de Alba "nunca pasou nada nin se rexistrou ningún problema", pero indicou que a inspección quere "comprobar que hai un mínimo de medidas de seguridade", xa que esa é unha actividade que se iniciou nos anos 90 e da que as autoridades locais non volveron "saber nada máis", dado que as competencias son doutras administracións, ás que se informará do resultado desta inspección en función do que se descubra.

FALTA DE CONFIANZA EN GRUPO NOGAR

O rexedor de Pontevedra incidiu en que existe unha falta de confianza no proceder do Grupo Nogar, que se viu agravada nos últimos días porque "a empresa non está a cumprir".

Así, desvelou Lores que, unha vez sufocado o incendio en Pontesa, a Policía Xudicial e os bombeiros ordenaron á empresa manter vixiada a nave de forma permanente.

Con todo, "onte mesmo (o xoves) chamounos o 112 para que acudísemos a apagar outro rebrote e cando chegaron os bombeiros alí non había ninguén", indicou o rexedor. "Isto é unha falta de seriedade absoluta e non ten xustificación", engadiu.

Ademais lembrou que "aos bombeiros mobilizounos o 112 o día do incendio porque un particular viu saír fume da nave, alí non había ninguén", e insistiu Lores en que neste suceso "morreu unha persoa" e "a poboación estivo ameazada" por unha "gran fumareda" que contiña amianto e "que menos mal que se foi cara ao mar".

REBROTES DO LUME

Mentres Fernández Lores facía estas declaracións, durante a mañá do venres, os bombeiros acudían de novo á nave de Pontesa: "Volvéronnos a chamar de novo e temos que levar a auga nós mesmos porque alí non hai onde captala". Esta mesma circunstancia deuse o día do incendio.

O alcalde subliñou que, aínda que o Grupo Nogar tivese unha autorización para almacenar cereais en Pontesa, "necesariamente hai que pedir unha licenza municipal" para desenvolver a actividade "e non se pediu ningunha". "Por tanto, aquí hai un responsable que é a empresa", sentenciou.

Un grupo de vixiantes camiña pola antiga fábrica de Pontesa, a 7 de novembro de 2022, en Ponche Sampaio, Pontevedra, Galicia (España). O incendio desatouse onte domingo 6 de novembro nas instalacións empregadas polo Grupo Nogar para o almacena. Beatriz Ciscar - Europa Press
Un grupo de vixiantes camiña pola antiga fábrica de Pontesa, a 7 de novembro de 2022, en Ponche Sampaio, Pontevedra, Galicia (España). O incendio desatouse onte domingo 6 de novembro nas instalacións empregadas polo Grupo Nogar para o almacena. Beatriz Ciscar - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta