Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/11/2022 | Actualizada ás 10:03
O xuízo polo accidente do tren Alvia retómase este martes coas declaracións en calidade de testemuñas de Carlos Ayuso e Roberto Sáez, quen realizaron inspeccións na liña e chegaron a estar imputados, en 2013, polo primeiro xuíz instrutor da causa, Luís Aláez. Tamén para este martes está convocado un axente da Policía Nacional.
Mentres, o mércores, declaran o superior inmediato do xefe de maquinistas que avisou do risco da curva de Angrois, José Luís Rodríguez Vilariño, e o membro do equipo da xerencia de seguridade na circulación de Renfe Viaxeiros, Anxo Lluch Perales, co que José Ramón Igrexas Mazaira asegura que chegou a falar sobre o tema.
Igrexas Mazaira é o xefe de maquinistas que redactou un informe sobre incidencias e riscos da Grandeira antes de que se producise o sinistro que acabou coa vida de 80 persoas e deixou a 145 feridos, en xullo de 2013.
En decembro de 2011 expuña "estudar a posibilidade de solicitar a implantación en vía de sinais de limitación permanente a 80 quilómetros por hora, que poderían facilitar o cumprimento das velocidades máximas", xa que nesa zona "unicamente existe un sinal de velocidade descendente (PTO) á altura do punto quilométrico 84.230, pero de pouco vale posto que de non reducir previamente a velocidade --advertía--, nada se poderá facer xa".
Este xefe de maquinistas compareceu como testemuña ante a xuíza a finais de outubro, cando asegurou que enviou a súa advertencia sobre o perigo por correo electrónico coa intención de que se tratase nunha reunión de seguimento dos novos trens para a liña Santiago-Ourense.
Se o risco era ou non "evidente", como denuncian algunhas partes, e o que iso implica para a responsabilidade que se atribúe aos acusados por imprudencia profesional grave --o maquinista e o ex xefe de seguridade de Adif-- é o que trata de determinar o xuízo, que acumula xa nove xornadas e ao redor de 50 horas de comparecencias.
MÉRCORES E XOVES
O mércores será a quenda en primeiro lugar de María Rosa Sanz Cerdeira, no seu momento secretaria do consello de administración de Adif, quen certificou que as competencias sobre medidas de seguridade achábanse delegadas no director de Seguridade na Circulación de Adif. En concreto, recaía sobre este director a competencia para aprobar circulares e instrucións, segundo o seu certificado. A continuación irán José Luís Rodríguez Villarino e Anxo Lluch Perales.
O xoves 17 seguirá abordándose o correo electrónico enviado por Igrexas Mazaira, e é que declararán o que era xerente de Produción de Viaxeiros de Renfe Rafael Sardón Tejedor, que tamén o recibiu, e Nicolás Esquerdo Nadal, xefe de Produción de Viaxeiros. Por último, está convocado o formador de maquinistas Manuel González Sánchez, ao que tamén chegou o correo co que Igrexas Mazaira alertaba dunha sinalización deficiente.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.