Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/11/2022 | Actualizada ás 14:39
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, alertou de que "todo indica" que Galicia pode ter que enfrontarse "no peor momento" a unha "subida histórica" das peaxes da AP-9 que superaría o 9% e, tras advertir que se trata "dunha decisión política" do Goberno central, reiterou a petición do Executivo autonómico de que se "conxelen". "Aínda se está a tempo de rectificar", manifestou.
Como cada exercicio, o ano 2023 traerá unha nova subida das peaxes para a Autoestrada do Atlántico (AP-9), a principal arteria de pago que conecta a comunidade polo eixo atlántico e que xa se sitúa como unha das máis caras de Europa.
A fórmula de actualización complétase cun IPC á alza, entre outros axustes técnicos, habería que sumarlle un 1% pola compensación ligada á ampliación da Ponte de Rande e da circunvalación de Santiago.
O habitual é que as tarifas se actualicen formalmente a finais de ano, xa que as novas entran en vigor a 1 de xaneiro. Se o Ministerio confirma unha alza que Rueda situou "preto do 10%", os usuarios da infraestrutura soportarían a segunda subida de tarifas máis elevada tras a do ano 2012.
Un incremento superior ao 9% traduciríase en 1,65 euros máis, co que viaxar desde A Coruña a Vigo pasaría a custar 19,15 euros. Realizar o percorrido completo entre Ferrol e Tui podería superar os 25 euros.
"ESCOITAR A AUDASA"
Pola súa banda, o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, apelou a escoitar "as propostas que teña a empresa", ao ser preguntado por unha posible subida das peaxes na AP-9 en 2023 e se o Ministerio de Transportes daría o beneplácito á medida.
"Agora as subidas anuais está a asumilas o Goberno", sinalou Miñones, quen, antes de dar unha resposta, considerou necesario "escoitar as propostas que teña a empresa" para dar daquela o Executivo conta do seu posicionamento. E "ver como facer con esa repartición de fondos", engadiu sobre o que nestes momentos se destinan á bonificación de viaxes.
"No que respecta á AP-9, temos moi clara nosa liña de ruta". "Os galegos e galegas están a gozalo desde hai un ano e medio, a bonificación do transporte, principalmente esa bonificación do 50% para viaxes de volta, que se incrementa se es un usuario cotián e que se eleva ao 100% en certos puntos", lembrou.
O BNG PIDE FREAR UN "NOVO SABLAZO"
Pola súa banda, o Bloque Nacionalista Galego (BNG) tamén se revelou ante unha eventual subida das peaxes da Autoestrada do Atlántico e dirixiuse ao Goberno central para que "free" este posible "novo sablazo", en palabras da súa portavoz nacional, Ana Pontón.
O BNG tamén se mobilizou no Congreso e o seu deputado, Néstor Rego, pide ao Goberno que "free esta subida", que considera "escandalosa" e traballe para "pór fin á concesión", unha vez que a Unión Europea declarou as súas prórrogas (que permitiron pasar de 40 a 75 anos) "ilegais".
Ademais, o deputado Rego demanda que o Goberno asuma o 1 % que corresponde ás obras de Rande e negocie o que corresponda á inflación.
"As prórrogas foron unha fraude e un roubo a todos os galegos para maior lucro de empresas multinacionais e unha vez que quedou claro que foron ilegais", sinalou Rego, o que corresponde "é pór fin á concesión canto antes". "Non só non debemos continuar pagando, senón que se debería devolver todo o pago de forma irregular desde o ano 2013", salientou.
O Bloque lembra que as "elevadas" peaxes da AP-9 "son unha carga para todos os galegos que deben utilizar esa vía de forma habitual e tamén para as empresas galegas que ven incrementados os seus custos de operación e perder competitividade".
TRANSPORTISTAS FALAN DUN "NOVO AGRAVIO"
A Federación Galega de Transporte de Mercadorías (Fegatramer) advertiu de que o sector, do mesmo xeito que empresas e o resto de usuarios, sufrirá "un novo agravio" coa subida tan escandalosa das peaxes.
"E máis tendo en conta que se trata da principal vía de vertebración da comunidade, que enlaza o norte e o sur de Galicia e da situación económica xeral tan delicada que se está vivindo e que se espera que empeore nos próximos meses, traslada Fegatramer nun comunicado.
"Os usuarios en xeral e os transportistas en particular da principal vía de alta capacidade de pago de Galicia, a AP-9, verán como as súas maltreitas economías reséntense aínda máis, se iso é posible", engade.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.