Movilizacións do 21 ao 27 de novembro a prol dun ferrocarril vertebrador e respetuoso co medio ambiente

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/11/2022 | Actualizada ás 17:12

Comparte esta noticia

Organizacións da sociedade civil mobilizaranse do 21 ao 27 de novembro durante a Semana de Loita polo Tren para denunciar a insuficiencia en materia de política ferroviaria do Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana.

As mobilizacións, foron organizadas por segundo ano consecutivo pola Coordinadora Estatal polo Tren Público, Social e Sustentable, xunto con Alianza polo Clima, que reclaman "un tren que vertebre o territorio e arrefríe o planeta".

Durante a semana de reivindicacións as distintas entidades organizaron máis de 30 actos de mobilización social, onde participarán máis de 80 organizacións. Cunha imaxe e mensaxes comúns, as diferentes plataformas locais e rexionais reclamarán servizos ferroviarios prioritarios de trens de proximidade e de rexionais alcanzables para a gran maioría da cidadanía.

Neste contexto, o portavoz da Coordinadora Estatal polo Tren Público, Social e Sustentable, José Luís Ordóñez, sinala que "estes servizos, utilizados polo 95 por cento das persoas usuarias do ferrocarril, sofren dende hai anos un dramático recorte de frecuencias, traxectos, e calidade".

Atendendo á emerxencia e crise climática, organizacións ecoloxistas, sociais, políticas e sindicais participantes lembrarán a necesidade de apostar polo tren que, segundo Ecoloxistas en Acción, constitúe o transporte adecuado para conectar os territorios e reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro.

Do mesmo xeito, Carlos Martínez, representante de Alianza polo Clima, engade que "para as organizacións, resulta incomprensible que o Goberno non actúe de forma urxente para promover o transporte ferroviario, tanto de mercadorías como de pasaxeiros, para cumprir os compromisos asumidos de redución de emisións".

A Semana de Loita polo Tren, enmarcada dentro da campaña Tren e Clima, constitúe unha iniciativa cuxa máxima é, tal e como recolle Ecoloxistas en Acción, "crear un espazo de confluencia entre colectivos de diverso tipo en favor dunha maior vertebración do territorio e redución de emisións mediante a promoción do ferrocarril convencional".

Pasaxeiros na estación de tren de Santiago
Pasaxeiros na estación de tren de Santiago | Fonte: Renfe

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta