Prestige.- O 18 de novembro Portugal nega a entrada do buque nas súas augas e constitúese un comité de crise

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 18/11/2022 | Actualizada ás 20:07

Comparte esta noticia

O 18 de novembro de 2002, despois de varios días de marcha desesperada cara o sur, o 'Prestige' aproxímase ás augas de Portugal, que lle nega a entrada, polo que os remolcadores, sen saber que facer, viran o rumbo cara o oeste, tratando de alonxar a 'bomba' da costa, cara o interior do océano. 

Petroleiro Prestige
Petroleiro Prestige | Fonte: Arquivo

Nesa viaxe a lenta velocidade, o barco continúa derramando 'chapapote' ao longo do seu percorrido. Unha greta noutro dos seus tanques cáusalle un novo derrame de combustible, que resulta nunha mancha doutras tres millas de longo e unha de ancho que rodea a todo o 'Prestige'.

Foi nese momento, ao ver vir tal cousa, cando o Goberno de Portugal manda unha fragata ata a zona para dar claras indicacións de que non queren esa contaminación preto do seu territorio. Os plans trúncanse e vólvese a unha situación de tensión na que ninguén sabe para onde tirar.

O Goberno, pasada a fin de semana, por fin decide crear un gabinete de crise. O desastre económico, social e ecolóxico que se estaba a vivir tivo que esperar a que os dirixentes descansasen os seus dous días de fin de semana para poder ser atendido, cinco días despois do SOS do buque, cando este xa leva días derramando 'chapapote' e a primeira 'marea negra' xa asolaga as costas galegas.

As zonas onde traballaban os voluntarios, despregados xa dende o día anterior, eran fundamentalmente aquelas máis afectadas polo verquido: Camelle, Malpica e Caión.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta