Por Galicia Confidencial | Lugo | 08/11/2014 | Actualizada ás 11:30
O Círculo Podemos Lugo emitu un comunicado no que desmente rotundamente ser a fonte da información publicada en EFE, segundo a cal o seu ex-voceiro Carlos Castro foi expulsado porque estivo afiliado ao colectivo fascista Fuerza Nueva.
O grupo di que botou a Castro por mostrar "actitudes contrarias aos principios éticos e democráticos" nunha asemblea o día 30 de outubro. A noticia transcendeu a EFE, quen revelou o pasado fascista do ex-voceiro citando como fonte ao grupo, pero Podemos insiste en que non comunicou aos medios que expulsara ao ex-voceiro polo seu pasado político
. Así o Círculo Podemos Lugo manifesta "o seu absoluto descoñecemento acerca da fonte/s da devandita noticia; rexeitando, polo tanto calquera responsabilidade ao respecto" e que "é absolutamente falso que dende Podemos Lugo se enviase unha nota de prensa na cal se difunda a información publicada pola axencia EFE". Os activistas sinalan que a Axencia, propiedade do Estado, rectificou a información e anima a todos os medios que rebotaron o teletipo a correxir publicamente cumprindo co seu "deber moral".
Sobre a expulsión, Podemos Lugo sinala que "en ocasións achéganse ás asembleas persoas que non comparten a metodoloxía democrática, que demostran ambicións personalistas ou que simplemente consideran que Podemos é unha oportunidade de alcanzar un posto de poder" polo que "non teñen cabida nesta organización, e deben quedar fóra dela cando así o decida o círculo en función das súas protocolos e asegurando todas as garantías democráticas".
O Círculo de Lugo asegura que abre unha nova etapa de desenvolvemento na que elixirá portavoces e " aplaude a decisión de non acudir ás municipais baixo a marca Podemos, xa que os tempos de maduración dos círculos deben ser respectados".
Malia a súa fulgurante ascensión nas enquisas, Podemos votou a nivel estatal non presentarse aos comicios locais. A forza de Pablo Iglesias evita así que a súa marca poida ser ciscada pola entrada de 'paracaidistas' doutras formacións como puido suceder en Lugo.
Ademais da estratexia para as locais, agora os grupos de Podemos están centrados agora a debater os seus representantes nos órganos estatais, o Consello Cidadán e a Comisión de Garantías. Por exemplo, Podemos A Coruña organiza un encontro cos "candidatos avalados" hoxe nuns relatorio. Os candidatos responderán as cuestións que lle presente a cidadanía tanto a través de Internet como presencialmente, nun acto que ten lugar na Rúa Marqués de Pontejo, número 7 , preto do Mercado de San Agustín.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.