Certezas e incógnitas da cita electoral municipal

Hai uns meses especulouse coa posibilidade de que Pedro Sánchez adiantase a convocatoria das eleccións xerais para facelas coincidir cos comicios locais previstos para o último domingo do vindeiro mes de Maio. Falábase de que tal opción podería maximizar os resultados do PSOE nas urnas. Dado que nesa mesma cita primaveral van ser elixidas as Cámaras lexislativas dalgunhas CC.AA., a eventualidade de semellante coincidencia suscitou unha notábel preocupación naqueles baróns socialistas que dispoñen dunha influenza importante nos segmentos do electorado mais reticentes aos acordos parlamentares con forzas como ERC ou Bildu.

Por Xesús Veiga | Compostela | 15/12/2022

Comparte esta noticia
Finalmente, tal hipótese non vai ter lugar. Como ocorreu no ano 2019, a convocatoria local e autonómica ficará singularizada, permitindo comprobar a maior ou menor vixencia da tradición que sinala un comportamento diferencial dos votantes cando se trata de elixir a representación nos concellos e nas Cortes estatais. No territorio galego existen diversos exemplos que certifican esa dualidade electoral. Por citar dous moi relevantes: a prolongada hexemonía da candidatura nacionalista encabezada por Lores na cidade de Pontevedra e a hiper-maioría absoluta acadada por Caballero na cidade de Vigo. En todos estes casos, non se deu unha translación automática ás cifras rexistradas nos comicios estatais e galegos, demostrando a consistencia da especificidade de certas dinámicas políticas locais e o fracaso das pretensións uniformizadoras á hora de captar os apoios electorais.
 
No ámbito galego, a convocatoria do vindeiro mes de Maio permite adiantar algunhas certezas pouco discutíbeis: a forza política con maior número de votos e de representantes nas corporacións municipais será o PP; o PSdG manterá unha maior presenza da que, en termos relativos, posúe hoxe no Parlamento do Hórreo; o BNG seguirá conservando unha ampla representación espallada por todo o territorio do País e as Mareas que agromaron no ano 2015 confirmarán o devalo constatado hai catro anos.
 
Neste momento, as incógnitas principais radican na composición final dos concellos das sete cidades e nas maiorías resultantes nas Deputacións provinciais. En ambos casos -e coa única posíbel excepción ourensá- o PP necesita acadar unha maioría absoluta dos escanos para asegurar o goberno desas institucións. Semellante obxectivo presenta un elevado nivel de dificultade dados os precedentes das últimas consultas. Por citar catro exemplos significativos: dende hai 30 anos, o partido de Feijoo e Rueda apenas gobernou en Vigo, A Coruña, Santiago e Pontevedra. Todos os indicios apuntan a que, nesas cidades, seguirá na oposición a partir de Maio. A súa esperanza está depositada en Ourense e Ferrol.
 
Mais unha vez, asistiremos á combinación da falta dun debate serio e sistemático sobre o papel das Deputacións co desenvolvemento de campañas intensas para acadar aqueles resultados que posibiliten o control desas entidades durante os vindeiros catro anos. A reconsideración do funcionamento destas institucións ou a súa refundación nun cadro administrativo substancialmente diferente carece, hoxe por hoxe, dos apoios políticos e sociais que serían necesarios para acometer semellante tarefa.
 
Polo demais, a recente designación de Manuel Cabezas e Francisco Rodríguez como candidatos do PP e do Partido Socialista á alcaldía de Ourense revela a dificultade que padecen estas dúas formacións para ofrecer novas caras ao corpo electoral da terceira cidade galega. A situación atípica vivida por mor da presenza dun populista como Jácome no cumio do concello non foi capaz de propiciar unha renovación nas propostas dos partidos que desempeñaron, no pasado, importantes responsabilidades de goberno. Con todo, este é un problema que vai mais alá dos limites territoriais da cidade das Burgas. Só no 2015 tivo lugar un cambio relevante na dinámica de acceso de novas persoas aos postos de goberno nalgunhas das cidades galegas. A inexperiencia, os erros na xestión e as divisións internas neutralizaron as potencialidades xeradas naqueles comicios municipais e propiciaron o retorno aos escenarios políticos habituais rexistrados nas últimas décadas.

Eleccións municipais e europeas do 26 de maio de 2019
Eleccións municipais e europeas do 26 de maio de 2019 | Fonte: Europa Press.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.