O máis emblemático de Allariz nun cuño postal

A correspondencia que saia da oficina de Correos con selo postal levará impreso o deseño de 4 elementos representativos da vila. Con esta iniciativa, "o nome de Allariz continuará a viaxar polo mundo", comentaba a alcaldesa Cristina Cid.

Por Galicia Confidencial | Allariz | 21/12/2022 | Actualizada ás 11:43

Comparte esta noticia

Allariz suma outra iniciativa para dar a coñecer a vila e promover o turismo. Nesta ocasión trátase dun cuño postal que levará impresos 4 elementos emblemáticos: O guerreiro da Cibdá de Armea achado no castro romano homónimo, o debuxo do Castelo de Allariz feito por Vicente Risco, o boi como símbolo da Festa do Boi, e o anagrama do Festival Internacional de Xardíns de Allariz.

Fotografía da postal obra de Carmen Blanco Sueiro.
Fotografía da postal obra de Carmen Blanco Sueiro.

A iniciativa correu a cargo da Fundación Vicente Risco e foi apoiada pola Sociedade Filatélica, Numismática e Vitolfílica Miño, a Federación Galega de Sociedades Filatélicas (FEGASOFI) e o Concello de Allariz.

A presentación oficial realizouse o 20 de decembro de 2022 ás 12:30h na sucursal de Correos en Allariz situada na Travesía Alfredo Nan nº 8. Contou coa presenza da Alcaldesa de Allariz, Cristina Cid Fernández, o Vicepresidente e o Secretario da Fundación Vicente Risco, Antonio Blanco Rodríguez e Xosé Rodríguez Díaz; María Elisa Abad Suárez e Marta Verde Rodríguez, en representación da Sociedade Filatélica Miño e de FEGASOFI e Evaristo Borrajo Iglesias, director da oficina de Correos en Allariz.

Cristina Cid salientaba a relevancia desta iniciativa "que fará que o nome de Allariz continúe a viaxar polo mundo".

POSTAL DE ALLARIZ

Como novidade Correos tamén realizou unha tarxeta postal personalizada de Allariz. A autora da imaxe que mostra unha paisaxe coa Ponte de Vilanova ao fondo é Carmen Blanco Sueiro.

Deseño do cuño postal
Deseño do cuño postal

Esta tarxeta xa está dispoñible pódese adquirir na páxina de Correos.

Presentación do cuño postal na Oficina de Correos. Foto: Prensa Concello de Allariz.
Presentación do cuño postal na Oficina de Correos. Foto: Prensa Concello de Allariz.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta