É a caligrafía, babeco!

«Somos como un caballo sin memoria / somos como un caballo / que no se acuerda ya / de la última valla que ha saltado.» (León Felipe, El salto)

Por Xosé Antón Jardón | Vilar de Santos | 26/12/2022

Comparte esta noticia
Despois dunha extensa parola co amigo Antonio, fun cara a caixa do correo para comprobar se había correspondencia. Malia a curta distancia, o percorrido fíxoseme tan eterno que non fun quen de apartar da cabeza o teimudo empeñado do meu amigo aragonés en seguir subsistindo sen móbil e en sentenciar, sen despeitearse, que a palabra Whatsapp nunca atopará acubillo nos dicionarios galegos.
 
Era aí contra o mediodía. Abrín a tapa da caixa do correo e, acolá no fondo, avistei un sobre cunha orladura formada por reberetes azuis e vermellos. Collino decontado e apalpeino con delicadeza. Mireino devagar por diante e por detrás. Carecía de remite. Por diante, na parte superior esquerda, figuraba a inscrición «air mail» e, máis abaixo, contra a dereita aparecía estampado o meu nome e enderezo, escritos cunha caligrafía sublime, onde os trazos de cada unha das letras alcanzaban a máxima perfección. O franqueo das pampas bonaerenses confirmaba as miñas sospeitas: a carta era do meu tío Lisardo. Ao abrir o sobre e desdobrar aquel finísimo papel de cebola, e antes de poñerme a ler, fun apalpando cos ollos cada letra, cada liña e cada parágrafo; e facendo unha sosegada pausa ao pé de todas e cada unha das maiúsculas. Á caligrafía inmaculada, bordaba de delicado azul escuro naquel lenzo branco, pola habelencia dunha estilográfica, non lle faltaba un triste acento; e as vírgulas e os puntos sempre estaban onde debían estar. A ortografía tamén gozaba da exactitude e respecto incuestionábeis. 
 
A caligrafía, a ortografía e a pulcritude na escrita do meu tío Lisardo, malia carecer de formación superior á de estudos primarios, nunca lle tivo nada que envexar á dun notario ou á dun escribente municipal. 
 
Nunha ocasión contoume que alcanzara o cumio da caligrafía, mercé ao tesón dun republicano, que lle puña escola de noite aos da súa quinta, coa axuda dun caderno raiado, un lapis e un tenue candil que invadía a cabeleira e as chambras dos alumnos dun cargoso e repugnante cheiror a gas. Nos últimos meses da súa vida, a comezos dos setenta, o mestre seica deambulaba polas rúas da aldea, recitando sen tregua aqueles versos que León Felipe lle dedicara a Franco, cando o ditador asinou a sentenza de morte do comunista Julián Grimau: «Mi general... /¡Que bonita letra tiene usted! / ¡Oh, qué preciosa caligrafía de cuartel! / ...». Seguramente para demostrar que incluso os criminais respectan de cando en vez as regras caligráficas. Seguramente.
 
[O meu tío Lisardo anda adoecido porque, nos últimos tempos, non deixa de atoparse cunha infinidade de individuos que descoñecen o significado da palabra ‘caligrafía’, que escriben misivas absurdas sen gardar ningunha regra ortográfica, como se os Whatsapp, os SMS e as mensaxes gravadas posuíran un salvoconduto gramatical para pasearse polas rúas da tipografía plana e impersoal, coa máis absoluta irreverencia] 
 

Cartas inéditas de Clarín a Emilia Pardo Bazán
Cartas inéditas de Clarín a Emilia Pardo Bazán | Fonte: Goberno de Asturias
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Antón Jardón Xosé Antón Jardón Dacal (Vilar de Santos, 1952), é Coordinador do Padroado do Museo da Limia. Colabora habitualmente con artigos de opinión e relatos en La Región, Galicia Confidencial, Praza.gal, Temposdixital e BadalNovas. Coautor dos libros A luz da chuvia (2019) e O Lebre das Casarizas, unha vida de máquinas e inventos (2019), ten participado en diversas publicacións colectivas: Limiaxinacións, Evocacións das Terras do Lethes (2009), Miguel, un cura grande en Parada de Outeiro (2009). Secretario-interventor de administración local xubilado, foi alcalde de Vilar de Santos, deputado provincial, vicepresidente da Federación Galega de Municipios e Provincias e Delegado da Consellería de Industria no bipartito.