O convento de Santa Clara será entregado á Deputación polo Concello de Pontevedra o 3 de xaneiro

O vicepresidente da Deputación, César Mosquera, estima que o custo da rehabilitación do antigo convento ascenderá a case 24 millóns de euros, dos cales 21,8 millóns serán para as propias obras.

Por E.P. | PONTEVEDRA | 26/12/2022 | Actualizada ás 17:49

Comparte esta noticia

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, anunciou que o día 3 de xaneiro asinarase o convenio de cesión do convento de Santa Clara á Deputación.

É o último trámite que restaba despois de que a institución provincial aprobase por unanimidade no seu último pleno a recepción de edificio.

Unha vez que se asine o documento por parte de ambas as institucións, o cenobio das clarisas pasará a disposición da Deputación Provincial para integrarse no Museo de Pontevedra.

En rolda de prensa, Lores lembrou algúns aspectos deste convenio como o que establece que a horta e o bosque estarán abertos ao público no horario do Museo, ademais dos días que o Concello o solicite expresamente para realizar algunha actividade. Ambas as administracións compartirán o uso da igrexa como salón de actos para diferentes actividades.

O vicepresidente da Deputación, César Mosquera, estima que o custo da rehabilitación do antigo convento ascenderá a case 24 millóns de euros, dos cales 21,8 millóns serán para as propias obras.

Pola súa banda, o alcalde reiterou a importancia da implicación neste proxecto doutras administracións públicas como a Xunta de Galicia e o Estado.

Lores tamén apuntou que este "é o museo que soñaron Casto Sampedro, Filgueira Valverde, Castelao e outros, e con esta cesión recibe un impulso fundamental", explicaba o alcalde de Pontevedra, quen non dubidou en afirmar: ";e doe na alma que o PP pontevedrés rompese ese consenso". O PP local, ao longo de 2021, dubidou da compra e do seu futuro, e situouse en contra da cesión de Santa Clara ao Museo de Pontevedra.

"Tivo que vir de fóra de Pontevedra o PP galego para emendarlles a plana", asegura Fernández Lores que, a pesar da "decepción", di estar "encantado" de que se poida asinar este convenio e "seguir traballando conxuntamente para pór ao Museo no máis alto".

Traballos no convento de Santa Clara / Concello de Pontevedra. / Europa Press
Traballos no convento de Santa Clara / Concello de Pontevedra. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta