Por gcdeportes | A Coruña | 04/12/2014 | Actualizada ás 08:36
Tres días despois da traxedia no Manzanares, volveu o fútbol a Riazor, envolto na desolación polos tristes acontecementos. A estrea do Dépor na Copa do Rei foi ben fría: principiou cun minuto de silencio con asubíos, coa bancada de maratón, a que ocupaban os ultras, pechada, e rematou coa nova de que a LFP despedira o seu embaixador, Augusto César Lendoiro, por asistir o soterramento de Francisco Javier Romero Taboada, morto na pendencia entre Riazor Blues e o Frente Atlético. Os preto de 10.000 afeccionados asubiaron co anuncio do minuto de silencio, que rematou con algúns afeccionados pedindo a dimisión do presidente Tino Fernández.
O despido de Lendoiro
Dúas horas antes do partido, familiares, amigos e a peña de Riazor Blues despediron a Francisco Javier Romero Taboada, de 43 anos, no camposanto de Feáns. Un adeus na intimidade pero que, sen representación oficial do club, si contou coa presencia do ex-presidente do Deportivo Augusto César Lendoiro, ata hoxe mesmo embaixador da LFP. Foi durante o partido cando se coñeceu a nova: Javier Tebas, presidente da LFP, despediu de xeito fulminante a Augusto César Lendoiro, aducindo que a patronal do fútbol non pode permitir que o seu embaixador acuda ao soterramento dun ultra.
Mentres, a Policía detivo en Pozuelo (Madrid) a tres irmáns pola súa relación coa malleira que provocou a morte do afeccionado do Deportivo na pendencia na ribeira do Manzanares. Segundo fontes policiais, testemuñas presentes e membros do Frente Atlético vinculan alomenos a dous dos irmáns, dos máis violentos do grupo neonazi, coa agresión mortal a Jimmy.
Ficha técnica
Deportivo 1: Lux; Laure (José Rodríguez, 65'), Diakité, Lopo, Manuel Pablo; Álex Bergantiños, Juan Domínguez; Isaac Cuenca (Postiga, 82), Juan Carlos (Remeseiro, 66), Canella e Toché.
Málaga 1: Ochoa; Rosales, Angeleri, Weligton, Boka; Samuel (Samu Castillejo, 60'), Camacho, Juanpi (Recio, 69), Horta; Luis Alberto (Portllo, 81) e Rescaldani.
Goles: 0-1: Camacho (minuto 10). 1-1: Toché (minuto 68)..
Árbitro: Mateu Lahoz (valenciano). Amarelas a Diakité (56') e Toché (76') no Deportivo e a Angeleri (43'), Rosales (51) e Portillo (88) no Málaga.
Incidencias: partido de ida dos 1/16 de final da Copa do Rei no Estadio municipal de Riazor ante 9.988 espectadores. Minuto de silencio contra a violencia no deporte.
Mereceu máis o Dépor, que comezou frío como o ánimo no estadio e encaixou un gol no minuto 10, pero que se foi entonando co paso dos minutos e Toché marcou o empate no minuto 68. O equipo de Víctor Fernández xogou con moitos teóricos suplentes, xa que o vindeiro sábado repetirá rival e escenario en partido de Liga. O 1-1 deixa a eliminatoria aberta, aínda que coa vantaxe do Málaga de ter marcado a domicilio. O gol visitante chegou a balón parado, nunha falta que rematou Camacho cos testa. O árbitro anulou un gol de Diakité por un máis que dubidoso fóra de xogo e Toché, antes de acadar o empate, tivo dúas ocasións para marcar: unha pouco antes do descanso e otra ao pouco de principiar a segunda parte. O Dépor buscou o segundo tanto que non chegou, pero o Málaga pouco arriscou no segundo tempo. A volta, o vindeiro xoves 18 de decembro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.