É oficial: Prensa Ibérica xa é dona da cabeceira 'El Correo Gallego'

O xulgado do Mercantil número 2 da Coruña ratificou a adxudicación do xornal compostelá ao desestimar o recurso presentado polo grupo de empresas que tamén presentara oferta no proceso concursal para facerse con Editorial Compostela, matriz do diario santiagués.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/01/2023 | Actualizada ás 17:26

Comparte esta noticia

O xulgado do Mercantil número 2 da Coruña ratificou a adxudicación a Prensa Ibérica da cabeceira compostelá 'El Correo Gallego' ao desestimar o recurso presentado polo grupo de empresas que tamén presentara oferta no proceso concursal para facerse con Editorial Compostela, matriz do diario santiagués.

Nun fallo emitido o pasado xoves 12 de xaneiro contra o que non cabe recurso, o xulgado confirma definitivamente a venda por 1,6 millóns de euros ao grupo Prensa Ibérica ao entender que as entidades recorrentes non achegaron "documentación acreditativa da súa solvencia económica".

A maxistrada remarca que a oferta do grupo editor de cabeceiras como Faro de Vigo presenta "a maior solvencia económica, a experiencia no sector, o maior prezo ofrecido e a forma de pago", polo que é a oferta que "garante en maior medida a continuidade da empresa no seu conxunto e dos postos de traballo, así como a mellor e máis rápida satisfacción dos créditos dos acredores".

A denegación do recurso presentado polo grupo de empresas ACCA Media, Numancia Capital e Blecua Capital pecha a venda da cabeceira santiaguesa a Prensa Ibérica, proposta elixida polo administador concursal e ratificada en sentenza xudicial emitida o pasado mes de novembro.

Nela, a maxistrada determinou que a proposta de Prensa Ibérica "supón un gran beneficio para os intereses dos acredores" e constitúe "o único sistema posible para a continuidade da actividade empresarial".

E é que a sentenza recolle que ningunha das tres sociedades que conforman a outra oferta presentada na poxa leva a cabo "unha actividade en prensa diaria", á vez que resalta que unha destas empresas (ACCA Media, a que asumía maior compromiso na compra co 50 % do total) ten o mesmo domicilio social que Editorial Compostela.

A documentación presentada por esta empresa e que recolle a sentenza reflicte que conta cun capital social de 3.005 euros e un persoal de 450 traballadores, algo que a maxistrada non considera acreditado. Ademais, apunta que outra das compañías (Numancia Capital) non achegou as contas anuais "de ningún exercicio".

A unión destas tres entidades para facerse de 'El Correo Gallego' contaba co respaldo da cabeceira 'La Voz de Galicia', que mostrara durante a poxa o seu compromiso de colaboración no caso de que se fixesen co control da cabeceira compostelá fundada en 1878.

OFERTA ECONÓMICA E TRABALLADORES

A resolución xudicial incorpora o resultado das votacións levadas a cabo entre o persoal de 'El Correo Gallego', integrada na actualidade por 46 empregados (aos que se suman outros 15 contratados a través dunha empresa de traballo temporal) e que apoiou de forma maioritaria a oferta promovida pola unión das tres compañías.

Con todo, o xulgado determina que a de Prensa Ibérica, da que destaca que "achega as contas anuais depositadas e auditadas sen tachas dos últimos tres exercicios", é a proposta que "garante en maior medida" a continuidade dos postos de traballo.

Ademais, establece na súa resolución, contra a que cabe recurso de reposición nun prazo de cinco días desde este xoves, que a súa oferta económica é superior á do outro puxante, posto que a interpretación da proposta no escenario "máis favorable" cara a estes últimos resulta, en todo caso, un 15 % inferior á presentada polo grupo gañador da poxa.

Sede de El Correo Gallego no Polígono do Tambre en Santiago
Sede de El Correo Gallego no Polígono do Tambre en Santiago | Fonte: Arquivo

OS TRABALLADORES NON SABEN AÍNDA A QUE ACOLLERSE

Mentres tanto, os traballadores, tras recibir a nova da ratificación e segundo puido confirmar Galicia Confidencial, aínda non saben ben a que acollerse. Non teñen noticias por parte de Prensa Ibérica e, aínda que unhas trinta persoas quedarán fóra do novo proxecto, non coñecen a data de finalización dos seus contratos e, polo tanto, non saben ata cando terán que seguir traballando.

Polo momento, as débedas cos traballadores non deixan de aumentar, pois os pagos destes últimos meses fóronse efectuando tarde, mal e a rastro. Cada certo tempo pagábase media nómina para ir calmando os ánimos, pero todo o acumulado (case dous anos de salarios nalgúns casos) non se pagou. Ademais, tal e como reflexa a sentenza xudicial, Prensa Ibérica non se fará cargo desas contas, polo que todos os traballadores deberán rematar no Fogasa.

Doutra banda, as quince persoas contratadas por empresa de traballo temporal non saben se finalmente pasarán a formar parte da nova plantilla, tal e como se propuxera nun primeiro momento por parte de Prensa Ibérica, que no concurso asegurou que collería a oito desas quince persoas. A xustiza dalles as costas e deixa en mans do grupo dono de Faro de Vigo a decisión final. 

Polo que puido saber Galicia Confidencial a próxima semana podería ter lugar un primeiro encontro cos representantes ou coa dirección elixida por Prensa Ibérica para 'El Correo Gallego', pero as certezas son moi poucas. Tamén se lles trasladou que os que sigan adiante neste proceso pasarán a desenvolver o seu traballo no edificio de oficinas que hai xunto a El Corte Inglés, na rúa compostelá do Restollal.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta