Dimisión do alcalde de Paderne de Allariz por "motivos persoais"

A decisión de José Manuel Fernández será oficial na sesión plenaria deste martes.

Por E.P. | OURENSE | 16/01/2023 | Actualizada ás 20:41

Comparte esta noticia

O alcalde do concello ourensán de Paderne de Allariz, José Manuel Fernández (PP), presentou a súa renuncia "por motivos persoais" despois de 16 anos no cargo.

A decisión, que se fará oficial na sesión plenaria prevista para este martes, porá fin a catro meses das eleccións á traxectoria do popular á fronte do consistorio que dirixe desde 2007.

Así o confirmou o propio alcalde en declaracións a Europa Press este luns, nas que lembrou que a súa renuncia chega tras a súa saída da Presidencia da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ourense despois de 18 anos á fronte.

"Deixeino porque tiven problemillas persoais e era moito traballo, pensei que igual reducindo o traballo atopábame mellor", trasladou José Manuel Fernández, que alude ao mesmo motivo para deixar a alcaldía. "Vendo que isto cada día é máis esgotador decidín darme un descanso, porque se non o fago agora mesmo chegaría ás eleccións e arrincaría outra vez", di Fernández.

No seu lugar quedará o terceiro da lista, Manuel Pérez Novoa, que tomará posesión esta mesma semana despois de aprobar este martes no Pleno a dimisión de José Manuel Fernández como terceiro punto da orde do día.

Así as cousas, o que fóra durante dezaseis anos alcalde de Paderne de Allariz recoñece que estará "a axudar en todo o posible" á súa substitución para "que non se note que hai cambios e para que haxa continuidade".

E na mesma liña admite que "é pronto" para falar de futuro, pero non descarta volver formar parte das listas do Partido Popular Municipal. "Aínda que igual o novo alcalde non me quere", chanceou.

O exalcalde de Paderne de Allariz, José Manuel Fernández coa conselleira Ángeles Vázquez
O exalcalde de Paderne de Allariz, José Manuel Fernández coa conselleira Ángeles Vázquez

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta