A presidenta do comité de oficinas de Ence concorrerá ás municipais como número dous de Pontevedra Alternativa

Non deixará o seu posto na pasteira nin a súa loita polos intereses dos traballadores.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 17/01/2023 | Actualizada ás 17:34

Comparte esta noticia

A presidenta do comité de oficinas de Ence, Ana Cedeira, preséntase ás eleccións municipais do 28 de maio como número dous da candidatura de Pontevedra Alternativa (POAL).

Ana Cedeira leva máis dunha década presidindo do comité de oficinas centrais de Ence e, segundo destacou este martes en rolda de prensa, negociou "as mellores condicións laborais para os traballadores e pelexado polas súas necesidades e as das súas familias" durante toda esa etapa.

Así, asegurou que se tivo que "partir a cara tanto contra a Alcaldía de Pontevedra e outros organismos públicos, así como contra o consello de administración da empresa e mesmo a súa CEO". "Esta experiencia, é o que podo ofrecer", engadiu.

Cedeira compareceu acompañada polo secretario xeral de POAL, Pedro Estévez, e polo candidato ás eleccións, Carlos Fontán. Na súa intervención, afirmou que cando lle "presentaron o proxecto de Pontevedra Alternativa", namorouse " por completo".

Diplomada en Graduado Social pola Universidade de Vigo e cun máster en dereito do traballo e relacións laborais, leva desde 2001 traballando na fábrica pasteira.

Sobre este salto á política local, Ana Cedeira dixo que foi unha decisión que tivo que "meditar durante moito tempo". Respecto das súas funcións como presidenta do comité de empresa, precisou que "non as deixará", do mesmo xeito que se manterá como portavoz dos seus compañeiros de Ence, "xa que xa fun elixida por eles e revalidada no cargo". "Non son política, son traballadora", afirmou.

Ana Cedeira
Ana Cedeira | Fonte: Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta