O veleno que mata o río Ulla: minaría, presas, metais pesados e verteduras

O río Ulla ten un percorrido que non está exento da presión humana nas súas beiras. Accións como represas, minaría, verteduras incontroladas ou a falta de elementos suficientes para manter as súas augas limpas, converten a segunda bacía galega nunha corrente que está perdendo a súa vitalidade paseniñamente.

Por Moncho Mariño | Santiago | 19/01/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

As accións humanas levadas adiante sobre o curso do Ulla implicaron a creación de presas orientadas á explotación hidroeléctrica. Así apareceron proxectos como o encoro de Portodemouros, unha obra que afecta a Vila de Cruces, Agolada, Santiso e Arzúa. Por outra parte, as augas do Ulla reciben as aportacións de diferentes ríos e regatos que a partir de determinados puntos, arrastran elementos químicos que degradan a biodiversidade das augas e das terras que bañan. As últimas ameazas sobre este río viñeron do intento de reapertura da mina de Arinteiro, entre os concellos do Pino e Touro. Estas explotacións foran pechadas en 1986 sen ningún plan de recuperación. A consecuencia disto último é que non hai control sobre os elementos contaminantes que baixan polos regatos que pasan pola mina, van aos afluentes e logo ao Ulla, creando unha elevada concentración de metais pesados tanto no río como na ría de Arousa.

Río Ulla en Ponteledesma
Río Ulla en Ponteledesma | Fonte: wikipedia

A EXPLOTACIÓN DUN RÍO

O nacemento do río Ulla non está exento dalgunhas irregularidades ou falta de coidado medioambiental. Aínda que os tres concellos da comarca da Ulloa, Palas de Rei, Monterroso e Antas, teñan cada un a súa depuradora, non é garantía para un correcto tratamento das augas. "Hai dous polígonos industriais, o de Monterroso que verte no río Sirgal, afluente do Ulla e o polígno de Palas que verte no Ruxán e vai parar ao Pambre, afluente do Ulla tamén" sinala Braulio Vilariño, veciño da comarca. Á parte disto, Vilariño sinala as explotacións de vacún e porcino, "co seu problema implícito". Tamén están as verteduras procedentes da cadea de Monterroso "con bastantes problemas".

O Ulla foi obxecto de numerosos planos de actuación para aproveitamento hidroeléctrico debido ao seu caudal. En total, eran oito represas as que o goberno franquista tiña pensado construír no Ulla. Dese plan nace o encoro de Portodemouros. Cando xa se cría ter superado a “febre dos encoros”, a Xunta de Fraga e Unión Fenosa quixeron levar adiante un plan de “aproveitamento integral” do río coa construción de 13 minicentrais eléctricas das que sete acabaron paralizadas pola mobilización popular. En 2004, tentouse levar adiante o proxecto da barraxe de Frádegas, unhas instalacións planificadas xa en 1967.

"O bipartito aprobara o Decreto 555/2005 que suspendía a tramitación de calquera minicentral nos ríos da vertente atlántica, competencia da Xunta de Galicia" sinala Fins Eirexas de Adega. A pesar do decreto, non se pode descartar que "se instalen centrais de bombeo, que son como centrais encubertas e que gardan auga en balsas" para despois, cando baixe o nivel do encoro, enviar a auga almacenada e seguir producindo electricidade.

Río Ulla en Vedra
Río Ulla en Vedra | Fonte: wikipedia

A Unión Europea elixira Portodemouros para desenvolver un conxunto de iniciativas turísticas a través do Plan Leader que se materializaron coa creación dun club náutico. Alén diso, e como xa se mencionou noutra reportaxe en Galicia Confidencial, o encoro é un freo para “aliviar” os restos biolóxicos procedentes de madeiras, cinsas de incendios forestais arrastradas polas correntes pluviais e outros elementos. Isto, para pescadores e mariñeiros da ría de Arousa é un perigo. Unha apertura repentina liberaría unha gran cantidade de materia orgánica capaz de afogar a produción marisqueira e pesqueira da ría.

"As concesionarias hidroeléctricas teñen a obriga de limpar cada dez anos o vaso do encoro" di Eirexas. O obxectivo é que a presa non colapse por acumulación de lamas. Non obstante, o temor está en que se faga unha operación como a que realizaran no encoro do Eume. "A empresa quixo limpar o fondo do encoro para un mellor funcionamento, mais cando realizaron a operación houbo unha grande mortandade de peixes e a auga non puido consumirse por un tempo".

O VELENO QUE PERCORRE A CORRENTE

En 1986 pechou a actividade da mina de Arinteiro, unha explotación de cobre que non foi restaurada e deixou unha serie de danos con consecuencias ambientais aínda hoxe. Situada entre os concellos do Pino e Touro, a mina non afecta directamente o Ulla mais si a regatos e ríos que paran en afluentes do río principal.

Case dez anos despois do peche das explotacións mineiras, o Instituto para la Conservación de la Naturaleza (ICONA), emitía un informe alertando da toxicidade presente en augas superficiais e subsuperficiais. Entre os elementos encontrados había aluminio, cinc, niquel e cobre “en cantidades non tolerables” pola vida animal e vexetal.   Os cursos de auga apuntados no informe eran: Pucheiras, Lañas e o tramo medio do río Brandelos.

Unha tese doutoral, “Introducción al estudio de las comunidades de vertebrados de los ríos de Galicia: el ejemplo de la cuenca del Ullade Jesús Santamarina, sinalaba en 1991 que o río Brandelos presentaba as características propias dun río galego até a súa chegada á mina de Touro. Desde ese punto, Santamarina apuntaba un incremento extremo de sulfatos e acidez da auga que diminuía cinco quilómetros máis abaixo, onde confluía co Deza, afluente do Ulla. Catro anos despois, o mesmo científico apuntaba que “o Brandelos está quedando sen microvertebrados e peixes cando as augas procedentes da mina chegan ao río”.

A mina de Touro a día de hoxe segue sendo un dos principais aportes de metais pesados aos ríos e regatos da súa bacia. "Os lixiviados que saen das entulleiras que non foron tratadas no seu momento, van baixando por ríos como Lañas ou Brandelos que logo chegan ao Ulla". Estes datos foron confirmados no seu día por Augas de Galicia.

Con todo, desde o peche da mina parece haber unha "política de feitos consumados" en relación aos compoñentes químicos que polucionan os ríos desta área. As augas dos regos, ríos e afluentes mestúranse coas do Ulla, un factor que axuda a diluír os minerais pesados. "Aínda que é certo, a dilución dos minerais en auga non é un sistema de descontaminación, non é un método legal de limpar augas contaminadas".

FAUNA EN PERIGO

Santamarina apuntou en 1995 que as poboacións de merlo rieiro, toupa de río e mexillón de río estaban desaparecendo ou desapareceran nalgúns tramos do Brandelos. Atribuía isto á alta presenza de chumbo, ferro, cobre e magnesio.

En 2017 un estudo conxunto entre o CISC, a Universidade de Vigo e a Universidade de Swansea apuntaba que durante o período de explotación da mina, os salmóns do Ulla tiñan sete veces máis cobre nas súas escamas que despois de paralizada a extracción de mineral. Con todo, engadiron dúas conclusións máis: a actividade da mina afectou ao crecemento dos salmóns e de volver a explotación mineira, o salmón acabaría por extinguirse.

Finalmente, en 2019, un informe do Ministerio para la Transición Ecológica concluía que, despois de estudos realizados sobre o terreo, a afectación ás augas do Ulla desde a mina de Touro era moi alta. Aínda máis, a recuperación do terreo era imposible a curto ou medio prazo. Por tanto, as augas embalsadas con elementos contaminantes seguirán vertendo ao Ulla.

"O salmón é unha especie que debera estar considerada en perigo no Ulla" di Eirexas. Por outra parte, en canto ao marisco e peixe destinado a consumo humano, "non debera haber riscos debido a que os controis son estritos sobre a súa salubridade". O perigo está en que as grandes concentracións tanto de lamas vertidas río abaixo e a cantidade de químicos e materia orgánica que depositarían no fondo da ría de Arousa, poden acabar definitivamente con todos os bancos marisqueiros e de peixe.

O arrastre de residuos industriais, urbanos e sobre todo de metais pesados polo río Ulla convérteo, como a maioría de ríos galegos, nun aliviadoiro que necesita dunha actuación profunda e decidida ante as perdas, tanto económicas como en biodiversidade.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta