Secretarios xudiciais cifran en 3.000 os actos suspendidos pola folga

Concentraranse este venres ás 12,00 horas na Praza do Obradoiro de Santiago de Compostela

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 01/02/2023 | Actualizada ás 19:01

Comparte esta noticia

Os Letrados da Administración de Xustiza (LAJ) de Galicia concentraranse este venres ás 12,00 horas na Praza do Obradoiro de Santiago de Compostela, no marco das protestas con motivo da folga indefinida que levan a cabo desde o pasado 24 de xaneiro.

Con este acto pretenden chamar a atención sobre o seu conflito e esixir ao Ministerio de Xustiza que responda as súas demandas, que pasan polo cumprimento dos compromisos alcanzados en abril pasado, entre eles, a adecuación dos seus salarios ás novas funcións e responsabilidades que viñeron asumindo desde o ano 2009.

Segundo trasladaron nun comunicado representantes deste colectivo, antes denominado de secretarios xudiciais, desde o inicio da folga suspendéronse en Galicia uns 3.000 actos, entre vistas, xuízos, comparecencias ou declaracións.

Igualmente, insistiron, están paralizados os trámites de pago (pensións, indemnizacións, multas, etc.) xa que os Letrados son os que xestionan os fondos ingresados na conta de consignacións de cada oficina xudicial. O saldo actual destas contas, segundo apuntou o colectivo, é duns 5.000 millóns de euros, cando a media adoita ser duns 4.500 millóns.

Os secretarios xudiciais mantiveron nos últimos días reunións con diferentes operadores xurídicos en cidades como Vigo e A Coruña: co presidente do TSXG, o Fiscal Superior, o presidente da Audiencia Provincial da Coruña, o fiscal xefe desta provincia, o decano dos xuíces, e membros de colexios profesionais, que se comprometeron a remitir ao Ministerio cartas para solicitar que negocie unha saída ao conflito.

Segundo valoraron, todos estes operadores "mostraron unha liña de diálogo directa e altamente comprensiva, pero tamén unha profunda preocupación polas importantes repercusións que se producen no ámbito xudicial".

Os Letrados lembraron que a oficina xudicial "serve de soporte e apoio á actividade xurisdicional de xuíces e maxistrados, actividade que, coa situación provocada pola folga, vese afectada".

Con respecto ao seguimento da folga, celebraron o alto grao de participación, que os últimos días estivo na contorna do 70 % en Galicia, e que este mércores subiu e mesmo superado nalgunhas áreas o 80 %.

REUNIÓN COA XUNTA

Á marxe da concentración en Santiago, representantes dos LAJ de Galicia manterán na mañá do venres unha reunión co director xeral de Xustiza, José Tronchoni, na sede da Escola Galega de Administración Pública, na capital compostelá.

Os Letrados non dependen da administración autonómica, xa que as competencias en materia de xustiza están transferidas no que respecta a medios materiais e persoais, excepto xuíces, maxistrados, fiscais e LAJ.

Con todo, "como directores funcionais dos funcionarios", que si son dependentes da Xunta, os secretarios xudiciais consideran "necesario" analizar as repercusións do paro indefinido co goberno galego.

Ademais, tamén este venres, os LAJ de Lugo protagonizarán unha nova acción simbólica, volvendo colgar as súas togas no catro balcóns do edificio xudicial durante unha hora pola "desidia" do Ministerio de Xustiza ante o conflito.

Togas dos Letrados da Administración de Xustiza (LAJ) colgadas no acceso aos xulgados de Lugo, con motivo da folga indefinida / remitida / Europa Press
Togas dos Letrados da Administración de Xustiza (LAJ) colgadas no acceso aos xulgados de Lugo, con motivo da folga indefinida / remitida / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta