O peor que lle pode pasar a unha sociedade é non ser quen de entender que o que lle parece normal e razoable é, en realidade, fóra do común e ata noxento. Cando algo é dado por ela como un elemento da paisaxe, é difícil loitar contra tal elemento. E isto independentemente de que, con outro tipo de criterio, sexan evidentes as eivas de tal práctica ou teoría. Non lles parece?
Claro, o complicado neses casos é ter a variña máxica para poder dilucidar se a cousa xulgada en cuestión –e permítanme o simplismo por abreviar- é boa ou mala. Quen vai erixirse en xuíz en tal delicada tarefa? O que facemos é deixar tal papel á maioría, nun exercicio democrático que non sempre leva a bo porto, ou á tradición, o que tampouco quere dicir nada... E é que por facer sempre as cousas dunha maneira, ou por crer todos en tal cousa, non é suficiente motivo para que sexan o máis axeitado para o conxunto.
Non está de acordo comigo? Non atopa ámbitos nos que aplicar tales razoamentos xerais? Cre que o que digo é, automaticamente, un ataque á democracia? Non. Pense, por exemplo, na escravitude. Cando esta era a práctica normal, moi poucos eran os que a cuestionaban, e a gran maioría facía a súa vida entendendo que era algo que dimanaba da propia esencia de ser sociedade, ou mesmo de principios para eles máis sólidos. Incluso xente moi sabia, que teorizaba sobre aspectos ben complexos da existencia ou das categorías da orde moral, non reparaba en moitas ocasións nas disquisicións de se as cousas eran naturalmente así ou tiñan que ser doutra maneira respecto da existencia de amplas capas da poboación cuxa vida pertencía a outras persoas. Era o normal... E o que a tradición, por outra parte, indicaba. Había escravos porque de lonxe tiña sido así, e xa está.
O que lles conto da escravitude tamén poden aplicalo, por poñer outro exemplo, á existencia das monarquías ou outras fórmulas de deturpación da vontade colectiva. E que non hai tanto tempo que as mesmas eran froito da decisión dun deus, segundo se dicía para xustificalas e veneralas. Para moitos era “o que había”, o que parecía connatural ao feito de vivir...
Eu son dos que, mirando ao mar, gustan de pensar a vida dunha maneira un pouco máis aberta do que suxiren os límites da “doxa”, e imaxinar se algunhas das ideas básicas dos nosos xeitos de vida resisten probas lóxicas, máis ou menos conceptuais. Teñan por seguro que non son ninguén para pontificar sobre iso, e penso que en realidade non hai tampouco outra persoa que poida facelo polos demais, correspondendo a amplos consensos despois de análises compartidas a determinación das posibles mudanzas necesarias entre o que hai, e o que podería ser. Pero estou convencido de que é un bo exercicio persoal e intransferible para limpar os propios ollos cos que nos achegamos ao día a día, desde un sentido crítico e moita gana de que as cousas funcionen ben, en termos de que máis seres humanos teñan unha existencia mellor.
É nese marco no que lles traio o tema que hoxe trato nestas liñas do Galicia Confidencial. Ten que ver coas entidades bancarias, cos seus actuais beneficios multimillonarios, cos “bonus” aos seus corpos directivos, moitos deles inéditos, co pretérito –pero non pechado aínda porque non foi devolto en grande medida- rescate destas entidades por parte de todas e todos, e cunha situación –a de hoxe- que está provocando grande falta de equidade e extraordinarias dificultades para moitas persoas. E, en tal contexto, é no que eu reflexiono sobre o papel da cobiza na nosa sociedade, e a normalización dela como “motor que move as cousas”. Porque un pode crer sen fisuras nun certo espazo para a propiedade privada, a iniciativa persoal e a economía de mercado, que penso non teñen moita alternativa a estas alturas, fóra de experiencias moi concretas e moi limitadas e, por tanto, non significativas. Pero unha cousa é isto e outra o que está a acontecer nun eido no que sempre gañan os mesmos, os de sempre. Moi poucos, que edifican a súa cobiza sobre as cinzas dunha sociedade que lles dá folgos e razón de ser. Ía dicir unha sociedade da que son parasitos, pero logo me pareceu forte de máis e desproporcionado, aínda que se un analiza cal é o beneficio e os custos de tal relación para cada unha das partes, non sei que pensar... No equilibrio debería estar a virtude, ou non?
Pero ben, máis alá da dialéctica, o que é preciso é unha mudanza no sentir e pensar colectivo fronte á normalidade de moitas das prácticas que están debaixo deses beneficios multimillonarios, recentemente coñecidos e que mesmo suscitaron unha reflexión crítica por parte do Ministerio de Economía. Pensen que son máis de 20.000 millóns o beneficio da “gran banca española” no exercicio 2022, nun contexto no que era suposto que todos estamos apertando o cinto por mor da crise. E, en particular, cunha remuneración ao aforro conxelada, mentres que os xuros e o custo do crédito vai desbocado hoxe. E que fai a banca? Pois festa rachada para os seus cargos directivos, sen que nada de tal beneficio vaia precisamente a pagar polos cartos inmobilizados polos aforradores, verdadeira forza do sector, mentres eses mesmos aforradores pagan máis que nunca, por exemplo, pola súa hipoteca. Un verdadeiro despropósito, baseado na cobiza, na que se as persoas ao cargo deste sector non son capaces de velo haberá que actuar desde a regulación... Pero claro, moitos dos que tiñan que coidar do galiñeiro, ou outros tantos aspirantes a facelo, tamén teñen as súas expectativas na casa do raposo –chámanlle “portas xiratorias”-. E o resultado, desastroso, xa o coñecen. O é para vostede, para min e, por adición, tamén para a economía de todos. Logo, como consecuencia disto, virán ciclos peores. E tamén saben xa que pasará entón. Que volveremos a darlles cartos “nas vacas fracas”. Pero nas gordas, nin nos falan. Están demasiado ocupados contando os seus beneficios...
jl_quintela_j@telefonica.net
Da sección: “Mirando ao mar”