1,3 millóns en axudas aos agricultores pola suba de prezo dos fertilizantes

Está previsto que os beneficiarios reiban as axudas antes de que remate abril

Por E.P. | Galicia | 15/02/2023 | Actualizada ás 14:21

Comparte esta noticia

Un total de 2.503 titulares de explotacións agrícolas repartiranse os 1,3 millóns de euros de axudas do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación para compensar o incremento dos prezos dos fertilizantes.

Este mércores, o departamento que encabeza o ministro Luís Planas publicou a listaxe provisional de beneficiarios desta convocatoria, que conta cun orzamento global para todo o Estado de 277 millóns de euros. Estas axudas están contempladas no decreto aprobado para facer fronte ás consecuencias económicas vinculadas á guerra de Ucraína.

A subvención concédese ás superficies de cultivos permanentes e terras de cultivo (exceptuados barbeitos e pastos temporais) que fosen elixibles para o cobro das axudas directas da Política Agraria Común (PAC) na campaña 2022. No caso de Galicia, un total de 64.992 hectáreas serían susceptibles de recibir esta subvención.

Segundo explica o Goberno, concederanse axudas cando o importe a percibir resulte igual ou superior aos 200 euros e ata un máximo de 300 hectáreas por beneficiario, nas que se priorizará a superficie en regadío. Está previsto que os beneficiarios poidan percibir estas axudas antes de que finalice o mes de abril.

Agricultores traballando no campo
Agricultores traballando no campo | Fonte: Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta